Cacaforra viñosa

(Redirección desde «Amanita rubescens»)

A Cacaforra viñosa ou amanita do viño[1] de nome científico Amanita rubescens, é un fungo basidiomiceto da familia das amanitas caracterizado por posuír un chapeu globoso, cando é novo, que evoluciona a plano, de cor avermellada, coa tonalidade do viño: na madurez, posúe numerosos restos do veo da volva, de cor branca rosácea. A cutícula é separable con facilidade. A marxe, incurvada a plana, non é estriada, e é delgada. As láminas, numerosas, libres, son de cor branca, así como as súas esporas. O pé é cilíndrico, de cor esbrancuxada a rosada; na súa base posúe unha volva da mesma cor ou lixeiramente máis saturada.[2] Crece en piñeirais e en uceirais.

En Galiza abrolla de setembro a decembro, sendo a época de apoxeo todo outubro e a primeira metade de novembro[3].

De interese en gastronomía, debe consumirse sempre cociñada, nunca crúa; isto débese á presenza de hemolisinas que desaparecen ao quentarse até os 65 °C.[2] Ditas hemolisinas actúan eliminando os eritrocitos do sangue. No entanto, o seu interese culinario está discutido, posto que, aínda destruídas as hemolisinas tras un shock térmico, aínda son indixestas.[2] Debe coidarse a súa identificación porque se presta a confusión con Amanita pantherina, esta última moi tóxica.

Notas editar

  1. VV. AA. (2012) Vocabulario forestal Santiago de Compostela, Deputación de Lugo
  2. 2,0 2,1 2,2 Asociación micolóxica El Royo (en castelán)
  3. Na web da Agrupación Micolóxica de Galiza - http://www.azarrota.org/index.php?option=com_content&task=view&id=62&Itemid=74 Arquivado 02 de outubro de 2013 en Wayback Machine.

Véxase tamén editar