Bartolomé García Baamonde

relixioso e pintor galego

Bartolomé García Baamonde foi un crego e pintor galego do século XVI. O historiador José Manuel García Iglesias identifícao co autor das pinturas murais de Santa Baia de Banga e Santa María de Mugares. Datadas no terceiro cuarto do XVI, cóntanse entre as mellores mostras da pintura manierista en Galicia.

Infotaula de personaBartolomé García Baamonde
Biografía
Mortec. 1580 Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónsacerdote , pintor Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Non se teñen máis que noticias puntuais da súa vida. Bartolomé García Baamonde procedía dunha familia fidalga asentada en San Cristovo de Regodeigón. Bartolomé estudaría en Salamanca, onde podería ter entrado en contacto coa filosofía neoplatónica e os Emblemas de Alciato, dúas das bases das pinturas de Banga e Mugares. A súa familia tiña o dereito de presentación da igrexa de Regodeigón, onde era reitor en 1547.

O crego ostentou tamén os curados de Santa María de Oliveira e Santa María Magdalena, ambos en Ribadavia. O primeiro foi usurpado ao mosteiro de Oseira, o segundo ao mosteiro de Celanova. Por esta razón foi ameazado de excomuñón nun momento indeterminado, pero desde logo anterior a 1564, momento no que se retirou a Mugares. Desta parroquia foi reitor até a súa morte, que acontecería entre 1578 e 1581.[1]

En opinión de García Iglesias, García Baamonde podería ter aprendido ao carón do Mestre do Sisto. Este último é un artista sen identificar que pintou os frescos das igrexas de San Xoán do Sisto, Santa Mariña de Augasantas e Santa María de Covelas. Esta hipótese baséase nas semellanzas estilísticas entre ambos pintores, como a expresividade ou o uso dunha paleta de cores reducida.[2]

Sempre segundo o mesmo experto, García Baamonde retrataríase no san Lucas das pinturas de Banga, así como no san Bartolomeu de Mugares. Ambas as imaxes representan un home maduro, de fronte ancha, mesta barba e cabelo de cor acastañada, un pouco roxa. O santo terma dun gran coitelo como símbolo do seu martirio (foi esfolado vivo) que se marca na folla cun F. A letra sería a abreviatura de Fecit, en referencia ao propio Bartolomé García.[3]

Notas editar

  1. García Iglesias. El pintor de Banga. pp. 34–37. 
  2. García Iglesias. El pintor de Banga. pp. 21–26. 
  3. García Iglesias. El pintor de Banga. pp. 36–37. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar