Cultura moche
A cultura moche é unha cultura arqueolóxica do Antigo Perú que se desenvolveu entre os séculos II e VII no val do río Moche (actual provincia de Trujillo, no departamento da Libertad). Esta cultura estendeuse cara ós vales da costa norte do actual Perú.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/1/13/Mapa_cultura_moche.png/250px-Mapa_cultura_moche.png)
As sociedades moches fixeron grandes obras de enxeñaría hidráulica: canles de regadía e represas, o que lles permitiu ampliar a súa fronteira agrícola a grande escala.
Foron grandes arquitectos; a súa materia prima foi o adobe. Construíron complexos relixiosos-administrativos de carácter monumental, conformados por palacios e templos ou huacas (en forma de pirámide trunca), as cales recubrían de grandes murais no alto e baixorrelevo, pintados con cores extraídas da natureza, onde plasmaron os seus deuses, mitos, lendas e toda a súa cosmovisión cultural. As máis notables destas construcións son as chamadas Huacas do Sol e da Lúa, no val de Moche.
Foron os mellores metalurxistas da súa época; douraron o cobre moito antes que en Europa; e coñeceron unha variedade de técnicas (laminado, martelado, soldadura, etc.), fabricando ferramentas, armas, vestimentas, emblemas, ornamentos e toda a súa variada e rico aparato ritual.
Foron grandes navegantes: construíron caballitos de totora, os máis pequenos para a pesca e os meirandes para as súas viaxes até as costas ecuatoriais, dende onde traían a cuncha Spondyllus, sacra para os moches, e en xeral, para o resto das culturas costeñas do Antigo Perú.