Super Mario Bros. 3

videoxogo de plataformas de 1988

Super Mario Bros. 3 (en xaponés: スーパーマリオブラザーズ3 Hepburn: Sūpā Mario Burazāzu Surī?) é un videoxogo de plataformas de 1988 desenvolvido e publicado por Nintendo para a consola Nintendo Entertainment System (NES). É a terceira entrega oficial da serie de videoxogos Super Mario. Publicouse por primeira vez no Xapón o 23 de outubro de 1988, poucas semanas despois da publicación da versión norteamericana de Super Mario Bros. 2. A sección encargada do seu desenvolvemento foi Nintendo Entertainment Analysis and Development, liderada por Shigeru Miyamoto e Takashi Tezuka.

Super Mario Bros. 3
Desenvolvedor(es)Nintendo R&D4
Distribuidora(s)Nintendo
Director(es)Shigeru Miyamoto
Takashi Tezuka
Compositor(es)Koji Kondo
Lanzamento 23 de outubro de 1988[1]
12 de febreiro de 1990[2]
Resto: 29 de agosto de 1991[3]
XéneroPlataformas
Modos de xogoUn xogador, multixogador
Clasificación PEGI
CERO
USK
Plataforma(s)Nintendo Entertainment System, PlayChoice-10, Game Boy Advance
SerieSuper Mario
Na rede
IMDB: tt0249174 Youtube: UCZ507M3YCyDWFMAde_6c3tw Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

O xogo céntrase nas aventuras dos fontaneiros Mario e Luigi que tratan de salvar a Princesa Toadstool e os gobernantes de sete reinos distintos, secuestrados polo antagonista Bowser e os seus fillos, os Koopalings. O xogador controla a Mario ou Luigi, derrotando os inimigos que vai atopando saltando enriba deles ou empregando obxectos que lle outorgan poderes máxicos. Nesta edición Mario e Luigi teñen unha serie de habilidades máis grande que nos xogos previos da serie, incluíndo a capacidade de voar ou deslizarse por ramplas. A maiores, Super Mario Bros. 3 introduce outros novos elementos na serie, como novos personaxes inimigos e o uso dun mapa xeral como método de transición entre niveis, que reapareceron e serviron de influencia nas seguintes entregas da serie.

Super Mario Bros. 3 está considerado por moitos críticos como un dos mellores videoxogos de tódolos tempos.[4][5][6] É o terceiro videoxogo máis vendido da NES, con máis de 17 millóns de copias vendidas en todo o mundo. A súa popularidade serviu de inspiración para unha serie de animación para a televisión, titulada The Adventures of Super Mario Bros. 3. Foi reeditado para a Super NES como parte de Super Mario All-Stars en 1993, e para a Game Boy Advance como Super Mario Advance 4: Super Mario Bros. 3 en 2003. Publicouse de novo baixo o sistema de distribución Virtual Console de Nintendo, e coma xogo gratuíto dentro do servizo Nintendo Switch Online.

Mecánica de xogo editar

Super Mario Bros. 3 é un videoxogo de plataformas en dúas dimensións do tipo de desprazamento horizontal, no que o xogador controla a un dos protagonistas, ben Mario ou ben Luigi. A mecánica de xogo é semellante á das entregas anteriores da serie, Super Mario Bros., Super Mario Bros.: The Lost Levels e Super Mario Bros. 2, pero introduce varios elementos novos. A maiores dos movementos de carreira e salto, nesta entrega o xogador pode deslizarse por costas, coller e lanzar bloques especiais e subir e baixar vides, e cando consegue determinados power-ups pode voar e flotar no aire.[7] O mundo do xogo está formado por oito "reinos", cada un deles dividido en múltiples niveis. Cada un destes mundos presenta unha temática diferente, como por exemplo a "Terra Deserta" do segundo mundo que contén niveis cubertos de area e con pirámides, ou a "Terra Xigante" do cuarto mundo, no que os inimigos e obxectos son o dobre de grandes que no resto de mundos.[8]

 
A súper estrela outorga inmunidade por un curto período de tempo

O xogador avanza no xogo a través de dúas pantallas distintas, o mapa xeral e as pantallas correspondentes a cada un dos niveis. O mapa amosa unha representación cenital do reino actual e presenta varios camiños que levan dende a entrada ata un castelo, que representa o último nivel dese mundo. Os camiños conéctanse con paneis, fortalezas e outras iconas, permitindo tomar diversas rutas para chegar ata o último nivel. Ó mover a personaxe nesta pantalla cara a un destes obxectos o xogador trasládase á pantalla propia dese nivel, unha fase lineal que contén unha serie de obstáculos e inimigos. A maior parte do xogo ten lugar nestes niveis, nos que o xogador avanza mentres vai derrotando ou esquivando os inimigos.[9][10][11]

Segundo vai completando os distintos niveis, o xogador avanza polo mapa do mundo e ó chegar ó final deste pasa cara ó seguinte. Cada mundo ten un nivel final que inclúe un xefe ó que é preciso derrotar. Nos sete primeiros mundos esta fase final é unha aeronave controlada por un dos Koopalings, mentres que no último mundo o xogador enfróntase a Bowser no seu castelo. Outras das iconas presentes nos mapas inclúen grandes rochas e portas fechadas que impiden o paso ó xogador, e varios mini-xogos que dan a oportunidade de conseguir varios power-ups especiais, que se almacenan nunha reserva ata que o xogador decide activalos na pantalla do mapa xeral.[9][10] A maiores dos obxectos especiais de xogos anteriores como o "Super Cogomelo" e a "Flor de Lume", o xogo introduce novos obxectos que fornecen novas capacidades ó xogador. A "Super Folla" e o "Traxe de Can Mapache" danlle a Mario unha aparencia de animal e permítenlle voar ou facerse de pedra para evitar os inimigos durante un breve período de tempo. Ó facerse de pedra mentres salta fai que Mario se precipite cara ó chan e mate a calquera inimigo que se atope directamente embaixo del. Isto marcou a primeira aparición do movemento denominado "ground pound" nun xogo de Mario, que posteriormente se lle deu a Yoshi no videoxogo Super Mario World 2: Yoshi's Island e que logo pasou a formar parte do conxunto de movementos estándar de Mario en Super Mario 64 e nos xogos posteriores.[12]

Super Mario Bros. 3 inclúe un modo de xogo multixogador que permite que dous xogadores xoguen de forma cooperativa facendo quendas para desprazarse polo mapa xeral e accedendo ós distintos niveis, no que o primeiro xogador controla a Mario e o segundo controla a Luigi. Neste modo de xogo tamén se pode acceder a un mini-xogo, unha reedición do videoxogo arcade orixinal Mario Bros.[13]

Argumento editar

O argumento de Super Mario Bros. 3 descríbese no manual de instrucións do xogo. O Mundo Cogomelo, onde se desenvolve a historia, é invadido polos Koopalings, os sete fillos de Bowser. Os Koopalings conquistan os sete mundos roubándolles a variña máxica a cada un dos reis e usándoa para transformalos en animais. A Princesa Toadstool envía a Mario e Luigi a través destes reinos para recuperar as variñas roubadas e retornar os reis ó seu estado normal.[14]

Durante o xogo a Princesa envíalle cartas e obxectos a Mario e Luigi segundo van recuperando cada un dos reinos. Cando rescatan o sétimo rei, a carta que reciben revela que Bowser ten secuestrada a Princesa no seu castelo do seu propio reino, a "Terra Escura".[15] Os irmáns viaxan a esta Terra Escura e derrotan a Bowser no seu castelo, liberando así a Princesa Toadstool.[16]

O 10 de setembro de 2015, Shigeru Miyamoto confirmou unha teoría de afeccionados como certa, afirmando que a historia de Super Mario Bros. 3 ten lugar en forma de obra teatral. O xogo comeza cunhas cortinas abríndose, con obstáculos colgados e obxectos no fondo, e cando Mario termina un nivel no xogo sae del desaparecendo do escenario.[17]

Desenvolvemento editar

Super Mario Bros. 3 foi desenvolvido por Nintendo Entertainment Analysis & Development, un equipo de máis de dez persoas que precisaron máis de dous anos para completalo.[4][18] Shigeru Miyamoto actuou como director, traballando cos deseñadores e programadores durante as fases de desenvolvemento do concepto así como nas últimas fases, promovendo o intercambio libre de ideas, xa que consideraba as ideas orixinais unha das chaves na creación dun xogo de éxito.[18]

O xogo deseñouse para atraer xogadores de distintos niveis de habilidade. Para axudar os xogadores con menos nivel, incluíron máis moedas de bonificación e vidas extra nos primeiros mundos, mentres que os últimos mundos presentan desafíos máis complexos deseñados para os xogadores con máis experiencia. No modo multixogador, os xogadores toman quendas alternas para balancear o tempo de xogo.[18] O equipo de desenvolvemento introduciu novos power-ups e conceptos que lle dan a Mario a aparencia de diversas criaturas e fornecen novas capacidades ó xogador. Unha das ideas iniciais era a dun obxecto que cambiaba a Mario en forma de centauro, pero foi desbotada en favor dunha cola de can mapache que lle permite voar por un tempo limitado.[4][18] Tamén engadiron outros disfraces que fornecen varias outras capacidades ó repertorio do xogador, e os niveis foron deseñados para que o xogador empregase estas capacidades neles de forma vantaxosa.[19] Incluíronse novos inimigos para aumentar a diversidade no xogo a maiores de variantes doutros inimigos xa existentes, como por exemplo os Goombas, Hammer Bros. e os Koopa Troopas.[4][19]

Algúns dos inimigos en Super Mario Bros. 3 estaban inspirados polas experiencias persoais do equipo de desenvolvemento. Miyamoto afirmou que o inimigo Chain Chomp, unha criatura en forma de bola cunha cadea que se lanza contra o xogador cando este se achega a el, estaba baseado nunha mala experiencia que tivera cun can na súa infancia.[18] Os fillos de Bowser, os Koopalings, deseñáronse cunha aparencia e personalidade única, e Miyamoto baseou estas personaxes en sete dos seus programadores como tributo polo seu traballo e esforzo.[4][18] Nintendo of America nomeou posteriormente ós Koopalings en base a músicos de sona. Por exemplo, as personaxes "Ludwig von Koopa" e "Roy Koopa" recibiron o nome por Ludwig van Beethoven e Roy Orbison respectivamente.[20]

Os gráficos das personaxes foron creados cunha máquina de gráficos especial ("Character Generator Computer Aided Design") que xeraba unha colección de tódolos obxectos gráficos empregados no xogo. Cada un destes obxectos recibe un número que o código fonte do xogo emprega para acceder a eles, e combínaos en tempo real para formar imaxes completas na pantalla.[18] O cartucho de Super Mario Bros. 3 usaba o controlador de memoria personalizado de Nintendo MMC3 ASIC para mellorar as capacidades da NES. O chip MMC3 permitía o uso de mosaicos animados, RAM adicional para o desprazamento diagonal e un temporizador de escaneo de liñas para dividir a pantalla. O xogo emprega estas funcións para dividir a pantalla de xogo en dúas partes, o terreo de xogo na parte superior e unha barra de estado na parte inferior, permitindo o desprazamento da parte superior cando o xogador se move por un nivel mentres que a parte inferior permanece estática amosando texto e outra información.[21]

En 1988 unha falta de chips ROM xunto coa preparación por parte de Nintendo of America da versión occidental de Super Mario Bros. 2 provocou que Nintendo non puidese acadar diversas datas de publicación como tiña planeado orixinalmente. Algúns dos produtos que sufriron unha demora por mor disto foron Super Mario Bros. 3 e Zelda II: The Adventure of Link.[22] Porén, esta demora deulle unha oportunidade a Nintendo para facer promoción do xogo nun filme. En 1989, Tom Pollack de Universal Studios contactou co departamento de publicidade de Nintendo of America en relación a un filme sobre videoxogos. Pollack tiña en mente facer unha versión sobre videoxogos do filme Tommy, pero enfocado cara a unha audiencia de menor idade. Nintendo deu licenza para o uso dos seus produtos e a súa inclusión no filme, que levaría por título The Wizard. Durante a produción do filme, os responsables deste obtiveron a aprobación de Nintendo para o guión do mesmo e para incluír unha representación dos xogos da compañía.[23] Super Mario Bros. 3 foi un dos xogos representados, e empregouse nunha escena final que representaba unha competición de videoxogos.[23][24] O filme estreouse en decembro de 1989, entre a publicación das versións xaponesa e inglesa do xogo.[25]

Recepción editar

Recepción
Puntuacións agregadas
AgregadorPuntuación
GameRankings97.50% (6 reviews)[26]
Puntuacións
PublicaciónPuntuación
AllGameNES:      [11]
CVGNES: 98/100[27]
GameSpotWii: 9.0/10[28]
IGNWii: 9.5/10[29]
Mean MachinesNES: 98%[9]

Trala súa publicación o xogo recibiu críticas positivas por parte dos medios de prensa especializados, pasando a estar amplamente considerado como un dos mellores videoxogos publicados para a NES, e algúns medios mesmo chegaron a cualificalo como un dos mellores xogos de tódolos tempos. Os editores de Computer and Video Games Paul Rand, Tim Boone e Frank O'Connor outorgáronlle unha puntuación de 98 sobre 100, valorando positivamente a mecánica de xogo, rexogabilidade, son e gráficos. Boone afirmou que o xogo era case perfecto, mentres que Rand cualificouno como "o mellor videoxogo de tódolos tempos", chamándolle "a Mona Lisa dos videoxogos" e afirmando que "é abraiantemente brillante en tódolos aspectos e formas". O'Connor afirmou que "o xogo fai que Sonic the Hedgehog semelle unha húmida mañá de domingo".[27]

Julian Rignall de Mean Machines referiuse a Super Mario Bros. 3 como o "xogo máis excelente" que nunca xogara, citando a súa adictividade, profundidade e desafío. Outro crítico de Mean Machines, Matt Regan, anticipou que o xogo sería un éxito de vendas no Reino Unido e cualificouno como un "xogo verdadeiramente brillante". Tamén afirmou que o xogo ofrecía elementos que poñían a proba o "cerebro e reflexos" do xogador, e que aínda que os gráficos eran sinxelos, eran "incriblemente variados".[9] Nunha revisión previa do xogo, a revista Nintendo Power deulle unha puntuación alta nos apartados de gráficos, son, desafío, xogabilidade e diversión.[10]

Super Mario Bros. 3 recibiu tamén comentarios positivos por parte de críticos posteriores que consideran o título como un dos mellores xogos de tódolos tempos. A revista Edge considerou a Super Mario Bros. 3 o título máis salientable de Nintendo do ano 1989, comentando que o seu éxito superou o nivel de vendas do primeiro Super Mario Bros., xa que este vendera 40 millóns de copias pero estivera incluído xunto coa NES inicialmente.[30] Tamén valoraron positivamente o mapa xeral como unha alternativa elegante a un menú para escoller os niveis.[31] Skyler Miller, de Allgame, valorou positivamente o deseño dos niveis, os gráficos, a música e a non-linearidade,[11] mentres que Dengeki referiuse ó xogo como un título popular e expresou emoción polo lanzamento da versión do mesmo para a Game Boy Advance.[32] Os obxectos ocultos nos distintos niveis do xogo tamén foron ben recibidos. Rignall considerounos parte da adictividade do xogo, mentres que Sheff afirmou que a súa procura fornecía unha sensación de satisfacción.[9][33] Tanto GameTrailers como GamesRadar clasificárono como o mellor xogo da historia da NES. GamesRadar afirmou que mentres Super Mario Bros. definiu o seu xénero, Super Mario Bros. 3 foi o que o perfeccionou.[6][34]

As críticas negativas enfocáronse en aspectos particulares do xogo. Miller considerou a falta de capacidade para gardar a partida como algo negativo, xa que o xogador ten que pasar o xogo completo nunha soa sesión se quere completalo,[11] e Rignall describiu o son e gráficos como "anticuados" en comparación ós xogos da mesma época da Sega Mega Drive e da Super NES.[9]

Vendas editar

Super Mario Bros. 3 conseguiu un grande éxito comercial e converteuse nun dos videoxogos máis vendidos da historia.[19] A súa inclusión no filme The Wizard serviu como avance e xerou un gran nivel de expectación nos Estados Unidos antes da súa publicación.[25][35] Levi Buchanan de IGN considerou a aparición do xogo neste filme como un elemento clave da promoción, referíndose ó filme como un "anuncio de 90 minutos" para o xogo.[36] En 1993 o xogo tiña vendidas 4 e 7 millóns de unidades soltas no Xapón e nos Estados Unidos respectivamente. Só nos Estados Unidos o xogo xerou uns beneficios de máis de 500 millóns de dólares para Nintendo. David Sheff afirmou que en termos da industria musical, o xogo tería conseguido certificación de platino unhas 11 veces.[37] Tendo en conta as unidades incluídas en paquetes xunto a consolas, a versión para NES superou os 17 millóns de copias vendidas.[38] Game Informer informou no seu número de outubro de 2009 que a versión para Virtual Console acadara a cifra dun millón de copias vendidas,[39] e a data de 2011, Super Mario Bros. 3 permanecía como o videoxogo con maiores ingresos da historia, cuns beneficios totais de 1700 millóns de dólares tralo axuste de inflación.[40]

Legado editar

 
Cartucho do xogo xunto cunha NES nunha exposición do Australian Centre for the Moving Image

Super Mario Bros. 3 introduciu varios elementos que foron continuados nos seguintes videoxogos da serie Super Mario.[41] Un mapa xeral semellante usouse en Super Mario World e New Super Mario Bros., e a capacidade de voar foi unha característica principal en xogos como Super Mario World, Super Mario 64 e Super Mario Galaxy.[4][42][43] O obxecto "Super Folla" volveu aparecer en xogos posteriores para a Nintendo 3DS, como Super Mario 3D Land, Mario Kart 7 e New Super Mario Bros. 2.[4] Por medio dunha colaboración entre a NBC e Nintendo of America, DIC Entertainment creou unha serie de animación para a televisión en 1990 titulada The Adventures of Super Mario Bros. 3. Os episodios emitíronse semanalmente e incluían personaxes, inimigos e diversos lugares do videoxogo.[44] Outros produtos de Nintendo tamén incluíron elementos varios tirados deste videoxogo. O tema principal de Super Mario Bros. 3 inclúese nunha pista de Nintendo Sound Selection Koopa, unha colección de temas de videoxogos de Nintendo,[45] e os niveis e gráficos do xogo forman parte dun dos temas de fondo do videoxogo de 2006 Tetris DS da Nintendo DS.[46] Os Koopalings actúan como xefes de mundo nos videoxogos Super Mario World, Mario is Missing!, Yoshi's Safari, Hotel Mario e tódolos xogos da serie New Super Mario Bros. agás en New Super Mario Bros.[47][48]

Super Mario Bros. 3 forma parte de diversas listas dos mellores videoxogos. Debutou na lista dos 30 mellores xogos de tódolos tempos de Nintendo Power no número 20 en setembro de 1989,[5] acadando o número un da lista en maio de 1990,[49][50] e permanecendo entre os 20 primeiros durante máis de 20 anos.[51] En 2006 a revista clasificou o xogo no posto número seis da súa lista dos 200 Mellores Xogos de Nintendo,[52] e en agosto de 2008 listouno como o segundo mellor videoxogo da Nintendo Entertainment System, indicando que fora responsable de engadir unha maior complexidade á serie e de introducir novas habilidades que se converterían en características principais dos seguintes videoxogos.[53] Nunha enquisa levada a cabo por Dengeki cos seus lectores, o xogo acadou o terceiro posto xunto a Super Mario World como o primeiro videoxogo que estes tiveran xogado.[54] IGN incluíu o xogo en varias das súas listas dos "mellores xogos",[4][55][56][57] e en 2007 Super Mario Bros. 3 foi incluído no "game canon", unha lista dos dez videoxogos máis importantes seleccionados pola Library of Congress para a súa preservación.[58] Outros medios especializados como Game Informer, Edge, UGO e Gamespot tamén incluíron o xogo nas súas listas dos "mellores videoxogos".[39][59][60][61][62]

Super Mario Bros. 3 foi tamén chave na creación da serie de videoxogos Commander Keen, que serviu como plataforma de lanzamento de Id Software. A comezos dos anos 1990, cando traballaban en Softdisk, John Carmack e Tom Hall desenvolveron en segredo a tecnoloxía de refresco adaptativo de mosaicos, que permitía un desprazamento horizontal sen saltos nas tarxetas gráficas EGA dos ordenadores persoais da época. No seu tempo libre desenvolveron un clon do primeiro nivel de Super Mario Bros. 3 usando a personaxe Dangerous Dave, titulando o prototipo Dangerous Dave in Copyright Infringement. Cando John Romero viu o seu traballo, el e Jay Wilbur apoiaron que finalizasen o clon para PC do xogo completo. A demostración desta adaptación presentouse despois a Nintendo, quen rexeitou darlles permiso para levar os seus xogos ós PCs, xa que consideraban que estes "estaban feitos exclusivamente para consolas de Nintendo".[63][64]

Reedicións editar

O xogo foi reeditado e adaptado para varias das outras consolas de Nintendo. Incluíuse no xogo de 1993 para a Super NES titulado Super Mario All-Stars, unha compilación dos xogos de Super Mario da NES con gráficos e son mellorados,[65] que tamén se publicou posteriormente para a Wii en 2010.[66] Unha versión para a Game Boy Advance, Super Mario Advance 4: Super Mario Bros. 3, foi publicada en 2003. Esta versión incluíu soporte para o periférico Nintendo e-Reader, así como unha mellora nos gráficos e o son.[67] Super Mario Bros. 3 foi publicado de novo tamén en formato descargable para a Virtual Console de Nintendo, en 2007 para a Wii e en 2014 para a Nintendo 3DS e a Wii U. Estas versións teñen soporte para os distintos controladores específicos destas consolas, como o Wii Remote ou o Wii U GamePad, e permiten gardar o progreso mediante o uso de estados de gardado.[68][69]

Notas editar

Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario
  1. "Wii U Super Mario Bros. 3" (en xaponés). Nintendo. Consultado o 28 de xuño de 2014. 
  2. Craddock, Ryan (23 de outubro de 2018). "Anniversary: Super Mario Bros. 3 Turns 30 Years Old Today". Nintendo Life. Consultado o 10 de febreiro de 2020. 
  3. "Super Mario Bros. 3 International Releases". Giant Bomb. Consultado o 28 de xuño de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "IGN Top 100 Games 2007: 39 Super Mario Bros. 3". IGN. 2007. Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2017. Consultado o 25 de xaneiro de 2009. 
  5. 5,0 5,1 "Nintendo Power Top 30". Nintendo Power (Nintendo) (8): 82. 1989. 
  6. 6,0 6,1 "Top Ten NES Games". ScrewAttack. GameTrailers. 16 de outubro de 2007. Consultado o 6 de febreiro de 2009. 
  7. "Mario's Basic Moves". Nintendo Power: Strategy Guide (Nintendo) SG1 (13): 4. 1990. 
  8. InstructionBooklet 1990, pp. 30-34
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 "Nintendo Review: Super Mario Bros. 3" (PDF). Mean Machines (EMAP) (13): 56–59. 1991. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de marzo de 2016. Consultado o 18 de maio de 2016. 
  10. 10,0 10,1 10,2 "Previews: Super Mario Bros. 3". Nintendo Power (Nintendo) (10): 56–59. 1990. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Miller, Skyler. "Super Mario Bros 3 – Overview". Allgame. Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2014. Consultado o 4 de decembro de 2012. 
  12. "Ground Pound - Super Mario World 3D". IGN. Consultado o 28 de xuño de 2014. 
  13. InstructionBooklet 1990, pp. 27-30
  14. InstructionBooklet 1990, p. 5
  15. Nintendo (12 de febreiro de 1990). "Super Mario Bros. 3". Nintendo Entertainment System. Nivel/área: 7-castle. Bowser: Yo! I kidnapped the princess while you were running around. She's here in my castle, if you dare to try and rescue her. Ha ha ha... 
  16. "Super Mario Bros. 3 Review". FlyingOmelette. Consultado o 26 de xullo de 2014. 
  17. Schreier, Jason (10 de setembro de 2015). "Miyamoto Confirms That Super Mario Bros. 3 Was A Play". Kotaku. Consultado o 18 de maio de 2016. 
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 18,6 "The Making of Super Mario Bros. 3". Nintendo Power (Nintendo) (10): 20–23. 1990. 
  19. 19,0 19,1 19,2 McLaughlin, Rus (8 de novembro de 2007). "The History of the Super Mario Bros.". IGN. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2012. Consultado o 26 de xaneiro de 2009. 
  20. "Nintendo Feature: 10 Amazing Mario Facts". Official Nintendo Magazine. 30 de abril de 2010. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2012. Consultado o 5 de agosto de 2010. 
  21. "Why Your Game Paks Never Forget". Nintendo Power (Nintendo) (20): 28–31. 1991. 
  22. Sheff 1993, p. 222
  23. 23,0 23,1 Sheff 1993, pp. 190-191
  24. McFerran, Damien (2008). "The Making of The Wizard". Retro Gamer (Imagine Publishing) (49): 84–87. 
  25. 25,0 25,1 Matti, Michele (1989). "NES Journal: The Wizard". Nintendo Power (Nintendo) (9): 90. 
  26. "Super Mario Bros. 3 reviews on GameRankings". GameRankings. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2014. Consultado o 26 de xuño de 2014. 
  27. 27,0 27,1 Rand, Paul (1991). "Computer and Video Games Magazine, issue 120". Computer and Video Games. p. 23. Consultado o 28 de xuño de 2014. 
  28. Provo, Frank. "Super Mario Bros 3 Review". GameSpot. Arquivado dende o orixinal o 11 de xaneiro de 2013. Consultado o 4 de decembro de 2012. 
  29. Thomas, Lucas M. (12 de novembro de 2007). "Super Mario Bros. 3 Review". IGN. Consultado o 5 de decembro de 2012. 
  30. "Who Dares Wins". Edge (Future Publishing) (177): 63–65. 2007. 
  31. "Return to Main Menu". Edge (Future Publishing) (192): 71–72. 2008. 
  32. 任天堂が新作ソフトを一挙公開!注目のラインナップをまとめてお届け!!. Dengeki (en xaponés). 14 de maio de 2005. Consultado o 5 de febreiro de 2009. 
  33. Sheff 1993, p. 53
  34. "Best NES Games of all time". GamesRadar. 16 de abril de 2012. Consultado o 5 de decembro de 2013. 
  35. Roush, George (18 de xuño de 2008). "Watching The Wizard". IGN. Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2009. Consultado o 25 de xaneiro de 2009. 
  36. Buchanan, Levi (18 de xuño de 2008). "The 90-Minute Super Mario Bros. 3 Commercial". IGN. Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2008. Consultado o 25 de xaneiro de 2009. 
  37. Sheff 1993, pp. 3–5
  38. Boutros, Daniel (4 de agosto de 2006). "A Detailed Cross-Examination of Yesterday and Today's Best-Selling Platform Games". Gamasutra. Consultado o 21 de novembro de 2015. 
  39. 39,0 39,1 The Game Informer staff (2009). "The Top 200 Games of All Time". Game Informer (200): 44–79. ISSN 1067-6392. OCLC 27315596. 
  40. Morris, Chris (24 de marzo de 2011). "Call of Duty, Guitar Hero Top All-Time Best Selling List". CNBC. Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2012. Consultado o 25 de decembro de 2011. 
  41. East, Tom. "100 Best Nintendo Games - Part Five". Official Nintendo Magazine. Future plc. Arquivado dende o orixinal o 07 de marzo de 2012. Consultado o 25 de febreiro de 2009. 
  42. Official Super Mario 64 Player's Guide. Nintendo. 1996. 
  43. Harris, Craig (6 de maio de 2006). "New Super Mario Bros. Review". IGN. Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2009. Consultado o 3 de febreiro de 2009. 
  44. "On the Air: SMB3". Nintendo Power (Nintendo) (16): 89. 1990. 
  45. 「クラブニンテンドー」の交換アイテムに"元気が出る"音楽CD「クッパ」が登場!. Dengeki (en xaponés). 16 de decembro de 2004. Consultado o 5 de febreiro de 2009. 
  46. 石田, 賀津男 (6 de agosto de 2008). 任天堂、マリオなどが登場する定番パズルゲームDS「テトリスDS」. Impress Watch (en xaponés). Consultado o 5 de febreiro de 2009. 
  47. Thomas, Lucas M. "IGN: E3 2009: Return of the Koopalings?". IGN. Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2012. Consultado o 18 de agosto de 2009. 
  48. "New Super Mario Bros. Wii Stage Demo". GameSpot. 4 de xuño de 2009. Arquivado dende o orixinal o 12 de xuño de 2012. Consultado o 12 de decembro de 2009. 
  49. "Nintendo Power Top 30". Nintendo Power (Nintendo) (11): 40–41. 1990. 
  50. "Nintendo Power Top 30". Nintendo Power (Nintendo) (12): 42–43. 1990. 
  51. "Power Charts". Nintendo Power (Nintendo) (68): 101. 1995. 
  52. "NP Top 200". Nintendo Power (Nintendo) (200): 58–66. 2006. 
  53. "Nintendo Power - The 20th Anniversary Issue!". Nintendo Power (San Francisco: Future US) (231): 71. 2008. 
  54. 【アンケート結果発表】初めてプレイしたゲームソフトはなんですか?. Dengeki (en xaponés). 9 de xullo de 2008. Consultado o 5 de febreiro de 2009. 
  55. "IGN's Top 100 Games: 21–30". IGN. 2005. Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2005. Consultado o 25 de xaneiro de 2009. 
  56. "Top 99 Games of All Time: Reader's Pick". IGN. 2005. Arquivado dende o orixinal o 07 de febreiro de 2009. Consultado o 25 de xaneiro de 2009. 
  57. "Readers' Picks Top 100 Games: 21-30". IGN. 2006. Arquivado dende o orixinal o 17 de marzo de 2012. Consultado o 25 de xaneiro de 2009. 
  58. Chaplin, Heather (12 de marzo de 2007). "Is That Just Some Game? No, It’s a Cultural Artifact". New York Times. Consultado o 6 de febreiro de 2009. 
  59. Cork, Jeff (16 de novembro de 2009). "Game Informer's Top 100 Games of All Time (Circa Issue 100)". Game Informer. Consultado o 10 de decembro de 2013. 
  60. Edge Staff (9 de marzo de 2009). "The 100 Best Games To Play Today". Edge Online. Consultado o 21 de xaneiro de 2014. 
  61. Sal Basile (6 de xullo de 2010). "The Top 50 Games That Belong On the 3DS - UGO.com". UGO. Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2011. Consultado o 25 de abril de 2011. 
  62. Davis, Ryan. "The Greatest Games of All Time". GameSpot. Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2012. Consultado o 25 de abril de 2012. 
  63. Kushner, David (2004) [2003]. Masters of Doom: how two guys created an empire and transformed pop culture. Nova York: Random House. pp. 50,57. ISBN 9780375505249. OCLC 50129329. 
  64. Orland, Kyle (14 de decembro de 2015). "Here’s what id Software’s PC port of Mario 3 could have looked like". Ars Technica. Consultado o 15 de decembro de 2015. 
  65. "Super Mario All-Stars for SNES: Release Summary". GameSpot. Arquivado dende o orixinal o 14 de maio de 2009. Consultado o 27 de xaneiro de 2009. 
  66. Yeung, Karlie (28 de outubro de 2010). "Super Mario All-Stars Wii Coming to North America". Nintendo World Report. Consultado o 4 de maio de 2013. 
  67. Davis, Ryan (17 de outubro de 2003). "Super Mario Advance 4: Super Mario Bros. 3 Review". GameSpot. Arquivado dende o orixinal o 23 de xuño de 2013. Consultado o 27 de xaneiro de 2009. 
  68. Provo, Frank (19 de decembro de 2007). "Super Mario Bros. 3 Review". GameSpot. Arquivado dende o orixinal o 08 de febreiro de 2009. Consultado o 27 de xaneiro de 2009. 
  69. Schreier, Jason (17 de abril de 2014). "Super Mario Bros. 3 Finally Comes To Wii U And 3DS Today". Kotaku. Consultado o 28 de xuño de 2014. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar