Anthony Burgess
John Anthony Burgess Wilson, nado en Manchester o 25 de febreiro de 1917 e finado o 25 de novembro de 1993, foi un escritor británico do século XX. Alén das súas dotes como novelista, tamén destacou por ser compositor, lingüista, profesor e periodista.
Traxectoria
editarNaceu no seo dunha familia católica de clase media. O seu pai era pianista e a súa nai morreu cando Burgess tiña apenas 2 anos de vida. Na década dos corenta fixo o servizo militar inglés en Xibraltar, en plena segunda guerra mundial. Despois da guerra, Burgess traballou para o Servizo Colonial británico na illa de Borneo e en Malaisia como responsábel educativo. Neses anos foille diagnosticado un tumor cerebral, que o afastou un pouco do que estaba a facer e acercouno á literatura.
Dentro da súa produción literaria podemos destacar a novela A Clockwork Orange (A Laranxa Mecánica) do 1962, que foi levada ao cinema polo director Stanley Kubrick no ano 1971. Esta obra destaca pola sátira social que fai o propio autor, e pola introdución dunha xerga xuvenil inventada polo propio Burgess (o nadsat), que toma gran parte dos termos de linguas eslavas, das que Burgess era coñecedor.
No ano 1993 Anthony Burgess morreu dun cancro de pulmón.