Taliesin

poeta britón

Taliesin, nado contra o ano 534 e finado en 599,[1] foi un poeta britano do período posromano de Britania cuxa obra sobreviviu probabelmente nun manuscrito do galés medio, o Libro de Taliesin. Taliesin foi un bardo de sona que se cre que cantou nas cortes de polo menos tres reis célticos britanos.

Infotaula de personaTaliesin

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento534 Editar o valor em Wikidata
Powys Editar o valor em Wikidata
Morte599 (Gregoriano) Editar o valor em Wikidata (64/65 anos)
Datos persoais
País de nacionalidadeBritania posromana Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoeta , Bardo , escritor , Mago Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua galesa Editar o valor em Wikidata

Musicbrainz: 6cbf0340-42e2-40e2-9e25-d224f2ec78bf Editar o valor em Wikidata
O Val do Eden entre Appleby e Penrith, unha área que se dá como territorio de Urien Rheged nos poemas  laudatorios de Taliesin.

Como máximo once dos poemas que se conservan foron datados no século VI, polo que se adscriben ao Taliesin histórico[2]. A maior parte desta obra loa o rei Urien de Rheged e o seu fillo Owain mab Urien, aínda que varios dos poemas indican que tamén serviu como bardo da corte do rei Brochfael Ysgithrog de Powys e o seu sucesor Cynan Garwyn, quer antes quer durante o súa permanencia na corte de Urien. Algúns dos acontecementos aos que se refiren os poemas, tales como a Batalla de Arfderydd (c. 583), aparecen mencionados noutras fontes.

O seu nome, escrito Taliessin nos Idylls of the King de Alfred, Lord Tennyson e nalgunhas obras subsecuentes, significa "cella brillante" en galés medio.[1] na lenda e na poesía medieval galesa aparece mencionado como Taliesin Ben Beirdd ("Taliesin, Xefe de Bardos" ou xefe dos poetas). Aparece mencionado como un dos cinco poetas britanos de renome, xunto con Talhaearn tad Awen ("Talhaearn Pai da Musa"), Aneirin, Blwchfardd, e Cian Gwenith Gwawd ("Cian Trigo de Canción"),  na Historia Brittonum, e tamén se menciona na colección de poemas coñecida como Y Gododdin. Taliesin foi moi ben considerado a mediados do século XII como o suposto autor dun  gran número de lendas románticas.[1]

Segundo a lenda, Taliesin foi adoptado de neno por Elffin, o fillo de Gwyddno Garanhir, e profetizou a morte de Maelgwn Gwynedd pola febre amarela. En historias posteriores converteuse nun heroe mítico, compañeiro de Bran o Bendito e o rei Artur. A súa biografía lendaria atópase en varios documentos tardíos (véxase máis abaixo; a narración máis antiga que chegou ata nós está nunha crónica manuscrita da historia do mundo escrita por Elis Gruffydd a mediados do século XVI).  

Biografía editar

Sábese pouco da súa vida, alén do que se pode deducir dos poemas que se consideran xenuínos. Estes refírense a vitorias de Urien nas batallas de Argoed Llwyfain e Gwen Ystrad. O fillo de Urien, Owain, loitou a carón de seu pai na primeira destas e matou o líder inimigo Fflamddwyn; algúns estudosos pensan que Fflamddwyn non é outro que Ida de Bernicia e que a batalla tivo lugar sobre o ano 547. Sábese menos sobre a batalla de Gwen Ystrad, pero algúns sosteñen que tivo lugar en Menao, Northumbria sobre o ano 560.[1] Todos estes lugares atópanse no chamado Hen Ogledd (O Vello Norte).

Taliesin se cadra serviu a Owain mab Urien tras a morte de Urien, pois a cronoloxía non está totalmente clara. Aínda que é seguro que Taliesin sobreviviu a Owain, como demostra o lamento que compuxo á morte de Owain, non hai proba de que sobrevivise a Urien. Taliesin tamén cantou na honra de Cynan Garwyn, rei de Powys, Gales.[3] é sorprendente en todo caso que Taliesin non é o primeiro poeta citado por Nennio.

Segundo unha tradición á que a miúdo se alude na poesía medieval galesa e na Historia Taliesin ("A hsitoria de Taliesin", que sobreviviu do século XVI), Taliesin foi o fillo adoptivo de Elffin ap Gwyddno, que lle deu o nome de Taliesin, que significa "cella radiante", e que despois se converteu en rei de Ceredigion, Gales. A lenda  afirma que foi educado na súa corte en Aberdyfi e que cando tiña trece anos visitou o rei Maelgwn Gwynedd, tío de Elffin, e profetizou correctamente a maneira e a inminencia da morte de Maelgwn. Certo número de poemas medievais atribuídos a Taliesin aluden á lenda pero son posteriores ao floruit do poeta histórico en polo menos cincocentos anos, ou máis.

A idea de que era o bardo da corte do rei Artur remóntase polo menos ao conto de Culhwch ac Olwen, quizais un produto do século XI. Isto elaborouse tamén na poesía inglesa moderna, como nos Idylls of the King de Tennyson e no  Taliessin Through Logres de Charles Williams. En todo caso a vida do Taliesin histórico parece ter transcorrido na segunda metade do século VI, mentres que os estudosos que cren na existencia de Artur datan a súa vitoria no Mons Badonicus arredor do ano 500; os Annales Cambriae ofrece a data de 532 para a súa morte ou desaparición na Batalla de Camlann, apenas uns poucos anos antes da data de 542 que atopamos na Historia Regum Britanniae.

Bedd Taliesin, un túmulo no alto dun outeiro da Idade de Bronce en Ceredigion, fronte a Aberdyfi (ver arriba), é o lugar tradicional da súa tumba, pero a aldea de Tre-Taliesin, situada aos pés do outeiro, non recibiu o seu nome relacionado co bardo ata o século XIX. Un manuscrito que pasou polas mans de Iolo Morganwg, un estudoso fabulador do século XVIII afirmaba que era o fillo de San Henwg de Llanhennock pero isto non se comparece con dato nin tradición ningunha. Neste dise que foi educado na escola de Catwg, en Llanfeithin, en Glamorgan, Gales, á que tamén asistiu o historiador Xildas. De novo foi capturado por piratas irlandeses mentres estaba a pescar no mar, e dise que fuxiu empregando un coracle; arribou a terra nas pesqueiras de Elffin, un dos fillos de Urien (porén, todas as fontes medievais galesas consideran a Elffin o fillo de Gwyddno Garanhir). Urien fixo del o instrutor de Elffin, e deulle a Taliesin a propiedade dunhas terras. Mais unha vez presentado na corte do xefe guerreiro, Taliesin converteuse no seu bardo principal, seguiuno nas súas campañas e escribiu sobre as súas vitorias.[1]

O Libro de Taliesin editar

Hai estudosos que pensan que algúns dos textos do Libro de Taliesin son exemplo do galés do século X. Como moita, se non toda, a poesía galesa era transmitida oralmente na época de Taliesin, é posíbel que os poemas orixinais fosen postos por escrito por primeira vez catro séculos máis tarde empregando as grafías normais nesa época. Sir Ifor Williams, cuxa obra estableceu as bases do estudo académico do galés antigo, especialmente da poesía galesa antiga, publicou o texto con notas en Canu Taliesin (1960), e posteriormente nunha versión inglesa chamada The Poems of Taliesin (1968).

John Gwenogvryn Evans datou o Libro de Taliesin arredor de 1275, pero Daniel Huws dátao agora no primeiro cuarto do século XIV. A maioría dos poemas da colección son bastante tardíos (aproximadamente entre os séculos X e XII), con todo algúns afirman que Taliesin é o seu autor mentres outros son atribuídos internamente a outros poetas.

Dos poemas do Libro de Taliesin, doce están dirixidos a reis históricos coñecidos como Cynan Garwyn, rei de Powys, e Gwallog de Elmet. Oito dos poemas, porén, están dirixidos a Urien Rheged, cuxo reino estaba centrado na rexión de Solway Firth nos límites da actual Inglaterra e Escocia e estendíase ao leste ata Catraeth (identificada pola maioría dos estudosos coa actual Catterick en North Yorkshire) e ao oeste ata Galloway. Un poema, un "marwnad" ou lamento fúnebre, está dirixido a Owain, fillo de Urien.

O resto comprende algúns poemas dirixidos a asuntos mitolóxicos e relixiosos así como algunhas obras como 'Armes Prydein Vawr', cuxo contido implica que foron redactados por autores tardíos. Moitos carecen das características, métrica e 'expresión poética' que se asocian coa obra do Taliesin histórico. Moito deste material está asociado co Taliesin lendario.

A historia lendaria da súa vida editar

A mediados do século XVI, Elis Gruffydd recolleu un relato lendario de Taliesin que, nalgúns aspectos, lembra a historia da infancia do heroe irlandés Fionn mac Cumhail e o salmón de sabedoría. O conto tamén aparece recollido nunha versión lixeiramente diferente por John Jones of Gellilyfdy (c. 1607). Máis abaixo recollemos unha versión mixta baseada nestes relatos. 

Nacemento editar

Taliesin comezou a súa vida como Gwion Bach, un servente da feiticeira Ceridwen. Ceridwen tiña unha filla bonita e un fillo feo chamado Morfran (tamén chamado Avagddu), cuxa aparencia non podía ser modificada mediante maxia ningunha. Ceridwen tentou darlle o regalo da sabedoría como compensación e confeccionou unha poción que garantía a inspiración sapiencial (Awen), poción que debía ser remexida e cocida constantemente durante un ano e un día. Un cego chamado Morda atendía o lume de debaixo do caldeiro, mentres Gwion Bach remexía. As tres primeiras pingas do líquido deste caldeiro habían dar sabedoría, o resto era un veleno fatal. Tres pingas quentes saltáronlle ao polgar de Gwion mentres remexía e el instintivamente meteu o dedo na boca, obtendo ao instante sabedoría e coñecemento. O primeiro pensamento que lle veu á mente era que Ceridwen o había matar, e polo tanto fuxiu.

Logo escoitou a súa furia e o son da súa persecución. Converteuse nunha lebre na terra e ela nun galgo. El volveuse un peixe e botouse a un río: daquela ela volveuse lontra. El converteuse nun paxaro no aire e, como resposta, ela fíxose falcón

Exhausto, volveuse gran de millo e ela volveuse galiña e comeuno. Ela ficou preñada. Decidiu matar o neno, sabendo que era Gwion, pero cando naceu era tan fermoso que non puido facelo e, por iso, botouno ao mar nun barco de coiro.

Achado por Elffin editar

O neno atropouno Elffin, o fillo de Gwyddno Garanhir, 'Señor de Ceredigion', mentres estaba a pescar salmóns. Sorprendido pola brancura das cellas do neno, exclamou "dyma Dal Iesin", que significa "que radiante cella." Taliesin, así chamado, comezou a recitar fermosas poesías, dicindo:

Xusto Elffin, cesa o teu lamento!
....Malia ser eu débil e pequeno,
na crista da onda do axitado mar,
hei ser mellor para ti
que trescentas partes de salmón.

 

Elffin de nobre xenerosidade,
que non te aflixa a túa captura.
malia ser débil no fondo da miña cesta,
hai marabillas na miña lingua....''

  Asombrado, Elffin preguntou como era que un nono podía falar. Novamente Taliesin respondeu en verso:  

"Flotando como un barco nas súas augas,
botáronme nun saco escuro,
e no mar sen fin botáronme á valga.
Xusto cando había de afogar, tiven un feliz agoiro,
e o señor dos Ceos levoume á liberdade."

 

Na corte de Maelgwn Gwynedd editar

Algúns anos despois, cando Taliesin cumpriu os trece, Elffin estaba na corte do rei Maelgwn Gwynedd, afirmando que Taliesin era un bardo mellor e que a súa muler era mellor esposa que calquera que o rei tiña na súa corte. O fillo de Maelgwn, Rhun, foi á casa de Elffin seducir a súa muller e probar que as afirmacións de Elffin non eran certas. Rhun embebedouna e tratou de lle tirar o seu anel de vodas para probar a súa infidelidade. Pero isto non convenceu a Elffin. Maelgwn entón demandoulle a Taliesin que probase a afirmación de que era mellor bardo cós da súa corte. Daquela Taliesin profetizou a ruína do rei en profusión de estrofas, mentres os bardos do rei só podían xogaren cos seus labios e emitiren sons infantís. Elffin foi liberado do cárcere no que o botaran.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 English Writers: An Attempt Towards a History of English Literature.
  2. segundo o estudoso galés Ifor Williams.
  3. Ifor Williams, Canu Taliesin (University of Wales Press, 1960), poema I.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Ford, Patrick K. 1977. The Mabinogi and Other Medieval Welsh Tales Berkeley: University of California Press.
  • Ford, Patrick K. 1992. Ystoria Taliesin University of Wales Press: Cardiff.
  • Ford, Patrick K. 1999. The Celtic Poets: Songs and Tales from Early Ireland and Wales Ford and Bailie: Belmont, Mass.
  • Haycock, Marged 2007. Legendary Poems from the Book of Taliesin (CMCS, Aberystwyth)
  • Haycock, Marged. 1997. "Taliesin's Questions" Cambrian Medieval Celtic Studies 33 (Summer): 19–79.
  • Haycock, Marged. 1987. "'Some talk of Alexander and some of Hercules': three early medieval poems from the 'Book of Taliesin." Cambridge Medieval Celtic Studies 13 (1987): 7–38.
  • Haycock, Marged. 1987–88. "Llyfr Taliesin," National Library of Wales Journal 25: 357–86.
  • Haycock, Marged. 1983–1984. "Preiddeu Annwn and the Figure of Taliesin" Studia Celtica18/19: 52–78.
  • Koch, John and John Carey. 2003.The Celtic Heroic Age 3rd ed. Celtic Studies Publishing: Malden, Mass.
  • Williams, Ifor. 1960. Canu Taliesin. Translated into English by J. E. Caerwyn Williams as The Poems of Taliesin Dublin Institute of Advanced Studies: Dublin. (first edition 1967, reprinted 1975, 1987)
  • Williams, Ifor. 1944. Lectures on Early Welsh poetry. Dublin: DIAS
  • English Writers: An Attempt Towards a History of English Literature, Henry Morley, William Hall Griffin, Published by Cassell & Company, limited, 1887

Ligazóns externas editar