Confederación Granadina

A Confederación Granadina foi unha república conformada polas actuais Colombia e Panamá entre 1858 e 1863. Foi estabelecida na Constitución de 1858 durante o goberno de Mariano Ospina Rodríguez. Esta carta constitucional substituíu o sistema centro-federal que se organizou coa constitución de 1853, e foi a antesala da formación do denominado Olimpo Radical, período no que as ideas do liberalismo radical colombiano impuxéronse baixo o nome dos Estados Unidos de Colombia (1863-1886).

Mapa da Confederación Granadina.

Historia editar

A Confederación Granadina formaba parte dunha serie de reformas que comezaron a mediados do século XIX en toda Hispanoamérica, e que tiñan por propósito romper de forma definitiva con calquera atraso do sistema colonial.[1] No caso do que hoxe é Colombia e Panamá, esta trasformación viviuse a través dun paulatino proceso de cambio no modelo político, económico e social imperante dende o período das independencias. Os cambios á orde establecida espertaron profundas contradicións no seo da sociedade, que se expresaron en dúas guerras civís en 1851 e 1860, máis un golpe militar en 1854. A primeira destas conflagracións estivo relacionada co papel da Igrexa na sociedade, mentres que a segunda e o golpe de estado de Tomas Cipriano de Mosquera vincúlanse ás tensións producidas polo afondamento do sistema federal, entre a soberanía nacional e os poderes rexionais.[2]

Neste senso, a Confederación Granadina salienta porque a súa efémera existencia deu conta tanto das trasformacións políticas, como da resistencia que isto xerou nalgúns sectores da sociedade, que aínda sendo parte da idea dun modelo de República federal, consideraban que a existencia dun goberno xeral forte era preciso para manter a orde despois da guerra do 1851.[3] Estas contradicións, sumadas ás tensións que existían ó redor da separación Igrexa-Estado como parte do ideario liberal que se impuñan no momento, foron procesos que levaron ó levantamento dos seguidores do Xeneral Mosquera e o radicalismo liberal en 1860-1863, como evento central deste período Confederado da historia de Colombia e Panamá.

Notas editar

  1. "Liberalismo tropical: Cómo explicar el auge de una doctrina económica europea en América Latina, 1780-1885.". 
  2. La guerra por las soberanías: memorias y relatos en la guerra civil de 1859-1862. La Carreta Editores. 
  3. "El federalismo en la historiografía política colombiana (1853-1886)".