Administración única

A administración única foi unha proposta defendida por Manuel Fraga Iribarne como Presidente da Xunta de Galicia que esixía un impulso autonómico consistente nun avance no proceso de descentralización político-administrativa sobre a base do criterio unha función-un órgano.

Obxectivos editar

A administración única trataba de acadar unha economía de gasto e unha superación das duplicidades administrativas dun xeito coherente cunha lectura avanzada do dereito á autonomía política recoñecido no artigo 2 da Constitución española e segundo o principio de subsidiariedade. Deste xeito, as funcións que de xeito eficaz e eficiente poden desenvolverse pola comunidade autónoma non deberían seguir retidas polo Estado central.

Buscábase un modelo político-administrativo estable potenciador do dereito á autonomía.

Mecanismos xurídico-políticos editar

A administración única inspirábase nas técnicas propias do chamado federalismo de execución contrastadas en Estados federados centroeurpeos de Alemaña e Austria ou a Confederación Helvética. Un modelo moi repetido por Manuel Fraga Iribarne foi o de Baviera. Propoñía mesmo superar o teito competencial do Estatuto de Autonomía a través da utilización das Leis de transferencia e delegación previstas no artigo 150.2 da Constitución. Relativas a Galicia chegaron a aprobarse dúas. A redución substancial da presenza da administración xeral do Estado en Galicia que traería como consecuencia a proposta, compensábase dende un criterio de cohesión identificado coa lealdade constitucional, trasunto da lealdade federal nos Estados desa natureza. Figuras como os Gobernadores civís ou servizos como o SEPES, INEM ou os restos do IRYDA, ICONA etc. non terían sentido.

Propostas colaterais editar

A proposta de administración única era o corolario político-administrativo doutras ideas defendidas por Manuel Fraga Iribarne como o principio de autoidentificación como defensa da cultura e personalidade identitaria de Galicia como pobo dentro dunha España unida pero diversa. Asemade defendíase a constitución dunha Conferencia de Presidentes, un Senado autonómico análogo ao dos Estados Federais, un Consello Económico e Social estatal con presenza autonómica, o protagonismo das comunidades autónomas na elección dunha parte dos maxistrados do Tribunal Constitucional e a participación de Galicia nas institucións europeas incluído, en temas cruciais como a Pesca, no Consello de Ministros da Unión Europea. Isto neutralizaría a reabsorción competencial centralizadora pola vía da execución da normativa europea, as leis básicas estatais, a xurisprudencia do Tribunal Constitucional ou a ordenación xeral da economía.

O sucesor de Manuel Fraga, Alberto Núñez Feijóo non incorporou estas ideas ao seu discurso político. Estas desapareceron dos programas do Partido Popular de Galicia a partir da VII lexislatura.