Adolfo Lucas Reguilón

mestre e guerrilleiro republicano

Adolfo Lucas Reguilón García, nado en Villa del Prado (Madrid) en 1911 e finado en 1994, foi un mestre e guerrilleiro republicano que actuou pola zona do val do Tiétar trala Guerra Civil. Adoptou o alias de "Severo Eubel de la Paz" (que segundo el quería dicir "Serio e incorruptible luchador en la buena guerra por la paz").

Infotaula de personaAdolfo Lucas Reguilón
Biografía
Nacemento1911 Editar o valor em Wikidata
Villa del Prado, España (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte29 de marzo de 1994 Editar o valor em Wikidata (82/83 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmembro da resistencia Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
ConflitoGuerra civil española Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Militante comunista dende maio de 1936, cando comezou a Guerra Civil exercía de mestre en Navamorcuende (Toledo). Participou como miliciano nos combates da estrada da Coruña. Foi ferido en novembro de 1936 e posteriormente desempeñou tarefas no comisariado político. Ao rematar a guerra foi preso e condenado a morte, pero foi liberado en 1943.

Ao saír da prisión botouse ao monte no val do Tiétar con varios compañeiros, creando a Agrupación Guerrillera Zona M (Alto del Mirlo) pola zona de Piedralaves (Ávila), dedicándose sobre todo á difusión de propaganda impresa, a sabotaxe dos tendidos eléctricos, o corte de estradas e a imposición de multas aos veciños da zona colaboracionistas do réxime de Franco. En novembro de 1944, o grupo de Severo integrouse como fundador na Agrupación Guerrillera de Extremadura (División de Gredos). O grupo tiña unha ideoloxía propia, mestura de comunismo, cristianismo e pacifismo, elaborada por Reguilón a partir da idea de Unión Nacional lanzada por Jesús Monzón (máximo dirixente do PCE no interior de España). Publicou folletos políticos e os periódicos Uníos e El Guerrillero Carpetano. A Garda civil e as organizacións antifranquistas considerábano un fantasioso e visionario, con apetencias de protagonismo e de mando. A actuación de Reguilón causaba malestar entre os demais grupos guerrilleiros, debido a que na práctica rexeitaba a acción armada.

A acción máis importante do grupo tivo lugar o 16 de agosto de 1946, cando ocuparon por unhas horas a vila de Alameda del Valle.

No verán de 1947 o grupo de Severo realizou a súa última acción na serra, no porto de Navacerrada, como consecuencia da cal unha parella de mozos que acampaba na lagoa de Peñalara allea a todo, foi tiroteada pola Garda Civil.

Reguilón continuou a súa actividade política en Madrid. Pero ese mesmo ano de 1947, os guerrilleiros acordaron abandonar a capital e un camarada ofreceuse a trasladalo á casa dunha familia coñecida súa en Foz. Estableceuse en Mañente (Vilaronte) onde meses despois chegou o seu lugartenente Teodoro del Real Yáñez Formal, e alí exerceu como mestre, sendo coñecido como Bernardo Gonzalo Gil "Don Bernardo". Para sobrevivir dedicase á venda de aparatos de radio ("As Radios de Don Bernardo"). En 1956 foi descuberto ao querer casar o seu compañeiro e solicitar os papeis na súa parroquia de orixe. Detido o 10 de xaneiro de 1956 en medio dun espectacular despregue de forzas da Garda civil, foi condenado a morte en consello de guerra, pero grazas a unha campaña internacional conmutáronlle a pena pola de trinta anos en prisión. Foi liberado en 1972 e faleceu o 29 de marzo de 1994.

Deixou escritas as súas memorias: Bajo el terror de las armas: el último guerrillero de España.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Díaz Díaz, Benito. "La guerrilla antifranquista (maquis)", conferencia-coloquio do 8 de febreiro de 2006 no Club de Amigos da Unesco.
  • Guevara, Chema. "Maquis en Alameda", en: Senda Norte comunicación, 21 de decembro de 2007.
  • Reguilón García, Adolfo Lucas. El último guerrillero de España. AGLAG, Madrid, 1975.
  • Reguilón García, Adolfo Lucas. Bajo el terror de las armas. Nuevos datos de una autobiografía histórica. Soriano Impresor, Madrid, 1982.

Ligazóns externas editar