Área estatística metropolitana

Nos Estados Unidos, unha área estatística metropolitana (tradución literal da frase en inglés: metropolitan statistical area, polo que é coñecido polo acrónimo nesta lingua, MSA) é unha rexión xeográfica cunha relativamente alta densidade de poboación no seu núcleo e estreitos vínculos económicos en toda a zona. Ditas rexións non están incorporadas legalmente como o poderían estar unha cidade ou unha vila, nin son demarcacións administrativas como o son os condados ou entidades separadas como os Estados. Como tal, a definición exacta de calquera área metropolitana dada pode variar coa fonte. Unha típica zona metropolitana céntrase nunha única gran cidade que exerce unha influencia substancial na rexión (por exemplo, Chicago ou Atlanta). Non obstante, algunhas áreas metropolitanas teñen máis dunha gran cidade sen contar un só municipio que manteña unha posición claramente dominante (v.gr., Dallas–Fort Worth Metroplex, a Área Metropolitana Estatística de Virginia Beach–Norfolk–Newport News, a Inland Empire ou a Área Estatística Metropolitana de Minneapolis–Saint Paul).

As MSA son definidas pola Oficina de Administración e Orzamento (coñecida polo acrónimo en inglés, OMB) e son tratadas con propósitos estatísticos pola Oficina do Censo e outras axencias do goberno federal[1].

Mapa editar

 
Mapa ampliable dos 955 núcleos centrais das áreas estatísticas (CBSA) dos Estados Unidos e Puerto Rico en febreiro de 2013. As 374 áreas estatísticas metropolitanas (MSA) móstranse en cor verde escuro. As 581 áreas estatísticas micropolitanas (μSA) móstranse en cor verde claro.

Definicións editar

As estatísticas do Censo dos Estados Unidos para as áreas metropolitanas elabóranse de acordo ás definicións que a continuación se detallan.

A Oficina de Administración e Orzamento define o conxunto de núcleos centrais das áreas estatísticas (CBSA no acrónimo en inglés) en todo o país. Os CBSA están delimitados sobre a base dunha área urbana central ou un grupo urbano — noutras palabras: unha área limiar dunha relativamente alta densidade de poboación. Os CBSA están compostos de condados e equivalentes a condados[2][3]. Os condados que conteñen o núcleo da área urbana son coñecidos como condados centrais do CBSA. Hai condados circundantes adicionais, coñecidos como condados periféricos, que poden ser incluídos no CBSA se estes condados teñen fortes lazos sociais e económicos cos condados centrais, medidos polo nivel de desprazamentos e o emprego. Os condados periféricos inclúense no CBSA se o nivel de intercambio de emprego (medido polo total de desprazamentos nunha dirección e outra) é do 25% ou máis, aínda que eses números son estimativos e fanse excepcións. Algunhas áreas do interior deses condados periféricos poden atoparse en zonas rurais. Do mesmo xeito que as MSA, os CBSA subdivídense en áreas estatísticas micropolitanas (μSA) en base á poboación da zona urbana do núcleo central. Baixo certas condicións, un ou máis CBSA poden ser agrupados para formar unha grande entidade estatística coñecida como área estatística combinada (co acrónimo CSA).

Ademais, nunha terminoloxía anterior, que xa non se emprega, podíamos encontrar tamén a área estatística metropolitana estándar (co acrónimo SMSA) e a área estatística metropolitana primaria (co acrónimo PMSA)[4]. En Nova Inglaterra, as vilas teñen prioridade sobre os condados, así que estatisticamente áreas similares son definidas en termos de unidades urbanas coñecidas co nome de áreas de cidades e vilas de Nova Inglaterra (co acrónimo NECTA).

Notas editar

  1. Nussle, Jim (20-11-2008). Oficina de Administración e Orzamento, ed. "Update of Statistical Area Definitions and Guidance on Their Uses" (PDF) (en inglés). pp. 1–2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04-11-2010. Consultado o 8-1-2016.  Arquivado 04-11-2010 en Wayback Machine.
  2. Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "Apendix A. Census 2000 Geographic Terms and Concepts" (PDF) (en inglés). Consultado o 7-1-2016. 
  3. Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "2010 Geographic Terms and Concepts" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29-01-2016. Consultado o 7-1-2016. 
  4. Oficina do Censo dos Estados Unidos (ed.). "Metropolitan and Micropolitan Statistical Areas" (en inglés). Consultado o 16-2-2010. 

Véxase tamén editar

Outras ligazóns editar

Ligazóns externas editar