Centén

antiga moeda de ouro española de 100 escudos
Centén de 1633 [1][2]
Anverso: armas reais nun círculo. Á esquerda, marcas de ceca (acuaeduto) e de ensaiador "R". Á dereita, valor (100). Lenda: PHILIPVS * IIII * D * G * Reverso: cruz de Xerusalén en cuadrifolio. Lenda: HISPANIARVM * REX * 1633 *
· Valor: 100 escudos.

· Data: 1633.

· Territorio: Reino de España.

· Ensaiador: Rafael Salván (marca de ensaiador: R).

· Ceca: Segovia (marca de ceca: acueduto).

· Metal: ouro.

· Diámetro: 75,50 mm.

· Grosor: 5 mm.

· Peso: 338,05 g.

O centén foi unha moeda española de ouro de gran tamaño, con valor de 100 escudos de ouro,[3][4] emitida inicialmente en 1609, baixo o reinado de Filipe III, e cuñada novamente durante os reinados de Filipe IV e de Carlos II.

Caracterización

editar

Esta moeda foi cuñada exclusivamente na Real Casa da Moeda de Segovia, a única no seu momento con capacidade para cuñar pezas deste tamaño, as meirandes da historia numismática española, grazas ás súas prensas de rolete.[2] Tiña un peso de arredor dos 340 gramos e un diámetro de entre 75 e 76 milímetros.[5][6]

No seu anverso presenta o nome do monarca e o escudo do Reino de España, así como a indicación do seu valor facial e un acueduto como marca de ceca relativa ao obradoiro segoviano.[1][5][7] Baixo a marca de ceca amósase tamén unha inicial a modo de marca do ensaiador: "AR" (Andrés de Pedrera", "P" (Pedro Enríquez) ou "R" (Rafael Salván de Aulina).[6]

No reverso, o centro está ocupado pola cruz de Xerusalén, rodeada pola lenda HISPANIARUM REX e a data.[1][5][7]

Os centéns non estaban destinados á súa circulación estándar. A súa cuñaxe, en tiraxes moi limitadas, precisaba unha licenza expresa do rei, xa que non se atopaba entre as moedas previstas na lexislación monetaria, consonte a Pragmática da Nova Estampa de 1566.[6] Tratábase de moedas de prestixio e ostentación, concibidas para seren utilizadas como obsequios a persoeiros relevantes e como agasallos diplomáticos.[2][7]

Dada a escasísima cantidade de moedas emitidas, os centéns son unhas moedas moi apreciadas no coleccionismo, cuns prezos moi elevados, as poucas veces que aparecen nunha poxa numismática. En outubro de 2009, a casa barcelonesa Áureo & Calicó sacou a poxa un exemplar correspondente á primeira emisión, de 1609, que foi adxudicado en 800.000 euros.[8][9][10]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar