Analista cuantitativo

Un analista cuantitativo (ou quant, do inglés "quantitative analyst") é unha persoa que traballa na industria dos investimentos como analista de investigación aplicando técnicas numéricas ou cuantitativas a problemas de investimentos. Existen traballos similares na maioría das outras industrias modernas, pero non se denominan "analistas cuantitativos".

Aínda que os quants nun principio se ocupaban da xestión do risco e da valoración de derivados, a definición estendeuse para incluír tódalas persoas que aplican as matemáticas ás finanzas, como por exemplo as que se adican á arbitraxe estatística.

Historia

editar
 
Robert C. Merton, un pioneiro da análise cuantitativa, introduciu o cálculo estocástico no estudo das finanzas.

As finanzas cuantitativas comezaron nos Estados Unidos nos anos 30 do século XX cando algúns investidores comezaron a utilizar fórmulas matemáticas para valorar accións e bonos.

A tese de Harry Markowitz de 1952 "Portfolio Selection" (en galego, "Selección de carteiras") foi un dos primeiros artigos en adaptar formalmente conceptos matemáticos ás finanzas. Markowitz formalizou a noción de media dos rendementos e covarianzas para accións o que lle permitiu cuantificar o concepto de "diversificación" no mercado. Demostrou como calcular o rendemento medio e a varianza dunha carteira dada e razoou que os investidores só escollerían carteiras que, dado un rendemento, minimizasen a varianza. Aínda que hoxe a linguaxe das finanzas inclúe o cálculo de Itō, a minimización do risco dunha maneira cuantificable é unha parte importante da teoría moderna.

En 1969 Robert Merton introduciu o cálculo estocástico no estudo das finanzas. Merton estaba motivado polo desexo de comprender como se definen os prezos nos mercados financeiros, o que é a clásica cuestión do "equilibrio" en Economía, e en artigos posteriores empregou o cálculo estocástico para comezar as investigacións neste eido.

Ao mesmo tempo que Merton e coa súa axuda, Fischer Black e Myron Scholes desenvolveron a súa fórmula de valoración de opcións, o que levou Merton e Scholes a gañar no ano 1997 o Premio Nobel de Economía (Black falecera no ano 1995). Esta fórmula deulle solución ao problema práctico de atopar un prezo xusto para unha opción europea de tipo Call, é dicir, o dereito de comprar unha acción concreta a un prezo predeterminado nunha data concreta. Este tipo de opcións son mercadas frecuentemente por investidores desexosos de cubrir os seus riscos. En 1981, Harrison e Pliska usaron a teoría xeral dos procesos estocásticos en tempo continuo para darlle á fórmula de Black-Scholes unha base sólida, e como resultado, demostraron como valorar outros produtos derivados.

Formación

editar

Os quants máis frecuentemente teñen unha formación académica en Física, Enxeñería ou Matemáticas que en campos relacionados coas Finanzas. Normalmente os quants tamén necesitan dominar a programación de ordenadores.

A demanda de quants conduciu á creación de mestrados e cursos de doutoramento especializados en Matemáticas Financeiras, Finanzas Computacionais e campos afíns. En concreto, os programas de mestrado en enxeñería financeira ou similares estanse a volver populares. A Cass Business School de Londres foi a pioneira dos programas de finanzas cuantitativas en Europa, aínda que tamén destacan os programas da University of Warwick e do Imperial College de Londres no Reino Unido e das Universidade Pierre et Marie Curie (Paris VI) e Diderot (Paris VII) en París.

Enfoques estatísticos e matemáticos

editar

De acordo co analista Fred Gehm, "Hai dous tipos de análise cuantitativa, e polo tanto dous tipos de quants. Un tipo traballa fundamentalmente con modelos matemáticos e o outro fundamentalmente con modelos estatísticos. Aínda que nada impediría a unha persoa facer os dous tipos de traballo, semella que isto non acontece, quizais porque estes dous tipos de traballo requiren diferentes habilidades e diferentes enfoques.[1]"

Un problema típico do analista cuantitativo de tipo matemático podería ser construír ou mellorar un modelo para a valoración e negociación e detección de oportunidades de arbitraxe de bonos convertibles e as accións nas que se pode converter o bono. O modelo podería detectar, por exemplo, se o bono convertible está infravalorado comparado co prezo das accións ou viceversa. Información deste tipo de técnicas pódese atopar na coñecida páxina de Paul Wilmott[2], autor de diversos libros de análise cuantitativa que tratan temas da teoría da probabilidade, cálculo estocástico, diferenzas finitas e outras técnicas.

Un problema típico do analista cuantitativo con orientación estatística podería ser o de construír ou mellorar un modelo que decidise que accións son relativamente baratas e cales caras, utilizando diferentes proporcións financeiras. O Chartered Financial Analysts Institute, que é a maior organización na industría dos investimentos e que expide a CFA certification, dállle máis importancia ao enfoque estatístico da análise cuantitativa no seu programa de certificación. O libro da CFA Quantitative Investment Analysis (en galego "Análise cuantitativa dos investimentos"), describe técnicas como o Test de hipóteses, a regresión e a análise de series temporais, pero non menciona técnicas de análise numérica.