Convento do Carmo de Lisboa

O Convento do Carmo de Lisboa é un antigo convento da Orde de Santa María do Monte Carmelo situado no Largo do Carmo. Érguese sobranceiro ao Rossio (Praça de D. Pedro IV) no outeiro oposto ao do castelo de San Xurxo, na cidade de Lisboa, en Portugal.

Convento e Igrexa do Carmo vistos dende o Rossio.
Ruínas da nave da igrexa do Convento do Carmo.
Túmulo gótico de Fernando I de Portugal.

O conxunto foi a principal igrexa gótica da capital, e pola súa grandeza e monumentalidade mesmo competía coa propia Sé de Lisboa. Ficou en ruínas por mor do terremoto de 1755 e nunca foi reconstruído. Constitúe un dos principais testemuños da catástrofe aínda visíbeis na cidade. No presente as ruínas acollen o Museo Arqueolóxico do Carmo.