Can de Castro Laboreiro

Can de Castro Laboreiro, CCL
FCI - Standard Nr.170
Lugar de orixe Portugal
clasificación da FCI
  • Grupo 2: Modelo Pinscher e Schnauzer – Molosoide – Cans de montaña ou boieiros suízos e outras razas
  • Sección 2.2 Molosoide
Nome oficial da FCI Cão de Castro Laboreiro, CCL
Medidas De 56 a 60 cm os machos e de 52 a 57 cm as femias
Peso De 30 a 40 kg os machos e de 20 a 30 kg as femias
Lista de razas de cans

O can de Castro Laboreiro, é unha antiga raza de can portuguesa, de constitución robusta e forte estrutura ósea, típico dos cans de montaña. Posúe un excelente comportamento afectivo cos donos e territorial con respecto aos demais, o que o converte nun excelente can gardián.

Orixe editar

A orixe desta emblemática raza canina non está moi clara. Só se sabe que se estableceu e se desenvolveu no illado recanto da freguesía de Castro Laboreiro un val situado a máis de 1.000 metros de altitude e rodeado da serra de Laboreiro polo norte e leste, a serra Queguas e os montes do Quinxo polo sur e a serra da Peneda polo oeste.

As condicións climáticas adversas e o illamento do lugar, xunto coas actividades realizadas polo ser humano fixeron deste can o perfecto compañeiro. Os solos pouco fértiles da penichaira só permitían unha agricultura minifundista adversa de difícil mecanización, practicamente de subsistencia; o principal recurso eran os pastos para o gando.

É neste contexto onde o can cobra importancia xa que, o seu carácter fiel e territorial e a súa complexión forte convertíano nun excelente gardián tanto dos donos como do seu gando de ameazas coma o lobo. Esta relación entre o can e o home foi o que fixo que este can se mantivese historicamente neste afastado recuncho entre Portugal e Galiza.

Polo que respecta ás súas orixes xenéticas, están bastante difusas a pesar da achega de información realizada polo proxecto Gencert no estudo do ADN mitocondrial. Este estudo demostrou que nesta raza de can só se observan dúas liñaxes unha que pertence ao 95 % da poboación, presente en dous cans da Serra da Estrela; e a outra, tamén común á Serra da Estrela, foi observada nun can de raza norte-africana Sloughi e en dous Retrievers. Dada a uniformidade da liñaxe materna, sácase en conclusión que esta raza provén dun número reducido de femias, aínda que non se descarta a perda de liñaxe en momentos de reducións drásticas da poboación.

Descrición física editar

Este can presenta unha complexión áxil cunha cabeza forte e lixeira de aspecto seco, con beizos axustados aos maxilares, ollos oblicuos á superficie das órbitas, de tamaño medio e de mirada simple, son de cor castaño escuro ou claro segundo a cor do pelo.

As orellas son triangulares con punta redondeada, pouco espesas e con inserción un pouco arriba da media e ben paralelas á cabeza; cando o can está atento bota as orellas cara a adiante quedando a parte externa cara a atrás. Posúe unha forte mandíbula. Ten unha silueta rectangular, altiva de tamaño medio, o peito é ancho e profundo e ten unha zona lumbar larga e ben musculada.

A cola é grosa e peluda con forma curvada, o seu pelo é groso e resistente, ben repartido e de lonxitude media, as súas tonalidades van dende o negro á cor parda con diversas tonalidades acastañadas máis claras que se mesturan con outras máis escuras, parecida á do lobo.

Ten unha peculiar forma de ladrar comezando con tons profundos, que soben a tons máis graves que se tornan en agudos prolongados se percibe algún sinal de alarma.

Comportamento editar

É un can rústico e dinámico que precisa de espazo para correr e exercitarse ademais de para facer rondas polo seu territorio de forma instintiva, vixiando sobre a presenza de estraños. É un gran can pastor que se emprega a fondo para coidar e guiar ao gando.

Cos donos é agarimoso e rebuldeiro e confíalles unha gran fidelidade, ademais é paciente e coidadoso cos nenos, ofrecendo sempre un amplo sentido de protección con eles, cos donos e coas persoas máis achegadas ao contorno familiar.

Cos estraños é en cambio desconfiado por natureza, aínda que non é moi perigoso, se se sente intimidado ou desafiado pode volverse fero e implacable.

O dono debe exercer unha figura autoritaria e respectuosa, orientando ao can para que non sexa violento, aspecto que debido á súa intelixencia acatará comprometéndose fielmente con el.

Poboación editar

Debido ao seu illamento este can atópase en perigo de extinción. Os datos de poboación entre os anos 1997 e 2003 reflicten unha poboación inestable que varía dende os 172 do 2001 aos só 96 do 2003. Os principais factores que afectan ás poboacións destes can son:

  • O regreso dos fillos de portugueses emigrados con novas razas de cans.
  • A mellora de accesos e o turismo trouxeron consigo un maior tránsito doutros cans.
  • A caza produciu un aumento da presenza de caza coma o podengo.
  • O envelenamento dos montes por parte de gandeiros para eliminar ao lobo tamén afectou colateralmente aos cans.
  • O declive da agricultura e o abandono das actividades gandeiras nas que participaba o can.
  • Aparición de exemplares con desvíos morfolóxicos da raza, principalmente vidos de liñaxes de exposición de criadores da Zona de Lisboa.
  • A pesar de que é un can apto e foi moi empregado polas forzas militares coma os fusileiros ou a policía aérea, actualmente escóllense razas estranxeiras coma o pastor alemán ou o dobermann, razas importadas a uns prezos elevados, debido a súa popularidade.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar