Aglais urticae
Aglais urticae | |||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A. urticae. Anverso e reverso das ás. | |||||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||||
'Aglais urticae' (Linneo, 1758) | |||||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||||
ver o texto |
A Aglais urticae é unha das 143 especies que compoñen actualmente o xénero Aglais, incluído na familia Nymphalidae.[1] É unha bolboreta de tamaño mediano e de cores laranxa e negra que foi descrita por Carl von Linné en 1758.[2] O seu epíteto xenérico fai referencia a unha das tres Cárites ou Grazas —Áglae— da mitoloxía grega. O específico fai referencia á ortiga.[3]
Describíronse 6 subespecies: A. u. chinensis, A. u. connexa, A. u. esakii, A. u. ichnusa, A. u. kansuensis e A. u. teruelensis, aínda que segundo autores algunhas poderían ser especies distintas.[1]
Nymphalis polychloros é unha especie parecida coa que se pode confundir.
Descrición
editarSon bolboretas medianas, de 4 a 5 cm de envergadura, as femias medio centímetro máis que os machos. O anverso ou cara superior das ás son dun ton laranxa con manchas negras. O reverso é de cor amarela pálida e negro xaspeado de marrón. Ambos os sexos posúen un deseño e colorido moi semellante.
Ás anteriores e posteriores cos bordos irregulares. Polo anverso, as marxes son de cor ocre e marrón escura cunha liña de pequenas lúnulas de cor azul cobalto na zona submarxinal. No medio da cela das ás anteriores aparece unha mancha negra ben definida e no seu extremo distal outra máis grande que chega até a costa que é leonada. No ápice hai outra mancha negra que se estende desde V5 até a costa e unha pequena mancha branca en contacto con aquela. Entre as tres manchas negras hai dúas zonas amarelas. A zona basal é marrón e laranxa, con algunhas escamas amareladas. A zona postdiscal, alaranxada, posúe tres puntos negros en E1b, E2 e E3 e unha mancha amarelada en E1b. A subespecie A. u. ichnusa, endemismo insular de Córsega e Sardeña, carece destes puntos negros.[4][5]
-
Aglais urticae
-
△ Aglais urticae
As ás posteriores teñen un deseño máis uniforme, coas zonas basal e discal negras con escamas e pelos de cor ocre.[nota 1] Zona postdiscal laranxa intensa e unha mancha amarela entre a costa e o ápice.
O reverso das ás anteriores posúe a zona basal marrón escura, así como o primeiro terzo e o final da cela. Entremedias, unha mancha amarelada que contacta coa zona postdiscal que é da mesma cor. Cerca do ápice aparecen finos trazos escuros e na zona submarxinal unha serie de lúnulas azul turquesa. As zonas basal e discal das posteriores son marrón escuras separadas por unha liña crebada negra das zonas postdiscal e marxinal que son máis claras. A zona submarxinal tamén posúe pequenas lúnulas azul turquesa.[6]
Ciclo biolóxico
editarÉ unha especie bivoltina (unvoltina no extremo setentrional da súa área de distribución), cunha primeira xeración que emerxe ao principio da primavera e outra a finais. As femias depositan entre 150 e 250 ovos que eclosionan ás dúas semanas. As pequenas eirugas son negras, portan numerosas espiñas, e adoitan vivir agrupadas en pequenos niños sedosos que as protexen de parasitos e predadores. Nesta etapa aliméntanse de ortigas (Urtica dioica, U. urens). Tras 40 ou 45 días de alimentarse, sae do niño e forma unha crisálide colgada boca abaixo da súa planta nutricia ou de plantas próximas. Tras emerxer, o imago aparéase e a nova xeración desenvolverase durante a primavera e verán, hibernando como adulto para reproducirse na primavera seguinte.[7][8]
Distribución e hábitat
editarHabita os bosques de ribeira, claros de bosque, prados floridos, proximidades de charcas ou fontes, cultivos de regadío e, en xeral, zonas cun lixeiro índice de humidade.[9]
Bolboreta migradora e cosmopolita pode ser atopada desde o nivel do mar até os 2100 m de altitude, desde o oeste de Europa —podendo ser a única bolboreta diúrna que ocupa toda a xeografía europea— até o Pacífico asiático.[10] Non se atopa no norte de África nin nos arquipélagos atlánticos (Azores, Madeira nin Canarias).[9][4][5]
Notas
editar- ↑ Neste caso denomínanse «pelos» a unhas escamas alongadas e finas, semellantes a cabelos curtos.
- ↑ 1,0 1,1 GBIF (2011)
- ↑ Linneo, C. (1758)
- ↑ Alvar Ezquerra, Jaime (2000)
- ↑ 4,0 4,1 Higgins, L. G. e N. D. Riley (1980), pp. 126-127
- ↑ 5,0 5,1 Leraut, P. (2007)
- ↑ Aguado Martín, L.O. (2007), pp. 261-263
- ↑ Aguado Martín, L.O. (2007), pp. 263-264
- ↑ Leraut, P. (2007), p. 438
- ↑ 9,0 9,1 Aguado Martín, L.O. (2007), p. 264
- ↑ Reinchholf-Riehm, H. (1985), p. 34
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Aguado Martín, L.O. (2007). Las mariposas diurnas de Castilla y León (Lepidópteros ropalóceros) Especies, biología, distribución y conservación I. Valladolid: Junta de Castilla y León. p. 1041. ISBN 978-84-9718-473-1.
- Alvar Ezquerra, J. (2000). Diccionario Espasa. Mitología universal. Espasa. p. 1031. ISBN 84-239-9460-0.
- Global Biodiversity Information Facility (2011). "GBIF Portal" (en inglés). Consultado o 1 de junio de 2011.
- Higgins, L. G. e N. D. Riley (1980). Guía de campo de las mariposas de España y Europa. Barcelona: Omega. p. 452. ISBN 84-282-0327-X.
- Leraut, Patrice (2007). Insectos de España y Europa. Barcelona: Lynx Edicions. p. 528. ISBN 978-84-96553-27-9.
- Linneo, C. (1758). "Systema naturae" (en latín). Consultado o 13 de marzo de 2011.
- Reinchholf-Riehm, Helgard (1985). Guías de naturaleza Blume. Mariposas. Barcelona: Blume. p. 287. ISBN 84-7031-555-2.
- Savela, Markku (2011). "Lepidoptera and some other life forms" (en inglés). Consultado o 15 de marzo de 2011.