Íntimas (novela)

Íntimas é a única novela da escritora boliviana Adela Zamudio, publicada en 1913 pola editorial Velarde. Malia non ter unha boa acollida na época, considérase na actualidade unha das "15 novelas fundamentais de Bolivia", seleccionadas por académicos e escritores do país.[1]

Íntimas (novela)
Autor/aAdela Zamudio
OrixeBolivia
Lingualingua castelá
Xénero(s)novela epistolar
Data de pub.1913
editar datos en Wikidata ]

Argumento editar

Íntimas é unha novela epistolar ambientada a principios do século XX en Bolivia. Está dividida en dúas partes: a primeira comprende as cartas que Juan lle escribe a Armando, e a segunda parte componse das cartas de Antonia a Gracia.[2] Unha particularidade da novela é que o público lector le as epístolas de Juan e de Antonia, mais non as respostas de Armando e Gracia.

Na primeira parte, Juan relátalle ao seu amigo e socio de negocios Armando o que lle sucede durante a súa estadía no departamento de Cochabamba. Cóntalle como conxenia con Gracia, irmá da súa cuñada Casta, mentres se aloxa na casa do seu irmán Modesto. Tamén lle conta o que lle sucede na cidade e como coñece a súa futura esposa, Blanca Rocha.

Na segunda parte, Antonia cóntalle a Gracia a triste historia da moza Evangelina Paz, quen, por mor de falsos rumores, non pode casar co home que ama e acaba por recluirse na soidade.

Estrutura editar

Primeira parte editar

Na primeira parte da novela, Juan envíalle a Armando 11 cartas. A primeira é do 28 de outubro de 1906 e a última do 1 de xullo de 1907:

  1. 28 de outubro de 1906
  2. 2-4 de novembro de 1906
  3. 9-11 de decembro de 1906
  4. 20 de xaneiro de 1907
  5. 9-13 de febreiro de 1907
  6. 23 de marzo de 1907
  7. 2 de maio de 1907
  8. 15 de maio de 1907
  9. 9 de xuño de 1907
  10. 15 de xuño de 1907
  11. 1 de xullo de 1907

Segunda parte editar

Na segunda parte da novela, Antonia envíalle a Gracia dúas extensas cartas:

  1. 10 de febreiro de 1907
  2. 9 de agosto de 1907[3]

Crítica editar

 
Retrato de Adela Zamudio

Na súa época recoñecíase a Adela Zamudio polo seu traballo poético. Íntimas, a súa primeira e única novela, publicouse con moitos defectos pola editorial Velarde da Paz. Despois da dura crítica que seguiu á súa publicación, a autora retirou de circulación os poucos exemplares que había e non volveu escribir unha obra semellante.

Un crítico da prensa de Cochabamba aconselloulle á "señorita Zamudio" que seguise escribindo poemas, que "iso sabíao facer ben", mais que "deixase en paz a novela", que era "unha cousa de homes".[4]

A finais do século XX o profesor de Literatura latinoamericana da Universidade de Oregón Leonardo García Pabón redescubriu a novela, e concluíu entón que a crítica do seu tempo xulgara Íntimas de forma inxusta, baseada esencialmente en prexuízos machistas.

Desde o punto de vista da súa recepción, Íntimas vén marcada desde a súa primeira edición pola crítica de xénero. Os críticos homes, xa se repetiu, dinlle a dona Adela que volva escribir poemas, que non se meta a escribir novelas. Non a critican porque a historia que conta poida ser ou non aburrida ou porque utiliza de tal maneira o narrador, a crítica é directamente de xénero. O que está mal é que unha muller escriba novelas.

En 1999 García Pabón preparou a segunda edición da novela, que saíu en Plural Editores na colección Clásicos de Bolivia' Outra reedición crítica posterior abriu na citada editorial a serie Letras Fundacionales de Bolivia. Era a segunda vez que Íntimas se publicaba e a primeira que se facía nunha boa edición. En 2012 Íntimas foi incluída na relación das "15 novelas fundamentais de Bolivia", publicada polo Ministerio de Culturas e Turismo. Recollía a lista que elaborara en agosto de 2009 un grupo de 31 académicos, escritores e directores de revistas e suplementos literarios.[5]

No Diccionario Crítico de Novelistas Bolivianas, Willy Óscar Muñoz escribe:

Íntimas (1913) é a súa única novela, texto practicamente descoñecido mesmo polos expertos da literatura boliviana, até que Leonardo García Pabón a reedita a finais do século XX. Este descoñecemento débese a que este texto foi criticado mesmo por aqueles que admiraban a poesía de Zamudio. García Pabón conclúe que esta novela foi rexeitada porque non seguía as estratexias do realismo, a modalidade que dominaba a literatura boliviana nese tempo. Ese realismo caracterizábase pola representación tipificada de grupos sociais (indios, hacendados, burgueses, mineiros), codificación realizada por un narrador racional, masculino, cuxa meta era ficcionalizar a problemática do imaxinario da nación. En cambio, Zamudio opta por escribir unha novela epistolar que confire maior importancia á psicoloxía dos seus personaxes, pero sen deixar de lado o aspecto social.

Considérase Íntimas a primeira novela feminista de Bolivia. Nunha carta ao seu amigo Claudio Peñaranda, Zamudio díxolle:

Dubido que a conclúa vostede nin ningún outro home sen durmirse. É un contiño para mulleres, inspirado en confidencias de almas femininas, tímidas e delicadas.

Segundo García Pabón, esta afirmación confirma a orientación feminista da novela. Por unha banda, busca ser "un espazo de definición dunha subxetividade feminina sen presenza dominante masculina". Por outra banda, reflicte a postura de Adela Zamudio non só como unha muller socialmente activa, senón tamén como escritora.

Xunto coa súa defensa social da muller, hai un proxecto de construción dun suxeito feminino que só pode ser realizado por medio da palabra escrita.[6]

Notas editar

  1. "Las 15 novelas fundamentales de Bolivia". Opinión: diario de circulación nacional. 7 de agosto de 2016. Consultado o 19 de xullo de 2022. 
  2. Muñoz Justiniano, Mariana (27 de abril de 2011). "Íntimas: voces femeninas y masculinas en la escritura de Adela Zamudio". La época. Consultado o 25 de marzo de 2015. 
  3. Zamudio, Adela (2007). Leonardo García Pabón, ed. Íntimas. A Paz: Plural Editores. ISBN 84-89891-52-4. 
  4. Vargas, Rubén (22 de setembro de 2013). "'Íntimas' La primera novela feminista". La Razón. Consultado o 25 de marzo de 2015. 
  5. "Bolivia publica sus "Quince Novelas Fundamentales" con apoyo de España". La Razón. 28 de decembro de 2012. Consultado o 25 de marzo de 2015. 
  6. García Pabón, Leonardo (1999). "Introducción. Sociedad e intimidad femenina". En Leonardo García Pabón. Íntimas. La Paz: Plural Editores. p. vii-xx. ISBN 84-89891-52-4. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar