Ángel 'Cholo' Armada

Ángel Armada, máis coñecido por Cholo Armada, nado en Vigo en 1929 e finado na mesma cidade o 22 de outubro de 2006,[1] foi un dos maiores regatistas da vela galega.

Ángel 'Cholo' Armada
Nome completoÁngel Armada Álvarez
Nacemento1929
Lugar de nacementoVigo
Falecemento22 de outubro de 2006
NacionalidadeEspaña
Ocupacióndeportista
editar datos en Wikidata ]

Nado nunha familia de empresarios do sector náutico (o seu pai, Ángel Armada Armada, fundara Astilleros Armada en 1924), desempeñou toda a súa carreira profesional e deportiva vencellada ao mundo da vela. Laboralmente dirixindo o estaleiro da familia, e deportivamente sendo un pioneiro como deportista en Galiza e unha referencia indispensable tamén na parte administrativa.

Traxectoria deportiva editar

Empezou a navegar relativamente tarde, á idade de 23 anos, e despois de ensaiar con distintos tamaños decantouse axiña pola clase snipe, embarcacións tradicionais de madeira para dous tripulantes, con dez metros cadrados de superficie vélica. Con ela practicaba e tomaba notas de navegación, ata que a finais dos anos cincuenta comeza a competir.

Nos anos seguintes, e a bordo do seu barco máis popular, o Chuvias, percorreu todo o mundo participando en distintos campionatos estatais e internacionais. Vencedor de 618 competicións, conseguiu ser campión de España en cinco ocasións, pero o seu éxito deportivo máis importante foi acadar o subcampionato de Europa en clase snipe celebrado en Estocolmo, o 17 de agosto de 1960. O seu tripulante era o tamén vigués Xulio Ribó. Uns meses despois, nos campionatos do mundo celebrados nas Palmas de Gran Canaria en 1961, obtiveron a cuarta posición.

O éxito de Armada e Ribó marcou un fito na historia deste deporte, tanto en España como en Galiza, e en particular na clase snipe. Cholo Armada seguiu competindo, e chegou a participar en 44 campionatos estatais, de distintas categorías, e nun campionato de Europa na categoría de cruceiro, na embarcación que capitaneaba Xoán de Borbón, conde de Barcelona.

Foi presidente da Federación Galega de Vela dende 1978 ata 1990 e socio de honra do Club Náutico de Vigo e do Club Náutico de Panxón.

Obra editar

  • Chuvias, 1952-2000, Ed. Ir Indo, 2002

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Giráldez Lomba, Antonio (2010). 200 memorias de Vigo (en castelán). Faro de Vigo. p. 21. VG 955-2010.