Accidente de Peinador
O accidente de Peinador foi o terceiro contratempo de importancia na historia da aviación comercial en Galicia. O 21 de marzo de 1994, o avión DC-9 da compañía Aviaco que cubría a liña regular dende Madrid co aeroporto de Peinador (Vigo), tomou terra uns 75 m antes do comezo da pista. Non houbo vítimas mortais.
Accidente de Peinador | |
---|---|
O DC-9 accidentado fotografado en 1984
| |
Resumo | |
Data | 21 de marzo de 1994 |
Causa | aproximación por debaixo da senda de planeo |
Lugar | Aeroporto de Peinador |
Coordenadas | |
Orixe | Madrid |
Destino | Vigo |
Finados | 0 |
Feridos | 62 (3 graves) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | McDonnell Douglas DC-9-32 |
Operador | Aviaco |
Rexistro | EC-CLE |
Pasaxeiros | 110 |
Tripulación | 6 |
Superviventes | 116 (todos) |
O avión
editarO avión era un DC-9-32, con rexistro EC-CLE, da compañía Aviaco que operaba o voo AYC-260, a liña comercial regular dende Madrid. Fora construído en 1975 e levaba realizadas un total de 38 224 horas de voo e 41 155 aterraxes. Estaba equipado con dous motores Pratt & Whitney JT8D-9A.[1] O nome da aeronave era Juan Ponce de León.
O accidente
editarO avión saíu ás 7:21 da mañá de Madrid, cun tempo de voo previsto duns 50 minutos. A aeronave chegou ás proximidades de Vigo sobre as 8:10 da mañá e o piloto, José Luis López Hernández, realizou unha primeira manobra de aproximación, que houbo de abortarse pola néboa. Na segunda manobra, ás 8:15, cunha visibilidade de 1 500 metros lonxitudinais, o avión bateu coas luces de aproximación a uns 115 m do limiar da pista, e despois colidiu co tren de aterraxe uns 50 m antes de entrar. As dúas patas da tren de aterraxe principal romperon, e coa dereita rompeu tamén o depósito de combustible dese lado, derramando o queroseno. Á altura da barra de iluminación do extremo da pista o combustible comezou a arder. O aparello esvarou pola pista mentres partía a á dereita en dous logo de colidir coas luces de aproximación. O avión detívose no lado esquerdo, a uns 600 m do limiar da pista, pasando o lume ao lado esquerdo e afectando a practicamente todo o exterior do aparello.
Cando o avión entrou en pista, un vehículo que se atopaba nas proximidades da cabeceira comunicou emerxencia. Inmediatamente a torre de control activou a alarma e os servizos contraincendios chegaron á aeronave un minuto despois. O avión xa estaba sendo desaloxado, polo que os bombeiros comezaron a actuar no lado esquerdo para protexer a evacuación, que case rematara. Aos 30 segundos extinguiron o lume dese lado e comezaron a actuar na á dereita, que foi apagada un minuto despois. Cando o lume desapareceu, uns 2 minutos despois da súa chegada, algúns dos membros dos servizos antiincendios, equipados con bombonas de osíxeno e mascarillas, entraron no interior do avión para comprobar que non quedaba ninguén dentro.[1]
A evacuación realizouse de forma ordenada e tranquila. Usáronse as dúas portas dianteiras, despregando as ramplas inchables, e as dúas saídas da á esquerda. Chegou a abrirse unha das saídas da á dereita, pero ao comezar a entrar fume decidiuse non usala. Tampouco se utilizou a saída do cono de cola debido ao lume, aínda que posteriormente comprobouse que este non afectara a esa zona.[1] O accidente pechou o aeroporto durante un día.
Causas
editarSegundo o informe oficial da investigación, durante a fase final da aproximación o avión aumentou o seu réxime de descenso e situouse por debaixo da senda de planeo. As condicións no aeroporto eran de visibilidade reducida por mor de bancos de néboa e os tripulantes, aínda que viron o inicio da pista, non escoitaron os avisos do Sistema de Avisos de Proximidade ao Terreo, que lles indicaban que voaban a moi baixa altitude. O informe conclue que non percibiron estes avisos debido á súa concentración nos estímulos visuais, polo que non variaron a súa altura na aproximación impactando finamente contra o terreo previo á pista.[1]
Vítimas
editarNon se produciron vítimas mortais entre os 110 pasaxeiros e as 6 persoas que conformaban a tripulación de cabina, aínda que si algúns feridos leves e graves con queimaduras e contusións. Entre a pasaxe estaba o daquela deputado socialista Ventura Pérez Mariño, o sindicalista Antonio Gutiérrez, o alcalde de Redondela Xaime Rei ou o alpinista César Pérez de Tudela. Catorce foron hospitalizados, pero só por unhas horas, sendo o máis grave deles Antonio Gutiérrez que sufriu unha lesión nun xeonllo[2][3].
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Ministerio de Fomento (ed.). "Informe oficial da investigación do accidente" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de maio de 2014. Consultado o 13 de maio de 2014.
- ↑ ABC - "Accidente milagro" de un DC-9 de Aviaco en Vigo (en castelán)
- ↑ El País - Un DC-9 con 110 pasajeros se incendia en Vigo tras perder el tren de aterrizaje (en castelán)