A batalla de Visby (slaget vid Visby en sueco) foi unha decisiva batalla que tivo lugar en 1361 preto da cidade de Visby na illa de Gotland, entre as forzas do rei dinamarqués e os labregos gutnish. Foi o último dos tres enfrontamentos producidos durante a invasión da illa do rei Valdemar Atterdag, saíndo este vitorioso e facéndose co control de Gotland.

Batalla de Visby

Representación da batalla por Rasmus Christiansen
Data: 27 de xullo de 1361
Lugar: Visby, Gotland
Conflito: invasión de Gotland de Valdemar Atterdag
Resultado: vitoria dinamarquesa
Combatentes
Valdemar Atterdag labregos gotlandeses
Forzas en combate
2 000 - 2 5000 homes. Principalmente cabaleiros e mercenarios alemáns a pé. 2 000 homes. Principalmente granxeiros mal equipados.
Efectos
Mortes: 300 Mortes: ~1,700

Antecedentes editar

Tras ter conquistado a rexión de Escania a Suecia, na primavera de 1361 Valdemar Atterdag centrou a súa atención en Öland e Gotland. No mes de xullo o rei en persoa zarpou de Selandia cunha frota co obxectivo de capturar Öland. A illa foi conquistada tras unha breve campaña, tras a cal Valdemar dirixiuse a Gotland.[1]

O rei sueco Magnus Ericson sabía dos plans dinamarqueses e enviou varias cartas aos habitantes da illa advertíndoos dun ataque inminente. O 22 de xullo o exército dinamarqués, cuns 2 500 homes, desembarcou na costa occidental de Gotland. Non se coñece o lugar exacto do desembarco, pero seguramente foi entre Vivesholm, en Klintehamn, e a vila pesqueira de Kronvald, en Eksta. É probable que os invasores atopasen resistencia na praia, pero esta foi rexeitada rapidamente. Os gotlandeses podían xuntar uns 5 000 homes, pero seguramente toda esa forza non se puido reunir antes da chegada dos dinamarqueses.[2][1][3]

O primeiro enfrontamento real entre os labregos gotlandeses e o exército de Valdemar tivo lugar tres días despois na turbeira de Fjäle, preto de Mästerby, onde máis de 1 500 gutes atrincheráranse tras demoler a estratéxica ponte sobre o río Sudertingsån. Segundo algunhas fontes os invasores deberon atacar primeiro aos gotlandeses pero atoparon unha resistencia maior da agardada, polo que intentaron un movemento circular a través do pantano. A manobra dinamarquesa tivo éxito e no posterior combate morreron a meirande parte dos defensores na coñecida como batalla de Mästerby.[4][2][5]

A vitoria na turbeira de Fjäle deixou o camiño a Visby despexado para o exército de Valdemar. Os gutes non tiñan outra elección máis que retirarse á cidade para librar alí a decisiva batalla. Xa antes houbera unha reunión entre representantes dos labregos e dos habitantes da cidade para falar dunha defensa común contra os dinamarqueses. Porén, os habitantes de Visby non estiveron dispostos a colaborar, seguramente debido a que non estaban preparados para o combate. Os almacéns de Visby aínda non se encheran coas colleitas do ano e se os gotlandeses querían defenderse dentro da muralla as reservas só chegarían probablemente para unha semana de asedio. Pola súa banda, os labregos temían que se caía Visby as zonas rurais quedarían expostas a incursións dinamarquesas, razón pola cal decidiron facerlles fronte fóra da murallas da cidade.[4][2][5]

A relación entre os habitantes de Visby, cunha poboación diversa que incluía xente de ascendencia rutena, dinamarqueses e alemáns, e os gotlandeses que vivían no rural, non era demasiado boa. En 1280 a cidade unírase á Liga Hanseática xunto con Riga, Lübeck, Talín, e outros grandes centros do norte de Europa, separando aínda máis a Visby da Gotland rural. A enemizade entre os habitantes da cidade e os labregos gotlandeses aumentou e estes últimos foran derrotados no campo de batalla en 1288, a pesar da axuda de cabaleiros de Estonia.

Forzas editar

 
Caveira dun participante da batalla.

O exército dinamarqués estaba liderado por Valdemar Atterdag e estaba formado por soldados dinamarqueses e alemáns, moitos deles mercenarios da costa báltica de Alemaña, con experiencia nas varias guerras entre os estados alemáns e escandinavos. Eses homes debían estar equipados co que é conecida como armadura de transición, con placas de ferro ou aceiro sobre zonas vitais e articulacións sobre un traxe de mallas.

Os Gutes estaban comandados por un líder desconecido, probablemente un nobre menor con experiencia militar, e a forza estaba formada principalmente por outros nobres menores, os seus séquitos e homes libres. Os homes libres semella que estaban equipados con protección limitada pero aínda así efectiva, tendo moitos dos esqueletos recuperados camisas de mallas ou cota de placas para protexer o torso. Outros semella que vestían un gambesón acolchado ou un xibón de coiro, aínda que estes non sobreviviron á descomposición no chan tras a batalla. Moitos dos gutes puideron levar tamén algún tipo de protección mínima na cabeza, vestindo algunha cota de malla ou casquete metálico; porén, algúns cascos puideron ser despoxados dos corpos antes de ser soterrados.

Atopáronse moi poucas armas, pero probablemente os dous bandos usasen escudos redondos e de bágoa, lanzas, machadas, coitelos de folla, picas e achas. Para o combate próximo os dous exércitos seguramente usaron espadas, machadas lixeiras, martelos de guerra e mazas.

Batalla editar

Hai moi pouca información concreta de como se desenvolveu realmente a batalla. Nin as fontes dinamarquesas, suecas ou neutrais proporcionan unha imaxe xeral da mesma.[5] A partir das poucas fontes os investigadores conseguiron reconstruír os seguintes eventos.

O exército gotlandés situouse entre a porta sur da muralla (Söderport) e a abadía de Solberga, coa á dereita apoiada contra os muros da cidade e a esquerda contra o mosteiro. A fronte estaba protexida por unha barricada, mentres que a parte traseira estaba protexida por un forte de carretas. Os líderes do exército probablemente tiñan a intención de debilitar primeiro a forza inimiga con besteiros e despois usar a infantaría pesada para atacar e derrotar aos dinamarqueses.[6][2]

Porén, a batalla comezou cos besteiros dinamarqueses disparando primeiro. Estímase que as primeiras salvas causaron máis dun 25% de baixas nas filas dos labregos. Probablemente estes responderon disparando contra os dinamarqueses, pero sen conseguir un grande efecto. Case ao mesmo tempo os gotlandeses foron alcanzados con frechas dende o interior do mosteiro de Solberga. Soldados dinamarqueses entraran anteriormente no edificio e dispararon aos gotlandeses dende o seu flanco. Isto probablemente causou confusión entre as tropas gotlandesas e fixo que a moral comezase a debilitarse.[2][4]

A loita posicional durou unha media hora e só rematou cando os dinamarqueses atacaron. O ataque tivo lugar dende a fronte e dexenerou rapidamente nun violento enfrontamento corpo a corpo. Probablemente nese momento a liña gotlandesa comezou a ceder. Moitos labregos seguramente entraron en pánico e fuxiron, sendo asasinados polos dinamarqueses que avanzaban. A tropa dinamarquesa non amosou piedade. Como os labregos non eran soldados profesionais nin membros da cabalaría, non estaban amparados polas leis marciais da época. Ademais tampouco hai indicios de que os invasores tomasen prisioneiros.[2][4]

Segundo algunha fontes, o sangue dos moitos caídos correu ata as portas de Visby e entrou na cidade.[5] Aínda que algúns labregos intentaron entrar na cidade, as portas permaneceron pechadas durante a batalla. É moi probable que os gardas da cidade e algúns dos seus habitantes presenciasen a batalla dende a muralla, e probablemente forzas pequenas saísen para axudar aos labregos, aínda que sen ningunha importancia para o resultado final.[2][4]

Consecuencias editar

O enfrontamento deixou uns 2 000 caídos no campo de batalla. Deses, uns 1 700-1 800 eran labregos gotlandeses. Algúns investigadores estimas que unha cuarta parte da poboación masculina de Gotland foi aniquilada. As perdas dinamarquesas foron significativamente menores, con pouco máis de 300 mortos.

Os dinamarqueses probablemente non saquearon Visby. En cartas datadas pouco despois dos feitos, enviadas por homes da Hansa na cidade aos seus superiores en Lübeck, atestiguouse que Visby fora tomada polos invasores pero que as mercadorías dos comerciantes non foran tocadas.[5][7] O que si ocorreu case con seguridade é que os seus habitantes víronse forzados a pagar unha certa suma de cartos e a recoñecer a Valdemar como gobernante de Gotland. A cambio, o rei confirmou os privilexios anteriores da cidade e dos seus habitantes e deulles os mesmos dereitos que tinan os burgueses en Dinamarca. Seguramente os dinamarqueses quixesen actuar con cautela para evitar un conflito coa Liga Hanseáica.[2]

 
Cruz de Valdemar

Segundo unha tradición oral os invasores puideron ter realizado saqueos nas áreas rurais de Gotland. Algúns autores cren que isto puido producir unha profunda depresión económica que afectou, entre outras cousas, á construción de igrexas na illa, mentres que outros descartan esa teoría.[5][8] Unha proba á que habitualmente faise referencia é un texto en latín que se atopa na igrexa de Fide, no sur da illa, datado o ano 1361, que reza: “Queimada está a granxa, os homes berran de dor, golpeados pola espada".[4][5]

Cruz de pedra editar

Tempo despois da loita levantouse unha cruz de pedra no campo de batalla. A cuz, tamén chamada Valdemarskorset (a cruz de Valdemar), é unha típica cruz celta gotlandesa cunha imaxe dun cristo crucificado e coa seguinte inscrición en latín: Anno Domini MCCCLXI feria III post Jacobi ante portas Visby in manibus Danorum ceciderunt Gutenses, hic sepulti, orate pro eis! ("No ano do Señor 1361, o terceiro día despois de Santiago, ante as portas de Visby, os Gutes caeron en mans dos daneses. Están enterrados aquí. Reza por eles!").[9] Unha cruz semellante é a levantada en Mästerby tras a batalla loitada alí dous días antes.[10]

Escavacións do campo de batalla editar

Unha cousa que chamou especialmente a atención da batalla son as importantes escavacións realizadas posteriormente no lugar. As primeiras partes de esqueletos atopáronse en 1811, cando se ía construír un almacén de pólvora a pouca distancia da cruz de pedra. Porén, algúns dos achados non se conservaron e o feito tampouco se rexistrou. As primeiras escavacións arqueolóxicas comezaron o 23 de xullo de 1905, despois de que se atopasen ósos na construción dunha rotonda nas proximidades, e foron dirixidas polo arqueólogo Oscar Wennersten.[7]

 
Fosa común escavada en 1905

Os ósos atopados procedían dunha fosa común duns sete metros de longo e conco de ancho. Descubríuse rapidamente que os mortos, en maior ou menor medida, foran lanzados á fosa desordeadamente, e os ósos estaban tan apertados que formaban unha capa case continua de 1 metro de espesor. Os ósos estaban tan mesturados que ao principio os arqueólogos non puideron distinguir aos diferentes individuos. Había ademais moitas pequenas placas de ferro oxidadas polo medio dun gran número de armaduras. Debido a isto non puido realizarse o tradicional traballo de debuxar, e no seu lugar usouse pro primeira vez a grande escala a fotografía arqueolóxica en Suecia. Toda a zona foi dividida en cadros e cada cadro foi fotografado revelándose rapidamente as imaxes. Posteriormente marcáronse rodas as partes de esqueletos, marcándose ao mesmo tempo nas fotografías para a súa posterior identificación.[7]

Os achados trasladáronse ao museo de historia de Suecia en Estocolmo, onde foron estudados por Bengt Thordeman e o historiador danés Poul Nørlund.[11]

No seu tempo as investigación recibiron moita publicidade, tanto no interior do país como internacionalmente. Entre os numerosos visitantes que tiveron as escavacións atopouse o emperador alemán Guillerme II, que estaba moi interesado pola arqueoloxía. Durantes os seguintes 19 anos atopárenso dous fosas comúns máis, a primeira delas durante a construción dunha estrada ao leste da cruz en 1912, e a segunda en 1924 en Södra Hansegatan.[7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Sundberg, Ulf (1999). Medeltidens Svenska krig (1. uppl ed.). Stockholm: Hjalmarson & Hogberg bokförlag. p. 165. ISBN 978-91-89080-26-3. OCLC 43852254. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Liljegren, Bengt (2008-07-28). "Slaget vid Visby 1361". Popularhistoria.se (en sueco). Consultado o 2023-03-24. 
  3. Widding, Lars (©1995-). Svenska äventyr. Sundbyberg: Bokförlaget SEMIC. pp. 38–60. ISBN 978-91-552-2728-9. OCLC 36211867. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Svenska slagfält. Stockholm: Wahlström & Widstrand. 2003. p. 20. ISBN 978-91-46-20225-7. OCLC 56108524. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Sweden, Sveriges Television AB, Stockholm. "Hermans historia – 2. Visby brandskattning" (en sueco). Consultado o 2023-03-27. 
  6. Göransson, Göte (1984). Svensk historia. Bokhuset. páx. 40-41. OCLC 246288406.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Lihammer, Anna (2010). Arkeologiska upptäckter i Sverige. Lund: Historiska media, i samarbete med Historiska museet. pp. 204–210. ISBN 978-91-85873-96-8. OCLC 693609712. 
  8. "1361 - massgravar på Solens berg". www.guteinfo.com. Consultado o 2023-04-04. 
  9. Söderberg, Bengt G. (1972). Visby - en vandring genom sekler. Visby: Gotlandskonst. pax 105.
  10. "801-802 (Nordisk familjebok / Uggleupplagan. 32. Werth - Väderkvarn)". runeberg.org (en sueco). 1921. Consultado o 2023-04-04. 
  11. Carlquist, Gunnar, red (1933). Svensk uppslagsbok. Bd 15. Malmö: Svensk Uppslagsbok AB. p. 1092