O Bugatti Chiron é un coche superdeportivo bipraza con motor central-traseiro deseñado, desenvolvido e fabricado pola filial francesa de Volkswagen Bugatti Automobiles S.A.S. e fabricado en Molsheim (Francia). Sucesor do Bugatti Veyron, o Chiron foi amosado por primeira vez no Salón do Automóbil de Xenebra o 1 de marzo de 2016.[2][3][4] O coche está baseado no Bugatti Veyron. O seu nome é unha homenaxe ao piloto monegasco Louis Chiron.[5] O coche comparte o nome co prototipo de 1999 Bugatti 18/3 Chiron.

Bugatti Chiron

Matriz Grupo Volkswagen
Fabricante Bugatti
País Francia
Deseño Achim Anscheidt (xefe de deseño)[1]
Frank Heyl
Sasha Selipanov
Étienne Salomé
Produción 500 producidos
Período 2016-2022
Configuración
Tipo Automóbil superdeportivo
Segmento Segmento S
Carrozaría Cupé de 2 portas
Configuración Motor central-traseiro lonxitudinal, tracción nas 4 rodas
Dimensións
Lonxitude 4544 mm
Anchura 2038 mm
Altura 1212 mm
Distancia eixes 2711 mm
Peso De 1976 a 1995 kg
Características técnicas
Motor W16 de 7993 cm³
Modelos relacionados
Antecesor Bugatti Veyron
Parte traseira do Bugatti Chiron.

Deseño editar

O Chiron é similar ao prototipo presentado no Salón do Automóbil de Frankfurt. É un coche moi baixo cunhas ópticas LED dun aspecto máis agresivo e maduro ca o Veyron. Presenta unhas curvas musculosas cun perfil lateral que fai lembrar ao Type 57 Atlantic, con formas clásicas.

O seu enorme difusor traseiro que parece inspirado nun automóbil de carreiras e unha sinatura lumínica moi característica: unha enorme barra horizontal de luces LED con 1,6 m (63,0 polgadas) de ancho. Do mesmo xeito que o Veyron, conta cun spoiler que se eleva en función das necesidades aerodinámicas, actuando como aerofreo.

O seu habitáculo interior é moi sinxelo, moi simple, mesmo minimalista, sen deixar ao carón unha calidade de terminación ao máximo nivel. A consola central soamente agrupa os controis de climatización, nunha fina barra de fibra de carbono, xunto a unha panca de cambios convencional.

A instrumentación é sinxela cun velocímetro analóxico en posición central, inmóbil, cuxa escala chega até os 500 km/h (311 mph). Aos seus lados, dúas pantallas TFT con información sobre os modos de condución e info entretemento, así como o clásico potenciómetro que chega até os 1500 CV (1479 HP; 1103 kW). O volante presenta un manettino incorporado para os seus diferentes modos de condución e un botón de "Launch Control".

Especificacións editar

 
Motor W16 do Bugatti Chiron.

O Chiron ten unha estrutura de carrozaría e chasis monocasco de fibra de carbono, suspensión independente, un sistema de tracción nas catro rodas e freos de disco de 420 mm (16,5 polgadas) de diámetro, con pinzas de titanio de oito pistóns no eixo dianteiro.

Ten o mesmo motor W16 a 90° sobrealimentado por cuádruplos turbocompresores de 7993 cm³ (8 L; 487,8 plg³) que o seu predecesor o Veyron, cun diámetro x carreira de 86 x 86 mm (3,39 x 3,39 plg), pero coa potencia incrementada a 1500 CV (1479 HP; 1103 kW) ás 6700 rpm e un par máximo de 1600 N·m ás 2000-6000 rpm, que grazas a un control electrónico, permítelle entrar en acción dende as 3800 rpm.

O seu motor ten turbos tipo twin-scroll cun actuador eléctrico, un novo sistema de escape, xestión electrónica e admisión de fibra de carbono, e está axustado a unha caixa de cambios de dobre embrague "DSG" de 7 velocidades, a cal é moi diferente á dun Volkswagen Polo.

En agosto de 2019, un Bugatti Chiron logrou pasar os 490 km/h (304 mph) na pista de probas do Grupo Volkswagen de Ehra-Lessien, no norte de Alemaña, co piloto de probas da marca Andy Wallace ao volante, equipado cuns pneumáticos Michelin Pilot Sport Cup 2 desenvolvidos especificamente para o Chiron, con medidas 285/30 R20 (50,8 cm) (99Y) para as súas rodas dianteiras e 355/25 R21 (53,3 cm) (107Y) para as traseiras,[6] demostrando o seu verdadeiro potencial e converténdose no coche de fabricación en serie máis rápido do mundo.

A toda velocidade, o depósito de combustíbel de 100 litros (26,4 galAm) estaría baleiro en oito minutos, é dicir, consumiría 190 litros (50,2 galóns) por 100 km (62,1 millas), o cal se traduce nunhas emisións de CO2 de 4,5 kg (9,9 libras)/km.[7]

En canto ao seu consumo homologado no ciclo combinado da Axencia de Protección Ambiental dos Estados Unidos (EPA), foi de 21,4 L/100 km (4,7 km/L; 11,0 mpg), o cal é bastante bo tomando en conta o enorme motor que ten. Esta lixeira mellora con respecto ao Veyron, conseguiuse cun sistema de desactivación da metade dos cilindros, a mellora da inxección directa de combustíbel e o uso de turbocompresores con actuador eléctrico. En autoestrada consegue 16,8 L/100 km (6 km/L; 14,0 mpgAm), mentres que o consumo urbano é de 26,1 L/100 km (3,8 km/L; 9 mpgAm). Aínda que a homologación feita pola EPA é moito máis realista ca a do ciclo NEDC Europeo, os consumos que afirma Bugatti serían moi difíciles de reproducir en condicións reais.

Prestacións editar

O Bugatti Chiron pode acelerar de 0 a 100 km/h (62 mph) en 2,4 segundos, de 0 a 200 km/h (124 mph) en 6,4 segundos e de 0 a 300 km/h (186 mph) en 13,5 segundos.[7]

No modo normal, o Chiron acada unha velocidade máxima de 380 km/h, e cunha segunda chave o condutor desbloquea o modo "velocidade máxima", que lle permite acadar os 420 km/h.[7] Cabe destacar que neste segundo modo, bloquéase automaticamente se o volante vira un cuarto de volta.

Comentouse na súa presentación que se o cliente o solicitaba, poderíase quitar o limitador de 420 km/h (261 mph) para superalos con folgura, xa que se falaba de cifras próximas aos 500 km/h (311 mph). Porén, Bugatti aínda non o permitía por mor da falta de progreso en tecnoloxía de pneumáticos, aínda que posteriormente, en 2017 Michelin logrou desenvolver uns capaces de catapultar as dúas toneladas de peso a 458 km/h (285 mph).

Notas editar

  1. Wewer, Antje. "Porsche Achim Anscheidt, B AA 9117 H". Dr. Ing. h.c. F. Porsche AG (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de outubro de 2016. 
  2. "Bugatti-Verkauf: Wolfsburger Mitarbeiter haben VW-Vertraege" (en alemán). 1 de outubro de 2020. Consultado o 17 de novembro de 2020. 
  3. Branman, Miles (24 de novembro de 2015). "Bugatti’s world-challenging Chiron supercar will let you take its roof off". digitaltrends.com (en inglés). Consultado o 15 de xuño de 2023. 
  4. "Bugatti Chiron revealed at Geneva 2016: the world has a new fastest production car". 29-02-2016. Consultado o 23-03-2016. 
  5. "Bugatti Chiron blasts into Geneva with nearly 1,500 hp". Consultado o 29-02-2016. 
  6. "El Bugatti Chiron a 490 km/h". Analytiks. España. 23 de setembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2020. 
  7. 7,0 7,1 7,2 "¡Nuevo récord! Bugatti Chiron rompe la mágica barrera de las 300 millas por hora". Mega ricos. 2 de setembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2020.