Clepton

En bioloxía, un clepton (abeviado kl., de klepton) e un sinclepton (abreviado sk., de sinklepton)[1] é unha especie que necesita a contribución doutro taxon biolóxico (normalmente dunha especie que está estreitamente relacionada coas especies cleptónicas) para completar o seu ciclo reprodutor.[2] Tipos específicos de cleptons son os cigocleptons, que se reproducen por cigoxénese, os xinocleptons, que se reproducen por xinoxénese e os ticocleptons, que se reproducen por unha combinación de ambos os sistemas.[3] O termo deriva da palabra grega, kleptein, 'roubar'.[4]

A reprodución cleptoxénica pode orixinar tres posibles resultados. Unha femia unisexual pode simplemente activar a división celular no ovo pola presenza de esperma do macho sen incorporar nada do material xenético masculino. Isto ten como resultado a produción de proxenie clonal. Outra posibilidade é que a femia incorpore o esperma do macho (co seu material xenético) no ovo, pero pode facelo sen escindir nada do seu propio material xenético feminino, o cal orixina un incremento dos niveis de ploidía, que vai desde a triploidía á pentaploidía en individuos silvestres. Finalmente, a femia tamén ten a opción de substituír algo do seu material xenético feminino polo do macho, resultando un "híbrido" de seleccións ou combinacións sen incrementar a ploidía.[5]

Exemplo nas píntegasEditar

Na natureza cinco especies de píntegas Ambystoma contribúen a un complexo unisexual que se reproduce por unha combinación de xinoxénese e cleptoxénese, que son: A. tigrinum, A. barbouri, A. texanum, A. jeffersonium e A. laterale. Atopáronse na natureza unhas vinte combinacións xenómicas, que van desde individuos "LLJ" (dous xenomas de A. laterale e un de A. jeffersonium) a individuos "LJTi" (un xenoma de A. laterale, outro de A. jeffersonium e outro de A. tigrinum).[5] Porén, cada combinación contén a información xenética da especie A. laterale e a análise de ADN mitocondrial indicou que estas especies unisexuais diverxeron moi probablemente dun individuo de A. barbouri hai uns 5 millóns de anos,[6] facendo que sexa a especie de vertebrado unisexual máis antiga da Terra[7]

O feito de que estas píntegas perisistiran durante tan longo tempo é salientable, xa que contradí a noción de que a maioría das liñaxes asexuais se orixinaron cando as condicións eran boas e desapareceron rapidamente.[8] Argumentouse que esta persistencia débese moito máis probablemente á estratexia de "substitución de xenoma" antes mencionada que acompaña a reprodución cleptoxénica. Substituír unha porción do xenoma materno co ADN parental na descendencia permitiu que os individuos unisexuais "actualicen" o seu material xenético co tempo. Esta faceta da cleptoxénese foi recentemente avaliada por investigacións xenéticas, que indican que non hai ningún xenoma ancestral de A. laterale que se manteña dun individuo unisexual ao seguinte e que non hai un xenoma "L" específico que se encontre con máis frecuencia que outros. O material xenetico "L" encontrado nestas píntegas tamén evolucionou para ser substancialmente único con respecto aos xenomas sexuais.[5]

Outras especies estudadas que mostran esta propiedade inclúen as ras Pelophylax.[3]

NotasEditar

  1. Dubois, A.; Günther, R. (1982). "Klepton and synklepton: two new evolutionary systematics categories in zoology". Zoologische Jahrbücher, Abteilung für Systematik, Ökologie & Biologie der Tiere 109: 290–305. 
  2. Bogart, J (2009). "An examination of intergenomic exchanges in A. laterale-dependent unisexual salamanders in the genus Ambystoma". Cytogenetic and Genome Research 124 (04): 44–50. ISSN 1800-427X. PMID 19372668. doi:10.1159/000200087. 
  3. 3,0 3,1 Dubois, Alain (2011). "Describing a new species". Taprobanica: The Journal of Asian Biodiversity 2 (1): 6. ISSN 1800-427X. doi:10.4038/tapro.v2i1.2703. 
  4. Gordh, Gordon; Headrick, David (2011). A Dictionary of Entomology (2 ed.). CABI. Klepton, p.769. ISBN 9781845935429. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Bogart, J (2013). "Genetic and genomic interactions of animals with different ploidy levels". Cytogenetic and Genome Research 140 (04): 117–136. ISSN 1800-427X. PMID 23751376. doi:10.1159/000351593. 
  6. Bogart, J (2007). "Unisexual salamanders (genus Ambystoma) present a new reproductive mode for eukaryotes". Genome 50 (2): 119–136. PMID 17546077. doi:10.1139/G06-152. 
  7. Bi, K (2010). "Time and Time again: unisexual salamanders (genus Ambystoma) are the oldest unisexual vertebrates". BMC Evolutionary Biology 10 (1): 238. ISSN 1800-427X. PMC 3020632. PMID 20682056. doi:10.1186/1471-2148-10-238. 
  8. Lodé, T (2012). "Adaptive Significance and Long-Term Survival of Asexual Lineages" (PDF). Evolutionary Biology 40 (3): 450–460. doi:10.1007/s11692-012-9219-y. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar