Sociedade Relixiosa dos Amigos

movemento relixioso
(Redirección desde «Cuaquerismo»)

A Sociedade Relixiosa dos Amigos, xeralmente coñecida como os cuáqueros ou amigos, é unha comunidade relixiosa disidente fundada en Inglaterra por George Fox (1624-1691). Aínda que eles mesmos se chamaron «amigos», a xente chamounos «quakers» ou «tremedores» («quake» significa «tremor» en inglés). Talvez en alusión á instrución dada por George Fox ós seus seguidores de «tremer no nome do Señor», e tamén pode corresponder á experiencia de quen eran «movidos» polo Espírito.[1] «Quaker» en galego coñécese como «cuáquero».[2]

A estrela vermella e negra empregouse como símbolo extraoficial do servizo social cuáquero dende finais do século XIX, e foi adoptada oficialmente (con algúns cambios) polo Comité Americano de Servizo dos Amigos (American Friends Service Committee) en 1917. Outra variación é empregada pola organización británica Quaker Peace and Social Witness.

Estendéronse nos Estados Unidos polas actividades de William Penn, especialmente no estado de Pensilvania. Non teñen un credo oficial, e os cuáqueros poden chegar a ter crenzas diversas, en diferentes países e a escala nacional. A pesar diso, son considerados unha das igrexas historicamente pacifistas.

Crenzas editar

Aínda que non existe ningún credo oficial para a Sociedade Relixiosa dos Amigos,[3] os cuáqueros expresaron por escrito a súa fe nos denominados Testemuños Cuáqueros, que forman a base da súa fe e da súa práctica.

Desde os inicios do movemento, moitos cuáqueros manifestaron a súa intención de «atopar a verdade» e de revivir as experiencias do cristianismo primitivo.[4]. Dese xeito, algúns destacados dirixentes sentiron guiados polo Espírito Santo, polas Sacras Escrituras e, máis particularmente, por unha voz ou luz interior que lles revelaba o camiño para atopar a verdade espiritual. Con respecto a esta voz interior, tipicamente úsase a frase inglesa "a still, small voice" (que vén de 1 Reis 19:12, a cal así se traduce na Versión Autorizada do rei Xacobe[5]​ e a cal a Biblia de Xerusalén traduce como "o rumoreo dunha brisa suave").[6]

Así pois, unha das crenzas máis peculiares do cuaquerismo é esta convicción de que cada persoa leva algo do divino dentro de si; cada persoa pode ter un contacto directo con Deus, sen necesidade de recorrer a sacerdotes nin a sacramentos.

Nesta convicción baséase tamén, en gran parte, a diversidade de crenzas particulares que conviven dentro da comunidade cuáquera mundial, desde as Igrexas Evanxélicas dos Amigos, tan difundidas no mundo hispano, ata as comunidades universalistas.

Os cuáqueros, en xeral, defenden a xustiza, a vida sinxela, a honradez estrita e o pacifismo. Cuestionan a relixión establecida, evitan a pomposidade e a guía sacerdotal. Tamén sosteñen que en canto cristiáns, mulleres e homes, poden e deben participar no ministerio relixioso.

A base das súas crenzas son os Testemuños cuáqueros e os principios compartidos por todas as ramas cuáqueras son Paz, Verdade ou integridade, Igualdade e Simplicidade.

Culto editar

O culto dos cuáqueros non programados consiste nunha reunión silenciosa de máis ou menos unha hora, durante a cal toda persoa pode ser chamada a ofrecer unha mensaxe que provén do Espírito. Entre os cuáqueros programados, en troques, tamén adoita haber adoración silenciosa, pero durante menos tempo, e como parte dun servizo relixioso máis do estilo protestante.

Hai congregacións dispersas por todo o mundo: Gran Bretaña conta con 27.000 cuáqueros en 500 congregacións («reunións»). Todos os amigos en Inglaterra pertencen á Reunión Anual de Bretaña e son «non programados».

Os cuáqueros rexeitaron a escravitude dende a súa aparición en Inglaterra. Foron os primeiros que a condenaron nos Estados Unidos, mesmo antes da independencia dese país. En Inglaterra apoiaron o movemento antibelicista Unión de Control Democrático aínda en momentos de grande apoio nacional ós esforzos de guerra.

Notas editar

  1. Oxford Dictionaries Arquivado 16 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (en inglés)
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cuáquero.
  3. "A Brief Introduction to Quakerism". QuakerMaps.com (Beta). 30 de xaneiro de 2010. Consultado o 13 de xuño de 2017. 
  4. "BBC - Religions - Christianity: Quakers". www.bbc.co.uk (en inglés). Consultado o 10 de maio de 2020. 
  5. "1 KINGS CHAPTER 19 KJV". www.kingjamesbibleonline.org (en inglés). Consultado o 2020-12-27. 
  6. "1 Reis 19 JER - Biblia de Jerusalen". BibliaTodo (en castelán). Consultado o 2020-12-27. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar