Antoine Goüan
Antoine Goüan, escrito moitas veces como Antoine Gouan, nado en Montpellier o 15 de novembro de 1733, e finado na mesma cidade o 1 de setembro de 1821, foi un botánico e ictiólogo francés.
Nome orixinal | (fr) Antoine Gouan |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 15 de novembro de 1733 Montpellier, Francia |
Morte | 1 de setembro de 1821 (87 anos) Montpellier (Francia) |
Educación | Universidade de Montpellier |
Actividade | |
Campo de traballo | Botánica |
Ocupación | botánico, ictiólogo |
Empregador | Universidade de Montpellier |
Membro de | |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | Gouan |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Foi o primeiro científico en adoptar en Francia a nomenclatura binomial de Linneo, e o primeiro en publicar unha flora adaptada ao método e á clasificación linneana.
Traxectoria
editarGoüan fixo os seus primeiros estudos en Tolosa e despois estudou medicina na Universidade de Montpellier. Estivo moi influído polo seu profesor de medicina François Boissier de Sauvages de Lacroix (1706-1767), un moi fervente admirador do método linneano.
Acadou o doutoramento o 25 de agosto de 1752 e, seguidamente, comezou a practicar a medicina no Hospital de Saint-Éloi de Montpellier, pero ao pouco tempo sentiuse interesado na que foi a súa gran paixón: a historia natural, especialmente pola entomoloxía, a ictioloxía e tamén a botánica.
Foi admitido en 1757 na Academia da cidade como adxunto de botánica. Aínda que fixo traballos en zooloxía, consagrouse sobre todo á botánica. Por intermedio de Sauvages de Lacroix comezou a intercambiar correspondencia con Linneo a finais dos anos 1750, enviándolle espécimes de insectos, que Linneo lle agradece.
En 1762 publicou o catálogo das plantas do xardín botánico de Montpellier, Hortus regius monspeliensis. Por primeira vez en Francia, unha obra taxonómica segue a nomenclatura binomial proposta por Linneo.
En 1765 publicou Flora Monspeliaca, e foi elixido membro titular da Academia de Monpelleir. Obtivo un emprego no xardín botánico e encargouse de herborizar no campo.
Ao ano seguinte, substitúe a de La Croix de Sauvages na Facultade de Medicina. Fórmase cos grandes nomes da historia natural, como Jean-Emmanuel Gilibert (1741-1814), Joseph Dombey (1742-1794), Jean-Guillaume Bruguière (1750-1798), Jacques-Julien Houtou de La Billardière (1755-1834), Guillaume-Antoine Olivier (1756-1814) e Auguste Broussonnet (1761-1807).
As súas obras foron criticadas por Bernard de Jussieu (1699-1777) en termos moi duros: «Non hai nada máis pobre e erróneo que o libro de botánica que publicou M. Gouan co título de Hortus monspeliensis, que segue na mala liña da súa Flora monspeliaca».[1]
En 1770 publicou unha obra de ictioloxía, Historia Piscicum, na que aumentou o número de xéneros de peixes precedentementes creados co sistema linneano. Creou e describiu, entre outros, os xéneros zoolóxicos Lepadogaster, Lepidopus e Trachypterus, todos eles aínda válidos hoxe en día.
Así mesmo, deulle nome a numerosísimas especies e subespecies de plantas.[2]
E en 1773 publicou Illustrationes et observationes botanicæ, con 26 láminas. Substitúe a Joseph Barthez (1734-1806) no posto de encargado da de botánica na Academia. O renome de Gouan agrándase, e o autor establece relacións con numerosos botánicos e naturalistas tanto franceses como estranxeiros.
Auguste Broussonnet (1761-1807) envioulle un exemplar de Ginkgo biloba que recibira de Sir Joseph Banks (1743-1820). Goüan plantouno no xardín botánico, e no ano 2008 aínda estaba en pé. Co fin de facilitar a comprensión do sistema linneano preparou un libriño titulado Explication du système botanique du chevalier von Linné. Foi elixido membro estranxeiro da Sociedade Linneana de Londres en 1788, e así mesmo tamén formou parte de numerosas sociedades científicas (como, por exemplo, a Real Academia das Ciencias de Suecia, para a que foi elixido como membro estranxeiro en 1790).
Antoine Goüan mantivo, ao longo da súa vida, unha importante correspondencia con numerosos sabios do seu tempo. Ademais de Linneo, cómpre citar a Albrecht von Haller (1708-1777), Jean-Guillaume Bruguière (1750-1798), Jean-Jacques Rousseau (1712-1778), Joseph Palisot de Beauvois (1752-1820), Joseph Dombey (1742-1794), Carl Peter Thunberg (1743-1828) etc.
Principais obras
editar- Hortus Regius Monspeliensis, sistens plantas tum indigenas tum exotica (1762).
- Flora Monspeliaca, sistens plantas no. 1850 ad sua genera relatas, et hybrida methodo digestas; adjectis nominibus specificis, trivialibusque, synonymis selectis, habitationibus plurium in agro Monspeliensi nuper detectarum, et earum quae in usus medicos veniunt nominibus pharmaceuticis, virtutibusque probatissimis (1765).
- Illustrationes et Observationes Botanicae, ad specierum historiam facientes seu rariorum plantarum indigenarum, pyrenaicarum, exoticarum adumbrationes, synonymorum… Cum iconibus ex naturae typo et magnitudine naturali ab auctore delineatis (1773).
- Herborisations des environs de Montpellier, ou guide botanique à l'usage des élèves de l'école de santé… (1796).
Recoñecementos
editarMoitos taxons co epíteto específico de gouanii conmemoran o seu nome, por exemplo Ranunculus gouanii.[3]
Abreviaturas
editar- A abreviatura Gouan emprégase para recoñecer a Antoine Goüan como autoridade na descrición e sistemática en botánica.
- A abreviatura Goüan emprégase para recoñecer a Antoine Goüan como autoridade na descrición e sistemática en zooloxía.
Notas
editar- ↑ Pascal Duris 1993.
- ↑ Lista dos taxons descritos ou codescritos por Gouan, en IPNI.
- ↑ Ranunculus gouanii en UK Wildflowers.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antoine Goüan |
Bibliografía
editar- Benoît Dayrat (2003): Les Botanistes et la Flore de France. Trois siècles de découvertes, Publications scientifiques du Muséum national d’histoire naturelle.
- Pascal Duris (1993): Linné et la France (1780-1850). Librairie Droz (Genève), collection Histoire des idées et critique littéraire, nº 318.
- Jacques-Alphonse Mahul: Annuaire nécrologique, ou Supplément annuel et continuation de toutes les biographies ou dictionnaires historiques, 2e année, 1821, París: Ponthieu, 1822, pp. 198-203.
Ligazóns externas
editar- IPNI.