Cariclo (nai de Tiresias)

Cariclo foi unha ninfa, nai do afamado adiviño Tiresias.

Formaba parte do cortexo da deusa Atenea, da que era unha das preferidas. Un día que o mozo Tiresias andaba de caza, sorprendeunas bañándose na fonte Hipocrene, completamente núas, e Atenea castigou a súa ousadía deixándoo cego. Cariclo recriminoulle o que lle parecía unha crueldade e Atenea contestoulle que todo mortal que vise a un inmortal sen o consentemento deste, debía quedar cego, pero aceptou compensarlle a perda da vista outorgándolle tres dons.

Atenea lavoulle os oídos e así fixo que Tiresias puidese entender a linguaxe dos paxaros, concedéndolle así o don da profecía (que Zeus estendeu á súa vida despois de morto, cando estivese no Hades, de xeito que foi o único adiviño que conservaba esta facultade na outra vida). A esta capacidade de adiviñación sumouse unha vida extremadamente longa, equivalente a sete xeracións humanas [1] e, en terceiro lugar, deulle un bastón feito de cerdeira brava ou de sangomiño (Cornus sp), segundo as fontes, que lle permitía camiñar sen problemas, como o resto das persoas videntes [2].

NotasEditar

  1. "Xúpiter fixo que vivira durante sete xeracións e destacara como adiviño entre o resto dos mortais" (Hixino: Fábulas 75, 3).
  2. Pseudo-Apolodoro III, 6, 7.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s.v. Cariclo.
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
  • Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].