Consoante líquida

Unha consoante líquida é unha clase de consoantes que inclúe tanto ás consoantes laterais como ás consoantes vibrantes ou róticas.[1]

Descrición editar

Tanto as laterais como as vibrantes teñen propiedades fonotácticas semellantes en moitas linguas, por tanto, resulta útil agrupalas nunha clase, a clase das líquidas. Por exemplo, en moitas linguas as líquidas son as consoantes que teñen unha maior liberdade de ocorrencia en grupos consonánticos.[1] Nalgunhas linguas como o xaponés ou o coreano existe unha único fonema líquido que segundo o contexto se realiza como lateral ou como vibrante, é dicir, existen alófonos laterais e vibrantes dese fonema.

Entre as linguas do mundo o máis frecuente é que existan dúas líquidas en oposición /l/, /ɾ/, agás entre as linguas indíxenas de Norteamérica e as linguas aborixes de Australia. En Norteamérica, as linguas adoitan carecer de vibrantes e, pola contra, existe unha ampla variedade de laterais, aínda que frecuentemente son obstruíntes e non aproximantes. A maioría de linguas aborixes de Australia teñen un conxunto moi rico de líquidas, chegando algunhas linguas a ter sete líquidas diferentes (incluíndo dentais, alveolares, retroflexas, palatais e até tres vibrantes diferentes). Esta exuberancia de consoantes líquidas nas linguas australianas compensa amplamente o reducido número de vogais e a escaseza de fricativas nestas linguas.

Por outra banda, hai moitas linguas amazónicas e do leste de Norteamérica que carecen por completo de consoantes líquidas, e tamén algunhas poucas de Asia e África. As linguas polinesias tipicamente teñen unha única líquida, que pode ser unha lateral ou unha vibrante.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Ladefoged and Maddieson (1996), p. 182

Véxase tamén editar

Bibliografía editar