Mugares, Toén

parroquia civil do concello de Toén

Santa María de Mugares é unha parroquia do concello ourensán de Toén na comarca de Ourense. No ano 2007 tiña 399 habitantes (212 homes e 187 mulleres) distribuídos en 3 entidades de poboación, o que supón un aumento de 11 habitantes en relación ao ano 2000.

Mugares
Praza en Mugares.
ConcelloToén[1]
ProvinciaOurense
Coordenadas42°19′32″N 7°56′00″O / 42.32563889, -7.93327778Coordenadas: 42°19′32″N 7°56′00″O / 42.32563889, -7.93327778
Poboación312 hab. (2017)
Entidades de poboación3[1]
editar datos en Wikidata ]

Patrimonio editar

 

A igrexa parroquial é un templo rural (último terzo do século XVI) de estilo monumental cunha boa fachada plateresca que presenta dúas torres de notábel volumetría, formadas por dous corpos de base cadrada que se rematan con cornixa que sobresae, de planta rectangular e dimensións considerábeis. Destaca polo seu estilo xa que é un dos poucos exemplos con formas renacentistas da provincia. A fachada é o seu elemento máis significativo. Consta de porta de arco de medio punto formado por doelas, frontón triangular imposta de separación de corpos. No interior destacan as pinturas ao fresco do manierista Banga con formas miguelanxescas. Interesante casa parroquial acaroada.

Na capela de Mugares destaca a súa peculiar maior lonxitude transversal. Ten espadana cun único arco de medio punto e peche de cadeirado granítico.

A fonte e o lavadoiro pública de Mugares forman un conxunto de servizo doméstico. A bóveda de medio punto formada por dovelas de pedra granítica serve para cubrir o espazo interior da mesma.

Hai tamén na parroquia un pombal de planta circular, muros de cadeirado granítico e cuberto de tella. Baixo a cuberta unha coroa de pedra bordea o perímetro da fachada.

Os Cabaceiros de Mugares son un grupo de hórreos de reducidas dimensións, con estrutura e peches de madeira. Cuberta de tella curva a dúas augas. Asentados ben sobre pés dereitos ou ben sobre perpiaños enteirizos.

Entroido de Mugares editar

Celébrase o martes de Entroido, e as figuras típicas son os labardeiros, as señoritas, e mais o mazaruco e a mazaruca. Os labardeiros reciben o nome por ir facendo bater as labardas contra o chan. Era costume abrir as adegas para convidar as persoas disfrazadas e bailar. Despois o pobo reuníase na praza do Eiró para representar as comedias.

Os labardeiros leva camisa e calzón branco ata o xeonllo, adornados con flores. Levan tamén medias e botas, e na cintura unha faixa de cor, cun cinto con campás que van facendo sonar. Na cabeza levan un gorro cónico tamén adornado con flores, e a cara vai tapada cunha rede. Adornan os seus traxes con papel de seda, cadeas de boliñas das hedras, e bugallos dos carballos. Os labardeiros adoitaban ser os quintos, mozos chamados a filas para facer o servizo militar, e nas súas camisas levaban as tarxetas postais que lles enviaban as mozas. Levan a labarda, ferramenta de madeira composta de dúas pezas, unha longa e outra máis curta forrada con tea de saco para non mancar, unidas ambas por unha correa.

As señoritas van vestidas cunha saia longa branca con flores cosidas, e unha camisa da mesma cor, cun pano colorido e moitos colares. Levan zapatos de tacón e un sombreiro na cabeza, e na man portan unha cesta con papeliños de cores, pétalos de flores ou caramelos para ir repartindo. As señoritas son as mozas casadeiras.

O mazaruco e a mazaruca son dous bonecos. O mazaruco vai cun traxe de militar e a mazaruca leva o traxe da última moza que casase. Para o desfile adornábase un carro de bois ou ían montados nun burro. A mazaruca saía do fondo da aldea do Moreiro e o mazaruco da parte de arriba de Mugares, e logo de desfilaren xuntábanse no Nogueiro, desde onde ían á praza do Eiró[2].

Lugares e parroquias editar

Lugares de Mugares editar

Lugares da parroquia de Mugares no concello de Toén (Ourense)

Meaba | O Moreiro | Mugares

Parroquias de Toén editar

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Toén

Alongos (San Martiño) | Feá (Santa María) | Moreiras (San Pedro) | Mugares (Santa María) | Puga (San Mamede) | Toén (Santa María) | Trelle (Nosa Señora dos Anxos) | Xestosa (Santa María)

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar