Ribeiro (viño)

viño galego
Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Ribeiro.

Co nome xenérico de ribeiro coñécese a distintos tipos de viños, cultivados historicamente na comarca do Ribeiro. Na actualidade, o viño ten a súa propia denominación de orixe, que delimita zonas, tipos de uva e que promove a produción e a exportación da bebida.

Mapa da distribución da DOP Ribeiro
Viñedos de ribeiro á beira do Miño, A Arnoia

Historia editar

A primeira fonte documental que menciona o viño do Ribeiro é o grego Estrabón (século II a.n.e.). Tamén está documentada a exportación do viño a Roma logo da conquista imperial. No século XI os monxes beneditinos (logo cistercienses) do mosteiro de San Clodio centralizaban a produción vitivinícola da comarca, e asentaron e definiron as variedades específicas[1]. O abade Paio González cita no século XII os labores de reimplantación do viñedo. Tamén impulsaron a produción de viño os monxes do mosteiro de Oseira (séculos XII e XIII), que aínda que afastados xeograficamente, mantiñan baixo o seu dominio distintas terras de cultivo e priorados para a produción desta bebida.

Nos séculos XIV e XV, exportábase amplamente a Europa, aos reinos de Francia, Portugal, Inglaterra e italianos. O viño transportábase polo río Miño ata podelo embarcar. Hai constancia de que en 1592 se embarcaron no porto de Ferrol 127 pipas de ribeiro que custaron 190 reais.

A principios do século XIX e como consecuencia das guerras napoleónicas, os ingleses tiñan dificultade para mercar o viño de Bordeos, e decidiron investir na comarca. Pero o bispo de Tui prohibiu o comercio con Inglaterra por motivos relixiosos[2]. A esta prohibición da exportación ao Reino Unido sumóuselle en 1850 a infección de oídio, un fungo que en pouco tempo decimou os viñedos. En 1892 chegaron novas pragas, o mildio e a filoxera, co que se produciu unha substitución das variedades autóctonas (treixadura, torrontés, godello, loureira, albariño) por variedades máis resistentes e de peor calidade, fundamentalmente a palomino.

En 1932 é recoñecido como denominación de orixe. En 1956 creouse o consello regulador e en 1963 comezou a celebrarse a Feira do viño do Ribeiro. Nos últimos anos do século XX a produción e a exportación de viño do ribeiro viviu unha revitalización.

Viños editar

O viño ribeiro pode ser tanto viño branco, viño tinto ou viño tostado.

As uvas que na actualidade admite a denominación de orixe son treixadura, torrontés, palomino, godello, macabeo, loureira, albariño, lado e albilla, para o viño branco; e caíño, sousón, ferrón, mencía, tempranillo, brancellao e garnacha, para o tinto.

Importancia cultural editar

O escritor Miguel de Cervantes, nas súas Novelas ejemplares, menciona[3] o viño do Ribeiro:

se le olvidase de Rivadavia y de Descargamaría. Finalmente, más vinos nombró el huésped, y más les dio, que pudo tener en sus bodegas el mismo Baco

Refraneiro editar

  • O viño do Ribeiro fai andar ó mozo lixeiro.
  • O viño do Ribeiro ten sona de paroleiro.
  • Viño do Ribeiro, falangueiro e trouleiro.

Notas editar

  1. Historia do Ribeiro Arquivado 01 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. Web do Consello regulador da Denominación de orixe
  2. Ribeiro de cine (¿Pedro Almodóvar viticultor?), Soitu, 2/12/2008
  3. Miguel de Cervantes, El licenciado Vidriera, Wikisource:es

Véxase tamén editar

Outros artigos editar