Cabo Jackie

babuíno que formou parte do exército de Suráfrica durante a primeira guerra mundial

Jackie foi un babuíno (Papio ursinus) que formou parte do exército de Suráfrica durante a primeira guerra mundial.[1] Entrou a formar parte nesta logo de que chamasen a filas o seu dono e este non quixese deixar a Jackie na casa. O animal sufriu varias lesións de diversa consideración durante a contenda, entre as que destacan un tiro no ombreiro e a amputación da pata dereita. Ao acabar a guerra outorgáronlle o rango militar de cabo, e a Medalla ao Servizo Civil de Pretoria. Un ano despois faleceu na casa debido a un incendio.

Jackie posando co seu uniforme para unha estampa.

Traxectoria editar

Comezos editar

A historia de Jackie entre os humanos comeza a comezos da década de 1910, cando un home surafricano, Albert Marr, o atopa preto da súa granxa. O home capturaría o animal e comezaría a adestralo ata se volver "un membro máis da familia".

Durante a primeira guerra mundial editar

Jackie levaba anos vivindo na granxa dos Marr cando estourou a Primeira guerra mundial. No 1915, Albert Marr foi chamado a filas, mais negouse a abandonar a Jackie na casa. Para sorpresa de todos, os superiores de Marr transixiron e alistaron a Jackie como mascota do Terceiro Rexemento de Infantaría de Suráfrica (Transvaal) e así ambos puideron seguir xuntos.[2] Jackie recibiu un uniforme e unha gorra oficiais, a súa parte do racionamento, e un caderno de pagamentos. Sabía saudar os seus superiores e prender cigarros.[2] Tamén era quen de permanecer en posición firme, coma o resto dos soldados.[3] Grazas aos seus agudos sentidos, foi moi útil nas gardas nocturnas.[2] De feito, Jackie adoitaba ser o primeiro en advertir un ataque próximo ou a presenza de inimigos nos arredores.[3]

Jackie e Marr sobreviviron á Batalla do Bosque de Delville, encadrada na Ofensiva do Somme, que tivo un índice de baixas aproximado dun 80%.[3]

No 26 de febreiro de 1916, cando Albert Marr e Jackie servían en Exipto, durante a Batalla de Agagia, o home recibiu un disparo no ombreiro, e Jackie permaneceu ao seu lado, lambéndolle as feridas, ata que foron rescatados.[3]

Durante o tempo que serviu no exército, Jackie recibiu as súas propias racións, que comía cos seus garfo e coitelo. Tamén tiña almofía de seu. Cando o rexemento adestraba ou marchaba, Jackie estaba canda eles, coma un máis.[3]

O animal pasou tempo nas trincheiras francesas e mesmo tentou construír un valo arredor para protexerse do fogo inimigo, pero un día un cacho de metralla procedente dunha explosión voou por riba do muro e feriuno na pata e no brazo.[2] Cando os padioleiros tentaron levalo, este rexeitounos ata que rematou de construír o valo.[3] Os médicos tratárono pero estaba malferido, polo que finalmente decidiron que había que lle amputar a pata. Con todo, foi quen de sobrevivir ás lesións, ante a sorpresa dos doctores.[2]

Outorgáronlle unha medalla ao valor por aquel episodio e ascendérono de soldado raso a cabo. Unha vez rematou a guerra, as autoridades licenciárono en Cidade do Cabo. Jackie non foi o único babuíno que serviu no exército de Suráfrica, pero si foi o único que acadou un rango de cabo ou superior.[2]

Tras a primeira guerra mundial editar

Ao rematar a Primeira guerra mundial, Alber Marr e Jackie volveron a Suráfrica. En maio de 1921 a granxa sufriu un incendio, no que faleceu o animal.[2] Marr morreu con 84 anos, no 1973.[3]

Notas editar

  1. "Would you believe it? New book proves fact is stranger than fiction" (en inglés). Express newspapers. 3 de abril de 2014. Consultado o 14 de febreiro de 2019. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 Katie Serena (14 de febreiro de 2019). "The Story Of Jackie The Baboon Who Fought In The Trenches Of World War I". All That Is Interesting. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2019. Consultado o 14 de febreiro de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Cape Cod Curmudgeon. "July 31, 1920 Corporal Jackie". Today in History. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar