Cacaforra cincenta

A cacaforra cincenta (Amanita pantherina) é un cogomelo velenoso bastante común, da orde das Agaricales, de cor parda e con volva e anel.

Descrición editar

O sombreiro é primeiro convexo pero ó madurar adopta unha forma plana, ben aberta, de ata 10–12 cm de diámetro, de superficie viscosa e cor parda, con variacións desde o gris ata o café claro ou amarelento, máis escuro no centro. Presenta unhas pequenas manchas brancas (como as que caracterizan á Amanita muscaria), caedizas e que poden ser arrastradas pola chuvia. O bordo é claramente estriado desde novas, o que constitúe un trazo característico.

As laminiñas son brancas, libres e moi numerosas. As esporas son tamén brancas, de 9-12 por 7-9 micrómetros, lisas e non amiloides.

O pé é recto e branco, engrosado cara a base, oco no centro e de ata 15 cm de altura. Presenta un anel branco e pequeno, que adoita desaparecer, polo que a súa presenza ou ausencia non é significativa. A volva da base é ampla e ben visible, co bordo nítido, e posúe ademais uns engrosamentos como cordóns que parecen subir polo pé.

A carne é branca e de sabor lixeiramente doce, que pasa a acre cando madura. Co tempo vai tornándose cada vez máis parda. O olor é débil ó principio e repugnante ó madurar.

Hábitat editar

Aparece desde fins de verán ata mediados de outono, baixo bosques de coníferas ou, sobre todo, frondosas.

Diferenciación editar

Recoñécese con relativa facilidade pola cor do sombreiro, as manchiñas brancas e a volva do pé. Especies semellantes serían as lepiotas, pero estas son moito máis grandes; con escamas grandes, castañas e non caedizas; e nunca posúen volva. Tamén pode confundirse coa Amanita spissa, que ten as taquiñas agrisadas, un anel amplo e estriado e un pé coa superficie escamosa.

Toxicidade editar

A Amanita pantherina é unha especie velenosa, que provoca unha intoxicación grave denominada Síndrome panteriniano. O cadro clínico cursa con síntomas gastrointestinais (náuseas, vómitos e diarreas) ó cabo de 1-3 horas despois do consumo. Máis tarde aparecen alteracións visuais e sensoriais, incoordinación motora e mesmo perda de coñecemento. Rara vez provocan a morte.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • GARCÍA ROLLÁN, Mariano (1986): Manual para buscar setas. Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Madrid.
  • NONIS, Umberto (1981): Setas. Descrición, localización, toxicidad y valor culinario. Daimon, Madrid.
  • VV. AA. (1986): Setas. Editorial Blume S. A., Barcelona.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar