Un applet é un compoñente dunha aplicación que se executa no contexto doutro programa, por exemplo un navegador web. O applet debe executarse nun contedor, que o proporciona un programa anfitrión, mediante un plugin, ou en aplicacións como teléfonos móbiles que soportan o modelo de programación por applets.

A diferenza dun programa, un applet non pode executarse de maneira independente, ofrece información gráfica e ás veces interactúa co usuario, tipicamente carece de sesión e ten privilexios de seguridade restrinxidos. Un applet normalmente leva a cabo unha función moi específica que carece de uso independente. O termo foi introducido en AppleScript en 1993.

Exemplos comúns de applets son as Java applets e as animacións Flash. Outro exemplo é o Windows Media Player utilizado para despregar arquivos de vídeo incrustados nos navegadores como o Internet Explorer. Outros plugins permiten mostrar modelos 3D que funcionan cun applet.

Un Java applet é un código Java que carece dun método main, por iso utilízase principalmente para o traballo de páxinas web, xa que é un pequeno programa que é utilizado nunha páxina HTML e representado por unha pequena pantalla gráfica dentro desta.

Por outra banda, a diferenza entre unha aplicación Java e un applet radica en como se executan. Para cargar unha aplicación Java utilízase o intérprete de Java (pcGRASP de Auburn University, Visual J++ de Microsoft, Forte de Sun de Visual Café). En cambio, un applet pódese cargar e executar desde calquera explorador que soporte Java (Netscape, Mozilla Firefox, Google Chrome...).