Brief an den Vater

Brief an den Vater (Carta ao pai) é unha carta autobiográfica escrita por Franz Kafka en 1919 durante unha das súas moitas curas de repouso fóra de Praga. Esta epístola, como o seu título indica, ía dirixida ó seu proxenitor para intentar suavizar a súa relación mutua, crispada ó máximo nese momento, pero a pesar deste esforzo o escrito nunca chegaría ó seu destino. Finalmente chegou ás mans do amigo de Kafka, Max Brod que a publicou en 1952 (por consideración á familia do escritor non a publicou mentres as irmás deste estiveron vivas) xunto con máis escritos.

Brief an den Vater
Primeira das 103 páxinas manuscritas do texto de Kafka
Autor/aFranz Kafka
Lingualingua alemá
Data de pub.1952
editar datos en Wikidata ]

Resumo editar

Carta ó pai é un escrito autobiográfico no que o autor, Franz Kafka, fai unha análise da súa relación paterno-filial co fin de propiciar o seu restablecemento ou reconciliación. O autor checo escribe esta epístola coa intención de que o seu pai, Hermann Kafka, a lea para que poida coñecer como o condicionou durante o tempo que viviron xuntos e a orixe do seu medo cara a el. Pero a misiva afortunadamente nunca chegaría ó seu destino xa que a nai de Kafka, a cal tamén actúa acorde os desexos do seu home sen poder comportarse co seu fillo conforme os seus sentimentos maternais, despois de lela decide non entregarlla ó seu marido o cal nunca sería capaz de entender as intencións do seu fillo.

Toda a carta en conxunto está estruturada en torno á figura do pai e da súa importante influencia durante a infancia e adolescencia do escritor, de como isto o influíu na conformación da súa personalidade. Trátase dunha análise da relación pai-fillo desde un punto de vista sociolóxico dunha época e lugar, tradicional e conservadora, que a parte da de Kafka afectou e afecta a moitas familias.

Un pai estrito, feito a si mesmo, sombrío, encerrado no seu mundo, intolerante que non entende a pusilanimidade do seu fillo e que educa ó escritor e ás súas irmás (Kafka tiña tres irmás das cales unha soa chega a romper o vínculo familiar completamente) nunha tiranía e nun desprezo (maneira segundo o seu punto de vista correcta) que non deixan cabo á libre expresión nin iniciativa e que se reflicte na escaseza de confianza en si mesmo e no temor á figura paterna que presenta o Franz Kafka adulto.

Hermann acaba por acomplexar a todos os seus fillos, que non actuarán do xeito nin seguirán o camiño que el lles impuxo, nin sequera quererán acercarse a el, xa que nunca os estimulou nin animou. Isto increméntase co fillo varón que verá ó seu proxenitor como un tiránico xigante que intentará dominalo psicoloxicamente, anulando a súa identidade. Por máis que desexe fervorosamente defenderse e librarse del, non terá o valor suficiente, sempre permanecerá ligado á súa figura e ás súas advertencias.

Confórmase así unha débil e atormentada personalidade, incapaz de tomar as súas propias decisións e cun marcado medo e inseguridade a si mesmo e ó mundo que o rodea. Trazos que o farán, por exemplo, claudicar nos seus intentos de matrimonio, quizais vistos polo propio Kafka como o anhelo desa independencia e liberdade, e buscar un medio de evasión que finalmente encontrará na literatura. Pero, contrariamente ó que o lector poida pensar, este libro non é só un mero reproche cara a conduta emocionalmente abusiva e hipócrita dun pai nin unha vinganza, senón que denota vestixios de ambigüidade: o autor non culpa ó vello Hermann Kafka completamente, se non que tamén o ve como unha vítima do seu papel de pai nunha sociedade, que na súa esencia xa era por si mesma cruel.

Sen dúbida este é un escrito que nos acerca ó lado máis humano do seu autor, un dos mellores escritores da literatura universal.

Personaxes principais editar

  • Franz Kafka: É o personaxe central e case único desta carta autobiográfica. En cada liña deste texto, con cada reproche que fai ó seu pai, descóbrese a súa personalidade atormentada, solitaria, un ser incomprendido que encontra na figura do seu proxenitor a fonte de todas as súas inseguridades.
  • Hermann Kafka: É o personaxe antonomásico, o comerciante de éxito, feito a si mesmo, que leva a cabo á máxima de que a letra entra con sangue. Trátase dun proxenitor tiránico e intolerante e a súa palabra non pode ser contradita por ningún membro da súa familia.

Personaxes secundarios editar

  • A nai de Kafka: Mantén unha aceptable relación co seu fillo, pero quizais non pode satisfacer os seus instintos maternais como quixera, debido á influencia do seu marido, polo que a súa relación con Kafka non é tan próxima como a que se espera nunha relación nai-fillo.
  • Ottla: A irmá máis nova de Kafka e a súa favorita; aparentemente é a máis próxima a el. Foi a única que casou cun non xudeu e a que máis se desvinculou da relación paterna, por isto o escritor checo sente unha profunda admiración cara a ela.
  • Elli: A maior das irmás de Kafka.
  • Valli: A segunda irmá de Kafka.
  • Julie Wohryzek: A moza alemá á que pretendeu o escritor durante 1912 e 1917, coa que se chegou a comprometer pero coa que non se chegou a casar polas súas propias inhibicións persoais e pola violenta oposición de seu pai.