Segundo certos autores de demonoloxía, Astaroth é o rei do Inferno, sendo Lucifer o Emperador e Satanás o sedutor de mulleres. Os seus principais axudantes son tres demos chamados Aamon, Pruslas e Barbatos. No Dictionnaire Infernal, Astaroth é representado coma un home espido con ás, mans e pés de dragón e un segundo par de ás con plumas baixo o principal, levando unha coroa, sostendo unha serpe nunha man e cabalgando un lobo ou un can. De acordo con Sebastian Michaelis, é un demo de primeira xerarquía, que seduce empregando a tendencia á pereza e á vaidade. O seu adversario é Santo Bartolomé, que pode protexer contra el porque venceu as tentacións de Astaroth. Para outros, aprende matemáticas e artesanía, pode volver invisibles ós homes, guía ata tesouros ocultos e contesta a calquera pregunta que se lle faga.

Ilustración de Astaroth

De acordo con Francis Barret, Astaroth é o príncipe dos acusadores e inquisidores. Segundo algúns demonoloxistas do século XVI, os ataques deste demo contra os humanos son máis fortes durante o mes de agosto.

O seu nome parece provir do da deusa Ashtart / Astarté, que na biblia Bulgata Latina se traduciu por Astharthe (singular) e Astharoth (plural). Esta última forma transformouse na Biblia do Rei Xaime en Ashtaroth. Parece que a forma plural foi tomada do latín ou dalgunha outra tradución por aqueles que non sabían que era plural nin que era o nome dunha deusa, véndoo só como o nome doutro deus a parte de Deus e, polo tanto, un demo.