Avia (automoción)

Avia foi a marca dos vehículos comerciais construídos por Aeronáutica Industrial (AISA), unha compañía do sector aeronáutico español situada en Cuatrovientos, Madrid. AISA, que se dedicou principalmente á construción de avións lixeiros, comezou a finais da década de 1950 a fabricar furgonetas lixeiras, camións e autobuses, empregando motores diésel Perkins Hispania.[1]

Avia
TipoSociedade Anónima
Fundación1957
Disolución1987
MatrizNissan Motor Ibérica
IndustriaMotor
ProdutosCamións, furgonetas, autobuses
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

 
Avia 4000L (ano 1972).
 
Furgoneta Avia de 1981, comercializada como 1000, 1250 e 2000 (idéntica aos Ebro F260, F275 e F350).
 
Camión Avia L35. Idéntico aos Ebro series L e M.

En 1923 Jorge Loring Martínez creou en Carabanchel Alto (Madrid) a compañía Talleres J. Loring para a fabricación de material aeronáutico.[2] En 1934 convértese en sociedade anónima, pasando a denominarse Aeronáutica Industrial S.A. (AISA), dedicándose a construír avións de adestramento para o exército da República. Durante a guerra civil trasladouse provisionalmente a Alacant. Ao acabar a contenda volveu a Carabanchel e seguiu construíndo avionetas con motores de ENMASA.[1]

En 1957, aproveitando o auxe da fabricación de vehículos de dous, tres e catro rodas, comezou a produción de vehículos industriais que levaron o nome comercial de Avia,[3] creando unha sección dedicada á construción de motocarros, cun capital social de 42 millóns de pesetas.[1][4] aínda que sen abandonar nunca a rama aeronáutica.

O primeiro vehículo comercial foi o motocarro Avia 200, que ía equipado co motor Hispano Villiers de 197 c.c. e 8,4 CV, freos hidráulicos traseiros e ata 500 kg de capacidade de carga. Estivo en produción ata 1963 en multitude de versións, en función do seu cometido.

En 1960 presentou na Feira de Mostras de Barcelona o prototipo do seu primeiro camión lixeiro: o Avia 2500, que entrou en produción en 1961 cun motor Perkins de 61 CV. Para este proxecto AISA contou co asesoramento do Departamento Técnico de ENASA-Pegaso, pois o INI tiña un 33% de participación en AISA.

En 1962 seguiu o Avia 3500 con motor Perkins de 68 CV e 4192 cc e en 1964 o microbús Avia para 15 pasaxeiros máis o condutor. Desde este ano tamén se fabricaron baixo licenza en Setúbal (Portugal) por SODAG. A gama foise ampliando e, coa aparición do 6500, xa en 1969 producíronse os modelos de 1500, 2500, 3500, 4000 e 6500 kg de carga útil. En 1973 apareceu un modelo de 7000 kg.

A mediados dos setenta, sen deixar a construción de camións, o interese de AISA céntrase na mellora dos seus autobuses, chegando a construílos de 40 prazas. Para iso asóciase con Motor Ibérica, fabricante dos vehículos comerciais Ebro, o seu principal competidor e gradualmente foise convertendo nunha simple segunda marca de Ebro. Cando Nissan Motors comprou Motor Ibérica nos anos 80, a marca Avia desapareceu.

Unha das aplicacións máis interesantes dos camións Avia foi o camión de bombeiros Avia-Deutz fabricado pola subsidiaria española de Klöckner Humbolt Deutz. Baseado nun chasis Avia 3500L, tiña un motor Deutz refrixerado por aire e equipamento anti-incendios Magirus.

O interese espertado en 1962 polo Avia 3500 e, posteriormente, o 6500, que levaba motor Perkins, levou á empresa á fabricación de autocares máis cómodos e de maior capacidade. Existe unha segunda marca europea chamada Avia Camiones, con motor Cummins, pertencente ao Grupo Hinduja. En España, a comercialización levouse a cabo a través de Avia-Trucks Ibérica.

Os camións Avia utilizáronos as Forzas Armadas e a policía españolas nas súas operacións antidisturbios.[5]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Anguera Transports (ed.). "Otras marcas españolas: AVIA". Arquivado dende o orixinal (html) o 24 de decembro de 2013. Consultado o 4 de marzo de 2014. 
  2. Avia Arquivado 07 de agosto de 2016 en Wayback Machine.. Castellón Diario.com. Consultado el 30-3-2013.
  3. Club Hispano Suiza Pegaso (ed.). "Avia, ese pequeño gran camión (I)" (html). El Pegasista. Consultado o 5 de marzo de 2014. 
  4. José Antonio Aldasoro. Pegasoesmicamión, ed. "Del cielo a la tierra". Aeronáutica Industrial, S.A. Vehículos de transporte Avia. Consultado o 8 de marzo de 2014. 
  5. Avia 1250 de la Policía Armada

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar