A miña familia e outros animais

A miña familia e outros animais é unha novela autobiográfica en lingua inglesa do naturalista Gerald Durrell, publicada en 1956 co título orixinal de My Family and Other Animals. Foi traducida ao galego por Susana Collazo e publicada en 2016 por Sushi Books[1].

A miña familia e outros animais
Título orixinalMy Family and Other Animals
Autor/aGerald Durrell
OrixeReino Unido
Linguainglés
Tema(s)Saga da vida de Gerald Durrell en Corfú
Xénero(s)Novela autobiográfica
Editorial Rupert Hart-Davis
Galicia Sushi Books
Data de pub. 1956
Galicia 2016
Seguido porBechos e demais parentes (1969)
O xardín dos deuses (1978)
TraduciónSusana Collazo
editar datos en Wikidata ]

Conta as súas vivencias na illa grega de Corfú na súa infancia, entre 1935 e 1939. Describe a vida da familia Durrell na illa dun xeito humorístico, ao tempo que fala da fauna da rexión. É a primeira parte da súa triloxía de Corfú, completada con Bechos e demais parentes (1969) e O xardín dos deuses (1978). O título da obra podería estar inspirado na obra de Louis Bromfield Animals and Other People.

En 1956 Durrell xa publicara numerosos libros sobre as súas expedicións zoolóxicas, pero este libro axiña acadou sona pola esaxeración cómica das personalidades dos membros da familia (especialmente do seu irmán máis vello Larry) e polo agarimosa e natural relación cos animais da illa. Amais de lanzar a súa carreira como propietario do Jersey Zoological Park e como escritor e personalidade da televisión, a obra contribuíu a aumentar o turismo en Corfú[2].

Trama editar

O libro narra de forma autobiográfica cinco anos da infancia de Gerald Durrell (dos 10 aos 15), da súa familiar, as súas mascotas e da vida en xeral durante a súa estancia na illa de Corfú. O libro aparece dividido en tres seccións, marcando as tres vilas onde que a familia tivo como fogar na illa. Amais do propio Gerald (o máis novo), á illa chegan a nai viúva, o irmán máis vello Larry (que quere ser escritor), Leslie (que adora as armas de fogo) e Margo, xunto co can Roger. Axiña traban amizade co taxista Spiro, que os sobreprotexe e acaba por converterse en amigo da familia. Gerald comeza a recibir clases de Theodore Stephanides, que inicia a Gerald na historia natural. Posteriormente Gerald coñecerá outros titores e amigos da illa, amais de amigos que veñen visitar a Larry.

A comedia humana aparece mesturada con descricións da vida animal que Gerald observa nas súas expedicións ao redor das casas familiares, a illa e a costa. Ás veces devolve os animais ao seu hábitat e outras veces lévaos como mascotas, como a tartaruga Aquiles, a pomba Quasimodo, o bufo Ulysses, numerosas arañas, a gaivota Alecko, os cans Widdle e Puke e varios paxaros.

Notas editar

  1. Ficha Arquivado 06 de xaneiro de 2017 en Wayback Machine. na web de Sushi Books.
  2. Botting, Douglas: Gerald Durrell - the authorised biography. London, 1999. HarperCollins. ISBN 0-00-255660-X (en inglés).