A pista de area
A pista de area é unha novela en lingua italiana de Andrea Camilleri. Forma parte da saga protagonizada polo comisario Salvo Montalbano. Foi publicada en 2007 pola editorial de Palermo Sellerio editore co título orixinal de La pista di sabbia, e foi traducida ao galego por Carlos Acevedo e publicada por Editorial Galaxia tamén en 2007.
A pista de area | |
---|---|
Título orixinal | La pista di sabbia |
Autor/a | Andrea Camilleri |
Orixe | Italia |
Lingua | italiano - siciliano |
Xénero(s) | Novela policial |
Editorial | Sellerio editore Editorial Galaxia |
Data de pub. | 2007 |
Páxinas | 288 260 |
ISBN | 88-389-2216-0 978-84-9865-031-0 |
Precedido por | Le ali della sfinge |
Seguido por | Il campo del vasaio |
Tradución | Carlos Acevedo |
[ editar datos en Wikidata ] |
Trama
editarUnha mañá o comisario Montalbano esperta e atopa un cabalo morto tirado na praia a carón da súa casa de Marinella. Seguindo o rastro chega até o lugar en que foi brutalmente golpeado con barras de ferro a uns tres quilómetros. Regresa á súa casa, e mentres está almorzando o cadáver do cabalo desaparece. Máis tarde Rachele Esterman achégase á comisaría para denunciar o roubo do seu cabalo, que estaba na granxa de Saverio Lo Duca. A muller atópase en Sicilia para participar nunha carreira hípica que se celebra anualmente en Fiacca. Hospédase na casa da súa amiga Ingrid Sjöström, vella coñecida do comisario.
Pola tarde Ingrid vai a casa de Montalbano, mais sorprende varios descoñecidos na vivenda. Ao cabo, roubáranlle un vello reloxo Rolex do pai. O inspector Mimì Augello, pola súa banda, descobre que foron dous os cabalos roubados na granxa de Lo Duca: Super, o cabalo de Rachele Esterman, e Rudy, pertencente ao propio Lo Duca. Ao tempo Fazio indaga sobre as apostas hípicas clandestinas que organiza Michele Prestia, un criminal de pouca monta ligado á mafia a través de Francesco Bellavia, membro da familia Cuffaro.
Á noite Ingrid invita Montalbano a participar nunha festa previa á carreira, na que Rachele corre con outro dos cabalos de Lo Duca, rematando segunda. Antes da cea o commissario vai onde Lo Duca, o cal lle di que o roubo dos cabalos puido ser unha vinganza dun antigo empregado seu, Gerlando Gurreri: Lo Duca, durante un altercado, ferírao na cabeza cunha barra de ferro e deixárao inválido. Durante a cea Rachele leva a Montalbano a un pendello e alí fan o amor. Ao regresar a casa o comisario atopa a casa asaltada de novo, mais co Rolex devolto.
Coa axuda de Fazio organiza unha trampa: finxe ter que marchar ás présas da casa, pero deixa a Galluzzo vixiando a vivenda. Varios descoñecidos intentan prenderlle lume á casa, e cando Galluzzo os sorprende iníciase un tiroteo, no que un dos asaltantes resulta ferido. Malia todo, logran escapar nun coche, logo de que a Galluzzo se lle atranque a arma. Montalbano sospeita que os asaltos á súa casa son para intimidalo e que non testifique nun xuízo contra Giacomo Licco, un mafioso ligado tamén á familia Cuffaro. Vai onde o fiscal Giarrizzo e sabe que Licco ten unha coartada, pois a súa amante, Concetta Siragusa, ha testemuñar ao seu favor. Fazio descobre que Concetta é a muller de Gurreri, e que ela e os Cuffaro o fixeron entrar na familia baixo ameazas a cambio do testemuño.
Á mañá seguinte aparece un cadáver no medio do campo, vestido cun calzón e cun disparo na omóplata. Coa análise do proxectil sábese que a bala foi disparada pola policía, e o médico legal confirma que o morto sufrira no pasado unha trepanación do cranio. Montalbano deduce que se trata do propio Gurreri, e que fora a quen disparara Galluzzo cando asaltaran a casa do comisario.
Da lavandería mandan a Montalbano unha ferradura atopada no peto do seu pantalón. O comisario cae na conta de que a collera antes de que fixesen desaparecer o cadáver do cabalo, e comprende que é iso o que buscan na súa casa. A ferradura non leva ningunha sinal particular, mentres que as do cabalo de Rachele tiñan a letra W. Xa que logo, Montalbano sabe que o cabalo asasinado é o de Lo Duca.
Montalbano fai crer a Lo Duca que Prestia confesou, e o primeiro acaba recoñecendo que organizara o roubo dos dous cabalos porque o seu estaba xa moi enfermo. Bellavia e Prestia son arrestados e o cabalo de Rachele é rescatado.
Ingrid e Rachele van cear á casa de Montalbano. O teléfono soa e responde Rachele: é Livia, que colga de contado. Montalbano prepárase para unha boa liorta telefónica logo da cea.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Ficha na web da editorial.