Abrir o menú principal

Categorías (Aristóteles)

Primeira páxina das Categorías na edición de August Immanuel Bekker, 1834.

Categorías (grego antigo: Κατηγορίαι, Katēgoriai, ou περὶ τῶν κατηγορίων, perì tṓn katēgoríōn; lat.: Categoriae) é unha obra do filósofo Aristóteles. Nela, o autor propón unha clasificación mediante dez xeitos de predicar. Coñécense tamén como predicamentos ou xeitos do ser.

ContidoEditar

O termo categoría provén de ámbitos xurídicos, onde se empregaba o verbo kategorein para acusar a alguén. É desde Aristóteles cando o verbo kategorein obtén un novo significado. Daquela, categoría abandona o seu sentido de ataque para tomar un sentido máis neutral e xerar o sentido de predicación. O texto Categorías é así unha teoría onde se "acusa" a realidade. Xa que logo, Aristóteles confecciona diversos xéneros de predicados: "eu acuso esta mesa de ser branca" ou ben "eu acuso a Sócrates de ser un animal racional". Por esta razón teremos diversas perspectivas para facermos as nosas acusacións.

Neste tratado, Aristóteles divide as expresións lingüísticas en expresións sen combinación ou sen ligazón (por exemplo "home", "corre" ou "triunfa") e con combinación (por exemplo "home corre" ou "home triunfa"). As expresións sen ligazón non afirman nin negan nada por si mesmas, senón só ligadas a outras expresións. Así mesmo, as expresións sen ligazón (ou sen combinación), son simplemente termos ou categorías. Aristóteles nomea 10:

  • Substancia: como "o home" ou "o cabalo".
  • Cantidade: como "dúas ou tres varas".
  • Calidade: como "branco".
  • Relación: como "dobre" ou "maior".
  • Lugar: como "no liceo" ou "no mercado".
  • Tempo: como "onte" ou "hoxe".
  • Posición: como "sentado" ou "deitado".
  • Posesión: como "armado" ou "desarmado".
  • Acción: como "corta" ou "camiña".
  • Paixón: como "é cortado" ou "é queimado".

Como neste tratado Aristóteles non sempre separa claramente as expresións lingüísticas dos seus respectivos obxectos, parece que clasifica á vez a realidade nos correspondentes tipos de obxectos e de calidades. Esta división é, segundo a súa concepción, a máis xeral e completa posible. E posto que en último termo non está claro se se trata dunha clasificación da linguaxe, da realidade ou de ambas, a obra tematiza aspectos lóxicos e filosófico-lingüísticos, así como problemas da clasificación fundamental de todo o existente.

As "Categorías" son incluídas tradicionalmente entre as obras lóxicas de Aristóteles. Constitúen, na lista transmitida dos seus escritos -que non procede do propio Aristóteles - o comezo do chamado Organon. Como ocorre coa maior parte dos escritos aristotélicos, tampouco parece que o texto das "Categorías" estivese destinado á publicación, senón que pertencería aos chamados escritos esotéricos, que é posible que fosen orixinalmente notas ou guións de leccións e agrupacións de materiais de Aristóteles.

As "Categorías" circulaban en tempos helénicos precedidas da Isagoge (introdución) que o neoplatónico Porfirio lles fixo (Introductio in Praedicamenta). Unificadas como un todo (a Isagoge e as Categorías) foron tema obrigado no desenvolvemento da lóxica medieval.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

  • Texto bilingüe grego-francés, con introdución e anotacións neste idioma, no sitio de Philippe Remacle (1944-2011). Trad. de Jules Barthélemy-Saint-Hilaire (1805-1895); Librairie philosophique de Ladrange, París, 1844. Precede o texto de Aristóteles a tradución francesa da obra de Porfirio Sobre as categorías de Aristóteles mediante preguntas e respostas (gr.: Εἰς τὰς Ἀριστοτέλους Κατηγορίας κατὰ πεῦσιν καὶ ὰπόκρισιν; lat.: In Aristotelis categorías expositio per interrogationem et responsionem).
  • Simplicio: Comentarios das "Categorías" de Aristóteles.
    • Texto francés no sitio de Philippe Remacle: trad. de Marie-Nicolas Bouillet; ed. de 1857, en París.