Crise da República Romana

A crise da República Romana foi un longo período da historia da República Romana caracterizado pola inestabilidade política e o malestar social que culminou na desaparición da propia república para dar paso a un novo réxime, o Imperio Romano.

Contexto editar

 
A segunda guerra púnica foi o causante da Crise da República Romana.Na imaxe Aníbal cruzando os Alpes (fresco do século XVI)

A orixe da crise da república hai que buscala no triunfo de Roma sobre Cartago. Desde aquela Roma quedou sen unha potencia que puidese contrarrestar a súa superioridade militar e cunha política agresiva internacional esparexeu os intereses de Roma por toda a conca mediterránea; o estado romano arriqueceuse en forma desmedida e verqueu gran parte dese diñeiro sobre a cidade de Roma, conmocionando o sistema social tradicional ao distribuírse esa riqueza de xeito desigual, multiplicando as clases sociais e afondando na separación entre elas.

Latifundismo editar

A aristocracia vai ser a máis beneficiada, resérvandose o control do poder político. A invasión de Italia por Aníbal provocara a morte de gran número de campesiños e as dificultades que tiñan os sobreviventes fixeron posible que esa aristocracia puidese adquirir gran cantidade de terra concentrada en latifundios traballados por escravos conseguidos nas guerras. Foi a aristocracia senatorial a máis activa na merca de terras en parte por non poder ocuparse os senadores de máis actividade económica que a agricultura desde a aprobación dunha lex claudia no 218 a.C. e xa que os principais beneficiarios da política de expansión e concentración de terras van ser os senadores. Gran parte dos pequenos propietarios entraron a formar parte do proletariado urbano ou rural rachando co antigo equilibrio social.

Oligarquía editar

A segunda guerra púnica contribuíu á tendencia á concentración do poder nunhas poucas familias, a nobilitas, a cal tiña un canon de virtude pública que obrigaba a familia a servir ao Estado; pero a identificación entre nobilitas e res publica acabou por facer que a primeira acabase por ver o Estado máis como unha posesión que como un servizo, tratando cada volta máis os asuntos de estado como se fosen asuntos de familia. Manifestándose na eleccións de maxistraturas -xa que estes se elixían en asembleas populares- a tradicional competencia entre aristócratas transformouse en xogo sucio no que era preciso gastar enormes sumas de diñeiro para acceder á maxistratura.

Sistema militar editar

As guerras que Roma sostivo en Hispania entre o 155 e o 133 a.C. provocaron problemas de fornecemento de soldados no exército romano. As levas eran impopulares e houbo momentos nos que cumpriu suspendelas por disturbios ao manterse o sistema tradicional de leva que afectaba os propietarios de terras, que tiñan a obriga de prestar o servizo militar ás súas expensas segundo as súas posibilidades, sistema pensado para guerras próximas e curtas pero que provocaban a ruína aos campesiños cando se afastaba a fronte de guerra e se aumentaba o tempo de servizo, prolongándose varios anos.

Roma editar

Como consecuencia dos problemas da agricultura, a poboación de Roma experimentou un forte aumento de forma rápida pero a guerra en Hispania, unha guerra de guerrillas da que non podía sacar proveito material, provocou unha recesión e unha diminución do gasto público unido á rebelión dos escravos de Sicilia, o graneiro de Roma. O equilibrio entre prezos e salarios caeu e a especulación cos artigos de primeira necesidade foi a tónica nestes anos. Boa parte da poboación romana caeu na miseria e a fame.

Loita entre fraccións editar

Fronte á crise a aristocracia tiña que continuar a guerra para manter as fontes do seu prestixio e riqueza. Exacerbáronse as súas diferenzas internas pola competición para obter maxistraturas, transcendendo fóra do seo da aristocracia a través dos tribunos da plebe.

Nese contexto Tiberio Graco pasou no 133 a.C. unha lei que limitaba a extensión do ager público que cada cidadán estaba autorizado a utilizar en usufruto, repartíndose o sobrante entre os cidadáns sen terra e uns anos despois Caio Graco estableceu reformas máis radicais.