Asemblea Xeral de Carolina do Norte

Parlamento de Carolina do Norte (Estados Unidos)

A Asemblea Xeral de Carolina do Norte (en inglés, North Carolina General Assembly) é o parlamento de Carolina do Norte, nos Estados Unidos. Ten unha estrutura bicameral e está integrado por 170 membros escollidos por sufraxio universal. A súa sede está na capital estatal, Raleigh, no Edificio Lexislativo.

Asemblea Xeral de Carolina do Norte
Acrónimothe General Assembly
Tipoparlamento de estado dos Estados Unidos de América e bicameralismo
Data de fundación17 de novembro de 1715
SedeNorth Carolina State Legislative Building
PaísEstados Unidos de América
Na rede
https://www.ncleg.net/
Twitter: NCLeg Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Selo do estado de Carolina do Norte

Composición editar

O artigo 2º da Constitución de Carolina do Norte de 1868 confire o poder lexislativo á Asemblea Xeral e fixa a organización da mesma.[1] Deste xeito, o parlamento estatal está conformado por dúas cámaras:

 
O Edificio Legislativo, sede da Asemblea Xeral (Raleigh)
  • O Senado: intregado por 50 membros, funciona como cámara alta da Asemblea Xeral. O seu presidente é o tenente gobernador do estado, aínda que só ten dereito de voto en caso de empate, ademais os senadores elixen entre eles a un presidente que asuma as funcións en ausencia do primeiro. Os senadores son electos por distritos uninominais cada dous anos por sufraxio universal. Os senadores deben ter non menos de 25 anos de idade e deben ser cidadáns residentes en Carolina do Norte dende, polo menos, dous, ademais ter a súa morada no distrito polo que se presenta dende, polo menos, o ano anterior á elección.
  • A Cámara de Representantes: conta con 120 deputados. Estes son electos por distritos uninominais cada dous anos. Para poder ser representante débense ter, como mínimo, 21 anos, ser cidadán do estado e ter a residencia no distrito polo que se concorre dende, polo menos un ano antes.

Aínda que a Constitución de 1868 inhabilita a elección para cargos públicos de cidadáns que "negen a existencia de Deus Todopoderoso",[2] esta disposición non se aplica por veredicto do Tribunal Supremo dos Estados Unidos (caso Torcaso contra Watkins de 1961).[3]

Ambas as dúas cámaras son colexisladoras tendo, polo tanto, funcións semellantes. Con todo, as leis de materia fiscal deben ser primeiro tratadas na Cámara de Representantes. Pola súa banda o Senado debe ratificar os nomeamentos do Gobernador para o gabinete estatal, tal e como determinou por unanimidade o Tribunal Supremo de Carolina do Norte en 2017.[4]

Proceso Lexislativo editar

Cando un lexislador quere aprobar unha lei, debe rexistrar na cámara á que pertence a proposta de lei. Logo, preséntase a proposta ante a cámara coa súa lectura e derívase a unha comisión concreta segundo a cuestión que aborde. Na comisión faise un estudo da proposta e convídase a lexisladores e axentes públicos para valorala. O comité ou comisión pode aprobar o proxecto tal e como se presentou, emendalo, fusionalo con outras propostas, continuar o estudo, remitila a outra comisión ou rexeitalo. Superada esta fase, a proposta de lei é obxecto de debate no pleno da cámara para logo ser votada.[5]

Aprobada pola cámara orixinal, envíase á outra, onde o proxecto seguirá as mesmas fases, podendo ser modificada. Se a segunda cámara vota a favor a lei sen mudanzas, a lei é remitida ao gobernador. Mais se houbo modificacións deberá ser tamén votada na cámara orixinal. Se esta rexeita os cambios, constitúese un comité conxunto con membros das dúas cámaras para intentar chegar a un acordo. O texto pactado debe ser votado afirmativamente por ambas cámaras para ser definitivamente aprobado. No caso de ser rexeitado, un novo comité conxunto buscará un novo acordo, se non é posible a proposta de lei queda anulada.[5] A lei aprobada por ambas as dúas cámaras leva como intitulación "A Asemblea Xeral de Carolina do Norte promulga:" (en inglés, "The General Assembly of North Carolina enacts:").[1]

 
Compilación das primeiras leis da Asemblea Xeral de Carolina do Norte como estado (1777)

Rematada a fase parlamentaria, é elevada ao Gobernador para que entre en vigor. Este pode vetala, mais a Asemblea Xeral pode anulalo co voto de tres quintos dos membros de cada cámara.

Historia editar

Durante o período colonial, Carolina do Norte contou dende 1665 cunha Asemblea Xeral composta polo Consello (integrado polo Gobernador e o seu goberno) e a unha cámara baixa que pronto foi denominada Cámara dos Burgueses. O Consello, ademais de exercer o poder executivo tamén funcionaba como cámara alta, mentres que a Cámara de Burgueses estaba composta de 12 representantes electos entre os propietarios libres de cada condado.[6]

Mediada a década de 1770, o descontento con Gran Bretaña levou á creación dun Congreso Provincial que foi o goberno de facto de Carolina do Norte. Logo de proclamar a súa independencia canda as outras colonias, o 4 de xullo de 1776, Carolina do Norte redactou a súa primeira constitución nese mesmo ano. Esta carta magna confire o poder lexislativo á Asemblea Xeral que adopta a estrutura que se mantén ata a actualidade co Senado e a Cámara dos Comúns,[7] que cambiaría de nome a Cámara de Representantes coa Constitución de 1868.

Varios dos "pais fundadores" dos Estados Unidos procedentes de Carolina do Norte integraron a Asemblea Xeral: William Blount, membro dos Comúns entre 1780 e 1784, e senador entre 1788 e 1790; William Richardson Davie, membro dos Comúns entre 1786 e 1798; Alexander Martin integrou os Comúns antes da independencia e foi senador oito anos nas décadas de 1770 e 1780; e Richard Dobbs Spaight foi membro da cámara baixa e presidente da mesma en 1785.[8] Doutra parte, a primeira muller electa, foi a representante Lillian Exum Clement, en 1921.[9]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "NC Constitution ARTICLE II". Justia Law (en inglés). Consultado o 2022-08-30. 
  2. "NC Constitution. ARTICLE VI". Justia Law (en inglés). Consultado o 2022-08-30. 
  3. Court Supreme, United States (1961). "367 US 488 Torcaso v. K Watkins" (en inglés) US (367): 488. 
  4. "North Carolina's top court: Legislators can confirm Cabinet". AP NEWS (en inglés). 2018-12-21. Consultado o 2022-08-30. 
  5. 5,0 5,1 "The Journey of a Bill". North Carolina Association of Certified Public Accountants (en inglés). Consultado o 2022-08-30. 
  6. "The House of Burgesses in NC - 1663 to 1729". www.carolana.com. Consultado o 2022-08-30. 
  7. Thorpe, Francis Newton (1998-12-18). "The Federal and State constitutions, colonial charters, and other organic laws of the state[s], territories, and colonies now or heretofore forming the United States of America /compiled and edited under the Act of Congress of June 30, 1906". avalon.law.yale.edu. Consultado o 2022-08-30. 
  8. "The Founding Fathers: North Carolina". National Archives (en inglés). 2015-11-06. Consultado o 2022-08-30. 
  9. "Lillian Exum Clement (1894-1925)". North Carolina History Project (en inglés). Consultado o 2022-08-30. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Véxase tamén editar