Biblioteca Popular de la Dona

A Biblioteca Popular de la Dona foi a primeira biblioteca pública feminina de Europa. Creada en 1909 en Barcelona, adiantouse case vinte anos a outros proxectos similares, como a Fawcett Library de Londres. O éxito da iniciativa foi tal que un ano despois converteuse en instituto e mudouse do claustro de Santa Anna, a súa primeira localización, á Casa da Misericordia, na rúa d'Elisabets, en Barcelona.[1] É antecesora do actual Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison.

Biblioteca Popular de la Dona en 1910.

Obxectivo e servizos editar

O obxectivo do Institut de Cultura i Biblioteca Popular per a la Dona era promover a ilustración e a cultura feminina. Tiña a vontade de mesturar «o útil co agradábel» e de ofrecer coñecementos científicos, artísticos e manuais. A combinación dos tres tipos de ensino foi o que fixo do Institut un centro excepcional no referido á oferta cultural dirixida ás mulleres na Cataluña das primeiras décadas do século XX.

Optouse por adaptar e axustar a proposta formativa do Institut ao «movemento progresivo do comercio e da industria». Así, o centro ofreceu unha formación especializada para que as mulleres puidesen incorporarse ao mercado laboral dotadas de todo un conxunto de coñecementos e competencias necesarias para as novas profesións. Tempo despois, o Institut creou a sección de Industrias Artísticas e puxo en marcha distintos obradoiros inspirados no movemento británico Arts and Crafts. Este movemento xa se estendera por varios países europeos, e os obradoiros contaron cunha alta participación de mulleres.[2]

Historia editar

O Institut, a través de Francesca Bonnemaison, estivo vinculado dende o inicio a diferentes entidades destinadas ao fomento dos oficios artísticos. Entre elas estaba o Foment de les Arts Decoratives, institución creada en 1903 e coñecida actualmente como Foment de les Arts i del Disseny.[3]

Desde 1914-1915, o Instituto implantou un novo currículo que ofrecía un título preparatorio de cultura xeral e bacharelato. A súa directora pedagóxica, Rosa Sensat, marcou como obxectivo «dotar as mulleres dunha base de cultura científica e artística que fose garantía de perfección no seu traballo e que lles permitise loitar con éxito no exercicio da súa carreira profesional en condicións de superioridade».[4]

O número de alumnas do Instituto crecía a medida que se ía ampliando a oferta académica con cursos totalmente innovadores para a época. Un deles foi o de Delineación, impartido a partir de 1918 por Leonor Ferrer, a primeira muller delineante de España e xefa da oficina de plans da Sociedade Xeral de Teléfonos.[5] Outros cursos non tan innovadores, como os de cociña, contaron cunha asistencia masiva, a cal fixo ao equipo directivo considerar a necesidade de contar cun espazo de seu. Tamén ampliaron os seus servizos, como as bolsas de traballo ou o aumento dos fondos da biblioteca.[6]

O 8 de outubro de 1922, coincidindo coa apertura formal do curso 1922-23, inaugurouse a nova sede no número 7 da rúa de Sant Pere més Baix. O edificio permitiu acoller a máis de 30 000 mulleres e o crecemento do Institut era imparábel. Porén, a partir de 1930, o progresivo endebedamento económico e o posterior estalido da guerra dificultaron o funcionamento da institución. Rematada a Guerra Civil, o consello de administración do Institut cedeulle á Deputación de Barcelona «todo o haber do Instituto de Cultura e Biblioteca Popular de la Muller, facéndose cargo a mesma de todo o activo e pasivo da institución para que continúe a obra social do Instituto».[7]

Durante o franquismo e a Transición española, o instituto foi ocupado por varias institucións. En 2003, grazas á presión de varios colectivos de mulleres, a sede do instituto volveu ao que fora na orixe, un espazo de mulleres. Ese ano fundouse o Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison, un fito na topografía feminina da cidade.[8]

O Arquivo Histórico da Cidade de Barcelona custodia un importante fondo documental pertencente á institución, que abarca de 1909 a 1935.

Notas editar

  1. "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya. 
  2. "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya. 
  3. "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya. 
  4. "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya. 
  5. Flecha García, Consuelo (2005). Treinta retratos de maestras "De la Segunda República hasta nuestros días. Cuadernos de pedagogía especial 30 años" (en castelán) (1ª ed.). Madrid: Ciss Edición Fiscal. ISBN 9788471978318. OCLC 639071052. 
  6. "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya. 
  7. "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya. 
  8. "Institut Català de les Dones". Generalitat de Catalunya. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar