A ceolita[1][2] ou zeolita (do grego zein ‘ferver’ e lithos ‘pedra’) é un conxunto de diversos minerais compostos por silicatos alumínicos hidratados de metais alcalinos e alcalinotérreos.

Ceolita

A etimoloxía da verba ceolita fai referencia a que estas rochas cando se quentan a altas temperaturas inchan e desprenden burbullas.

Estes minerais maniféstanse en vetas de rochas ígneas básicas, particularmente basalto. Os minerais posúen densidades específicas no rango de 1,9 a 2,8 g/cm3 e durezas de entre 3 e 6 na escala de Mohs.

As ceolitas son aluminosilicatos con cavidades de dimensións moleculares de 8 a 10 ángstrom. Contén ións grandes e moléculas de auga con liberdade de movemento, para así poder permitir o intercambio iónico.

As ceolitas son utilizadas en procesos para abrandar a auga mediante un método de intercambio de ións chamado proceso ceolítico.

Propiedades e usos

editar

As ceolitas, constituídas por estruturas de silicio e alúmina, como tetraedros, presentan máis de 50 tipos naturais e centos sintéticos, cada un cunhas propiedades específicas. Son útiles para múltiples aplicacións industriais, en procesos de refino do petróleo, na industria química como catalizadores, ou na agricultura e gandaría, mellorando a calidade do solo e a alimentación animal.

Na actualidade, estanse investigando novas aplicacións, como a captura e almacenamento de gases, potencialmente útiles no combate ao cambio climático. As súas propiedades únicas prometen avances significativos na súa aplicación no futuro.

Avelino Corma, recoñecido químico da Universidade de Valencia, que foi premiado co galardón ao Inventor Europeo 2023 desenvolveu co seu equipo unhas ceolitas que son usadas na industria para mellorar a eficiencia das reaccións químicas e na transformación de produtos como o petróleo cru.[3]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ceolita.
  2. "ceolita". TERGAL. Arquivado dende o orixinal o 09/05/2018. Consultado o 09/05/2018. 
  3. Huete, Julio (2023-07-07). "El químico español Avelino Corma, inventor europeo de 2023". innovaspain (en castelán). Consultado o 2023-07-07. 

Véxase tamén

editar