Por favor, non engadas comentarios ou valoracións persoais aos artigos da Wikipedia, como fixeches en "Luís Rial". Se o fas, estás a incumprir a política de obxectividade da Wikipedia, rompendo o ton formal que se agarda dunha enciclopedia. Grazas.

Os comentarios, ben que podían non ser "politicamente correctos" (termo cuñado por Stalin, dito sexa de paso) ou mesmo faltóns (recoñezo certo ánimo propenso a iso ao redactar esta entrada), eran obxectivamente contrastábeis: so fai falla saber do que se fala. Unha cousa é a forma e outra o contido; unha cousa é corrixir estilo e outra eliminar información. Por certo: a ver se os listos actualizades a entrada, que estou a escoitar a este señor pola radio, como todas as noites, e os xubilados non traballan; eu séiche ben do tema que aconteceu, pero paso do vellete, que agora o coñecín e non é mal tipo. Saúdos.

Castelo de Pambre editar

Ola. Vin as túas edicións en Castelo de Pambre. Poderías achegar as fontes das cales tomaches eses contidos? Un saúdo. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 11:14, 16 de febreiro de 2011 (UTC)

Boas Xoacas. Verás, moito do que conto vén do feito de eu ser o bisneto de Manuel García Blanco e o derradeiro neno criado en no castelo de Pambre, entre o esterco do semental e as bestas acobilladas na capela. Moito do que sei d'A Torre -que é o seu nome de sempre- é o que calquera familia con memoria pode saber sobre a súa historia: o meu bisavó pasou horas enteiras falándome de Pambre alí mesmo, coma antes fixera co meu pai, tío e avós, e antes xa fixeran con el.

Outras cousas seinas porque dende rapaz empecei a preguntar á miña familia, ben que nunca gustou de falar do tema, por aquel paraíso perdido da miña infancia. Outras seinas porque lin bastante da bibliografía fiábel que hai sobre Pambre (non as estulticias que se están a publicar na prensa dende hai anos, que derivan unhas de outras reiterando erros), que tampouco non é tanta, principianto por Vasco Daponte e o Preito Távera-Fonseca (s. XV) e rematando por Eduardo Seixas (Seijas) e Ángel del Castillo, máis achegados a nós. Os datos máis interesantes, en definitiva, coñézoos porque teño toda a documentación sobre a Torre e as súas terras dende o ano 1702 deica o 1974; é dicir, dende o documento de aforamento perpetuo ao meu antergo Manuel Moreiras até o documento notarial de venda a Manuel Taboada por parte do meu bisavó (feito que eu propio ben lembro). Son tanto documentos oficiais coma cartas ao duque de Alba (de Berwiq ou Berbique ao principio), inventarios de terras e lindes, correspondencia familiar, recortes de prensa, etc. Un carpetón de considerábel volume, ben que non excesivo pra case tres séculos de historia, por momentos non doada de desentranar. Actualmente estou recompilando e ordenando datos pra escribir unha historia da Torre de Pambre que agardo despexe moitas dúbidas e erros que, como digo, se reiteran, pero outras ocupacións e o afán de fidelidade impiden que avance na xeira como desexara.

Digamos que para este artigo, como podes ver polo que che conto, podo ser considerado como unha fonte primaria segundo as convencións estabelecidas pra citación en calquera investigación rigorosa. Onte pola noite déume por ver o que poñía na galipedia sobre a Torre e, sen ánimo de ser exhaustivo, nin moito menos, introducín algunha cousiña; sería moito máis o que podería achegar en canto a datos de todo tipo, pero fíxeno de memoria, rapidamente e sen citar fontes que tería que consultar, como advirtes. De calquera xeito, si citei a procedencia de certas informacións no mesmo texto, xa que me lío co sistema de notas da galipedia e non che teño interese ningún en aprendelo, logo che explico por que (de feito, aínda non sei se estou a escribir isto no lugar correcto). Se non fun máis rigoroso foi por falla de tempo e, asemade, desinterese na wikipedia, á que non considero (nin eu nin ningún investigador) soporte axeitado pra dar información que aínda non está debidamente publicada.

Explícome no referente ao meu desinterese nesta plataforma: Hai anos que principiei a colaborar neste proxecto. Son historiador pola Universidade de Santiago e fun redactor e coordinador de enciclopedias centradas en Galicia, polo que cando se empezou a falar da wikipedia me vin con capacidade demostrábel pra encetar a tarefa de colaborar. Pronto vin que na wikipedia en castelán calquera cuestión referente á Historia de Galicia era un campo de batalla ideolóxico mantido por redactores sen criterio avalado (iso si: todos dicían na súa ficha aquilo de "me encanta la Historia", pero daba medo a bibliografía que recoñecían empregar). Que un calqueira que só redactara entradas como "monopatín", "skate", "skateboarding", "A las once en casa" e semellantes poida censurar textos da miña especialidade académica baixo os seus criterios ideolóxicos particulares (e que cando eu os revisara de novo censurara a miña participación no proxecto) decidíume a darme de baixa como colaborador e adicar o meu tempo a tarefas máis froitosas (curiosamente, as milñas achegas á wikipedia en inglés non foron censuradas, ben que si amábelmente corrixidas). Decateime de que levaban razón quen advertían que os proxectos wiki están invadidos por friquis desocupados e diletantes de baixo nivel, e de que dos artigos raramente te podes fiar se non controlas previamente algo do tema e xa chegas con certo criterio.

Agora de cando en vez paso un tempiño distraído facendo algunha engádega de modesta entidade en 'entradiñas' como "Tortilla de patacas", "Lao-Tsé", "cronopio" ou "Gastronomía de Galicia", alonxadas do interese dos fricotas. Fágoo anomamente, segundo me vai xurdindo, pásoo ben, non me esforzo de máis (as veces...) e pouco me ten se alguén opina que ten que eliminar a miña colboración en asuntos tan pouco conflitivos.

Recoñezo que a galipedia é un campo máis agradábel que a súa correspondente en castelán, dende logo, pero xa cheguei a ela sen ganas de esforzarme demasiado e a penas colaboro de cando en vez. Onte deume por facer un par de cousiñas e nunha delas, a que non foi "Castelo de Pambre", xa me tocaron o carallo, ben que outro redactor ou administrador ou o que for comprobo agora que tivo a amabilidade de recuperar os datos que introducín e eliminar alguna vulgaridade que algún xenio do estilo lle deu por considerar como achega gloriosa (de paso, axudoume coas citas e os encabezamentos; foi realmente amábel e mellorou a miña aportación).

No referente a esta entrada (que como comprenderás si que me interesa máis que "Tortilla de patacas") foi unha probiña o que fixen, a ver como ía a cousa... Comprobo agora que durante o día de hoxe xa se trocaron, ademais de erratas, cousas tan subxectivas como redaccións que eran gramaticalmente correctas, pero vale... Outros trocos considéroos errados e gostaría de saber por que onde eu escribín "Paio" alguén puxo "Payo", xa que dubido da súa fonte: non só no galego actual non existe o "y" (así que de que vai o tío este?), senón que na lápida á que aludo no texto está labrado "Paio", como se ve claramente no calco que dela fixeron Eduardo Seijas e o meu bisavó e que agora estou vendo na primeira edición, 1962, de "Fortalezas de Lugo y su provoincia", Tomo III, escrito polo primeiro e agarimosamente adicado ao segundo. A que fonte acudiu a lumbreira que che comento prá mudanza? Non embargante, decidiu que "Varela" non estaba mal, vaites! Pois ressulta que xa pode ir fozar outra vez no texto se quere, porque na lápida pon "Barela", mira ti por onde... (esta transcrición miña á ortografía actual é correcta segundo os meus estudos universitarios de epigrafía e paleografía, pero igual é que non sei do tema nin eu nin os catedráticos que me deron clase, así que o vaia cambiar tamén o listo del). Por certo: na lápida pon "Juana de Novoa", non Xoana, así que xa ten máis cousiñas que facer o xenio do rapazolo. A min, xa che digo, tanto me ten, que non sabes a de cousas das que me teño que preocupar. alguén tamén trocou "sillar", que puxera eu, por "perpiaño", que non é exactamente o mesmo nin en galego nin en outras linguas, segundo aseguran os varios dicionarios de termos artísticos que tiven que estudar e que teño ao meu carón, pero claro, quen sabe a fonte do que se veu autorizado a facer tal troco; déixoo todo como está, que non teño ánimos pra principiar unha absurda batalla por miudezas. Sorprendente resulta a eliminación dalgunha frase enteira realmente informativa e comprensíbel. En fin...

Con todo, comprenderás que agora non me arrepinta de non ter feito máis esforzo e omitira datos que todo lector que interesado consultara esta entrada agradecería atopar: pormenores dos preitos pola propiedade durante todo o século XIX e principios do XIX -dos que non coñezo máis fonte que os papeis amareleados que conservo-, algunha outra outra lenda máis -como a da moura tecelá que contaba a miña bisavoa-, ou o nome de cada unha das torres do castelo -que me ensinaron meu bisavó e meu pai-, dixitalizar algunha imaxe inédita (aínda que xa vexo que é un ensarille publicar imaxes; paso...) pero xa ía tendo sono e supoño que hoxe xa estaría todo borrado por non poder eu citar "fonte fiábel" ningunha. Que cousas...!

hoxe, como vés, elixín gastar o tempo escribíndoche esta nota que agardo que calquera "galipedista" poida ler. Parecéume que tiña máis motivo pra respostar cumpridamente o teu interese e amabilidade a cambio de non me ocupar doutras cousas -ou de ren- que ceder materiais expostos a calquera friqui que quixer exercer as súas frustracións a distancia. Ogallá todos os que nisto ocupan o tempo fosen tan amábeis coma ti e o que antes che comentei que colaborou en completar comigo outro artigo.

Desculpa pola extensión deste escrito. Prometo que cando publique as informacións sobre A Torre de Pambre achegareinas á Galipedia debidamente.

Saúdos e grazas pola vosa adicación ;-) —o anterior comentario sen asinar foi feito por 84.78.69.123 (conversacontribucións) 17 de febreiro de 2011 ás 07:26

Ola. En primeiro lugar, recuperei a túa edición nesta mesma páxina, como poderás comprobar ti mesmo máis arriba; as páxinas de conversa non están a disposición dos seus usuarios, son un espazo que emprega a comunidade para comunicarse. En segundo lugar, cando te dirixas a outro usuario debes facelo na súa páxina de conversa, pois é o modo de que a el lle apareza unha mensaxe de aviso cando inicie sesión de novo. E por último, as túas edicións sobre o artigo da torre de Pambre diferéncianse doutras sen referenciar en que melloran moi substancialmente o contido do artigo e axudan ó lector a comprender o que é e foi a torre. Por iso, no canto de desfacerche as edicións optei por pedirche que proporciones as fontes. Xa que dis que non lembras exactamente de que fontes tomaches esa información, estaría ben que proporcionases, polo menos, unha listaxe de bibliografía, aínda que sexa breve, que permita verificar en certa medida o contido do artigo. É certo que escribir sobre temas máis locais ten a dificultade que supón a carencia de bibliografía, pero a política de verificabilidade é fundamental. E xa para rematar, as diferencias de parecer cos demais usuarios soluciónanse co diálogo. Ti viches edicións doutros que non che gustaron, sen entender os motivos que tiveron para facelas, pero motivos houbo. Por exemplo, e falando de léxico, aquí empregamos como referencia o VOLG ou, no seu defecto, o Xerais. Pero a palabra sillar non ven recollida por ningún dos dous, non así a palabra perpiaño. Xoacas(ti si que es lindo, ho) 12:10, 17 de febreiro de 2011 (UTC)