Acetobacteráceas

(Redirección desde «Bacterias do ácido acético»)

As acetobacteráceas (Acetobacteraceae), tamén chamadas bacterias do ácido acético, son unha familia de bacterias que realizan unha oxidación incompleta de alcohois a ácidos orgánicos; o máis característico é que obteñan a súa enerxía da oxidación do etanol a ácido acético durante as fermentacións. Son bacterias con forma de bacilo gramnegativas aeróbicas. Non se deben confundir co xénero Acetobacterium da familia Eubacteriaceae, o cal está formado por especies anaerobias que poden reducir o dióxido de carbono para producir ácido acético.[1]

As Acetobacteraceae son bacterias ubicuas. Están presentes nos ambientes nos que se forma etanol como resultado da fermentación dos azucres. Poden illarse do néctar das plantas e das froitas estragadas, e tamén da sidra fresca e da cervexa sen pasteurizar nin filtrar. As moscas da froita ou do vinagre Drosophilidae ou as Turbatrix aceti considéranse os vectores comúns para propagar as Acetobacteraceae[2] na natureza.

Algúns xéneros como Acetobacter, poden finalmente oxidar o ácido acético que producen a dióxido de carbono e auga usando encimas do ciclo de Krebs. Outros xéneros como Gluconobacter, non oxidan o ácido acético.

Algunhas bacterias do ácido acético como Acetobacter xylinum poden sintetizar celulosa,[3] o cal normalmente é característico dos vexetais.

Dado que estas bacterias producen ácidos, normalmente son tolerantes á acidez, e crecen mellor por debaixo do pH 5,0, aínda que o seuu pH óptimo para o crecemento é de entre 5,4 e 6,3.

As bacterias do ácido acético son móbiles con flaxelación peritrica ou polar. Os organismos con flaxelación polar están relacionados coas Pseudomonas, das que difiren principalmente pola súa tolerancia ao ácido e pola súa incapacidade de oxidar completamente os alcohois. Estes organismos son os que actualmente foron incluídos no xéneo Gluconobacter. O xénero Acetobacter comprende os organismos con flaxelación peritrica.[4]

Na produción industrial de vinagre empréganse cultivos de bacterias do ácido acético. O acetato producido por estas e polos homoacetóxenos tamén se usa (en forma de sal de calcio) para fundir o xeo das estradas en inverno.

Notas editar

  1. Balch, William E.; Schoberth, S.; Tanner, Ralph S.; Wolfe, R.S. "Acetobacterium, a new genus of hydrogen-o" (PDF) 27: 355–361. 
  2. Vinegars of the World. Arquivado 25 de setembro de 2019 en Wayback Machine. Chapter 5. ISBN 978-88-470-0865-6
  3. Formation of cellulose by certain species of Acetobacter Biochem J. 1951 May; 48(5): 618–621
  4. Madigan M; Martinko J (editors). (2005). Brock Biology of Microorganisms (11th ed. edición). Prentice Hall. ISBN 0-13-144329-1.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar