Abrir o menú principal

Avelaiona

ave de rapina nocturna de tamaño mediano e cabeza relativamente grande
(Redirixido desde "Avelaiona común")

DescriciónEditar

Ten unha lonxitude corporal duns 38 cm. e un peso de entre 400 e 630 gramos, sendo as femias máis pesadas cós machos. A cabeza é redonda con ollos escuros, pouco habituais noutras aves da súa familia. As plumas teñen unha coloración mimética. Amosan dúas fases de coloración, unha acastañada e outra gris, con variantes intermedias. As parellas de fases diferentes poden ter polos das dúas clases. A parte inferior do corpo, máis pálida cá superior, está estrada de manchas castañas. O bico é amarelo. Os tarsos e os dedos están emplumados. Teñen as unllas negras. As alas, que teñen unha envergadura de entre 92 à 95 cm, son relativamente máis curtas cás doutros bufos, anchas e arredondadas. O seu voo e potente e ondeante, cun bater de alas regular que alterna ás veces con pláneos curtos.

A chamada máis característica da avelaiona e emitida polos machos durante a época reprodutora e unha longa queixume, que é respondida por un berro áspero da femia.

Distribución e hábitatEditar

É unha ave propia dos bosques de folla caduca e mixtos da área paleártica. Vive dende a cunca mediterránea ata o límite sur do bosque de coníferas boreal. A súa área de distribución e disxunta, repartida en dúas zonas separadas en Europa e o leste de Asia.

Na Península Ibérica distribúese de xeito uniforme por todo o territorio, habita principalmente en zonas boscosas. A súa poboación calcúlase entre as 45.000 e as 61.000 parellas.

Malia a preferencia da avelaiona común polos bosques vellos da folla caduca, non é tampouco infrecuente nos bosques de coníferas e nas paisaxes agrícolas. A súa capacidade de adaptación permítelle mesmo vivir en ámbitos urbanos, coma parques ou xardíns con árbores vellas.

Distribución en GaliciaEditar

A avelaiona é sedentaria e moi común por toda a xeografía galega, a súa poboación calcúlase nunhas 1.400 parellas.

SistemáticaEditar

Recoñécense ó redor de 11 subespecies:

  • Strix aluco aluco , á forma típica, de distribución basicamente centroeuropea.
  • Strix aluco sylvatica, das illas Británicas, Francia e a Península Ibérica.
  • Strix aluco mauritanica de África do norte.
  • Strix aluco sibiriae, dos Urais e oeste de Siberia.
  • Strix aluco willkonskii , que vive no Cáucaso e nordeste de Irán.
  • Strix aluco sanctinicolai, do Iraq
  • Strix aluco nivicola.
  • Strix aluco biddulphi.
  • Strix aluco ma.
  • Strix aluco harmsi.
  • Strix aluco yamadae.
 
Avelaiona

CondutaEditar

As avelaionas son aves de actividade preferentemente nocturna. Adoitan pasa-lo día nun lugar protexido, que só abandonan cando son molestadas ou en caso de moito frío para tomar baños de sol. Esparéxense ó lusco fusco para comezar coa caza de animais pequenos.

Alimentación e cazaEditar

O seu espectro alimenticio e moi amplo, pero os roedores e os paxaros son a súa base nutricional. De tódolos xeitos capturan practicamente todo tipo de animais de talle axeitado que estean á súa disposición, incluíndo musarañas, ras, peixes, escaravellos ou miñocas. Cazan cun voo case totalmente silencioso ó longo das lindes dos bosques ou das beiras dos camiños. Os voos son interrompidos por pausas longas en puntos de espreita, debaixo dos que é típico atopar as súas egagrópilas. Esmagan coas gadoupas os ratos capturados antes de tragalos enteiros empezando pola cabeza. As presas máis grandes son esnaquizadas antes comelas.

ReproduciónEditar

Os berros que anuncian a época de cortexo da especie escóitanse principalmente en outono e inverno e continua ata marzo onde acada o seu punto de máxima intensidade. Nesta época o canto das avelaionas déixase oír case a noite enteira.

Practican a monogamia, e as parellas duran ata a morte dun dos membros. O emprazamento do niño (que adoita ser un burato nunha árbore, unha fornela nas penas ou o niño abandonado dun córvido ou unha ave de rapina) e escollido pouco despois da copulación, que no centro do continente europeo ten lugar en xaneiro ou febreiro. Poñen a comezos da primavera de tres a cinco ovos brancos e arredondados. Tardan ó redor dun mes en chocalos, tarefa que fai a femia, encargándose de fornece-lo alimento. Cando defenden o niño e os polos son moi feras, e non dubidan en atacar mesmo ós seres humanos, ós que poden chegar a producir feridas serias. Os polos deixan o niño cando aínda non poden voar, e permanecen pousados en polas preto del.

Son aves sedentarias que ocupan todo o ano o mesmo territorio. Os xoves dispérsanse de xeito errático cando xa non son mantidos polos pais. A súa esperanza de vida media na natureza e de dous anos e medio.

 
Avelaionas novas

SituaciónEditar

Faltan datos exactos sobre a situación da especie en áreas amplas da súa distribución, Segundo as estimacións do ano 2006 da IUCN en Europa atoparíanse entre 500.000 e 1 000 000 de parellas reprodutoras, polo que a especie non se considera ameazada.

NotasEditar

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Melde, Manfred: Der Waldkauz. Die Neue Brehm-Bücherei 364. A. Ziemsen Verlag, 1989. ISBN 3-7403-0229-1
  • Urs N. Glutz von Blotzheim u. Kurt M. Bauer: Handbuch der Vögel Mitteleuropas - Columbiformes bis Piciformes (Bd 9). Aula Verlag 1980, 1994. ISBN 3-89104-562-X
  • Nicolai, Jürgen: Greifvögel und Eulen. Kompass Naturführer. Gräfe und Unzer Verlag. München, 1987. ISBN 3-7742-3805-7
  • Guía das aves de Galicia, Baía Edicións 2004.

Ligazóns externasEditar