Igualdade de xénero

dereito humano fundamental

A igualdade de xénero implica que homes e mulleres deben recibir os mesmos beneficios, as mesmas sentenzas e ser tratados co mesmo respecto. O principio de igualdade e de non discriminación por razón de sexo é unha obriga de dereito internacional xeral, que vincula a todas as nacións e, dado o seu carácter primordial, estabelécese sempre como un principio que debe inspirar o resto dos dereitos fundamentais.

Símbolo xenérico da Igualdade de xénero.

Marco internacional editar

No marco internacional, o dereito internacional prohibe a discriminación baseada no sexo. A adopción da Carta das Nacións Unidas, asinada en San Francisco o 26 de xuño de 1945, situou o principio de igualdade de oportunidades e non discriminación na órbita dos dereitos fundamentais.

No preámbulo da Carta de San Francisco proclámase que:

Reafírmase a fe nos dereitos fundamentais do ser humano, na dignidade e o valor da persoa humana, na igualdade de dereitos entre os homes e as mulleres e das nacións grandes e pequenas
Carta de San Francisco[1]

A Organización das Nacións Unidas completou o catálogo de dereitos xuridicamente vinculantes para todos os estados membros a través dos seguintes documentos:

  1. a Carta de San Francisco de 1945 antes mencionada
  2. a Declaración Universal de Dereitos Humanos aprobada o 10 de decembro de 1948
  3. o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais
  4. o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, ambos aprobados o 16 de decembro de 1966, textos que configuran o principio de non discriminación como un auténtico principio estrutural.

Máis importancia para a igualdade de xénero ten a Convención das Nacións Unidas sobre a eliminación de toda forma de discriminación contra a muller, do 18 de decembro de 1979, ratificada por España en 1983 e publicada no BOE en 1984, e no seu Protocolo Facultativo, ratificado e en vigor desde o ano 2001, que estabelecen que:

Os Estados deben tomar as medidas apropiadas, incluíndo as de carácter lexislativo, para asegurar o pleno desenvolvemento e adianto da muller en todos os ámbitos (...) Non se considerará discriminación a adopción de medidas especiais encamiñadas a acelerar a igualdade de facto entre o home e a muller
BOE,[1]

Ademais, xunto a esta obriga xenérica, a Convención amplía os dereitos das mulleres en diversos ámbitos, como os dereitos políticos, en materia laboral, educación, sanidade e economía. Ao amparo desta Convención, xurdiu o Comité para a Eliminación da Discriminación contra as Mulleres, órgano que ten como obxectivo a tutela do dereito á non discriminación por razón de sexo.

A Conferencia de Viena de 1993 das Nacións Unidas insiste, unha vez máis, na idea de que:

Os dereitos humanos da muller e da nena son parte inalienábel, integrante e indivisíbel dos dereitos humanos universais
Conferencia de Viena de 1993 das Nacións Unidas

Esta idea volve estar presente na Cuarta Conferencia Mundial das Nacións Unidas sobre a Muller que tivo lugar en Beijing en 1995. A Conferencia adquire un significado enorme en pór de manifesto o consenso que hai en relación coa universalidade e a globalidade dos problemas das mulleres, e destaca a importancia da igualdade e a non discriminación por razón de sexo como factor ineludíbel para construír as sociedades do século XXI. En definitiva, entre os obxectivos de desenvolvemento das Nacións Unidas para o milenio, a igualdade de oportunidades entre sexos e a autonomía das mulleres ocupan un lugar destacado.

Diferenza entre igualdade e equidade de xénero editar

Para a Secretaría de Desenvolvemento Integral da UNAM, Equidade de xénero significa que as mulleres e os homes gozan de condicións iguais no exercicio pleno dos seus dereitos humanos, na súa posibilidade de contribuír ao desenvolvemento nacional político, económico social e cultural e de beneficiarse dos seus resultados.[2]

Neste sentido, a equidade de xénero encamiñarase principalmente a brindar oportunidades xustas a mulleres e homes, pero a diferenza da igualdade, serán atendendo principalmente á idea de que mulleres e homes son distintos, polo que estas oportunidades serán de acordo ás características, contextos e necesidades específicas onde se atopen e que posúan, desde os diversos ámbitos nos que interactúan, por exemplo no ámbito laboral, educativo, da saúde, o económico, cultural e social en xeral.

Falar do tema equidade de xénero implica a participación de todas as persoas na práctica e como unha forma de vida, máis aló da cuestión teórica, isto co fin de poder impactar verdadeiramente na sociedade e propiciar pequenos cambios mais significativos, que impliquen un compromiso da sociedade que se vexa reflectido día a día na práctica para propiciar unha participación equitativa de homes e mulleres en todos os ámbitos de desenvolvemento persoal e comunitario.

É necesario abordar non só a igualdade senón tamén a equidade entre os xéneros así como tamén a solidariedade para a convivencia, a empatía, a dignidade, o respecto e a liberdade.

Chegar á equidade de xénero non é tarefa fácil, xa que require cambios tanto nas prácticas institucionais como nas relacións sociais que, hoxe en día, lexitiman e fan máis fortes e marcadas as disparidades de xénero. É por iso que, canto máis fagamos uso da equidade de xénero nas nosas prácticas, na linguaxe, na educación, o ámbito laboral, na política, é dicir, mentres máis vexamos a equidade de xénero como unha forma ou un hábito de vida, propiciaranse relacións máis sas, onde non estea presente a violencia física, psicolóxica ou sexual entre homes e mulleres.

Discriminación sexista editar

O machismo é unha expresión derivada da palabra macho, defínese no Dicionario da Real Academia Galega como a «Ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre o home e a muller.»[3] En castelán existe o termo hembrismo, un neoloxismo usado para referirse á misandria ou desprezo aos homes que non está rexistrado en galego no DRAG.

O acceso das nenas á educación editar

En moitas partes do mundo, o acceso das nenas á educación é moi restrinxido. As nenas enfróntanse a moitos obstáculos que impiden que tomen parte na educación, incluíndo: os matrimonios precoces e forzados; embarazo prematuro; prexuízos baseados en estereotipos de xénero no fogar, na escola e na comunidade; a violencia no camiño á escola, ou nos arredores das escolas; as longas distancias ás escolas; vulnerabilidade á epidemia do VIH; cotas escolares, que a miúdo conducen os pais que envían aos seus fillos só á escola; a falta de métodos e materiais sensíbeis ao xénero nas aulas.[4][5]

De acordo co ACNUDH, houbo varios ataques a escolas en todo o mundo durante o período 2009-2014 onde "un número destes ataques foi dirixido especificamente ás nenas, pais e profesores que avogan pola igualdade de xénero na educación".[6] O Fondo de Poboación das Nacións Unidas di:

"Ao redor de dous terzos dos adultos analfabetos do mundo son mulleres. A falta dunha educación restrinxe severamente o acceso da muller á información e oportunidades. Polo contrario, o aumento do nivel de instrución das mulleres e das nenas beneficia as persoas e as xeracións futuras. Os niveis máis altos de educación das mulleres están fortemente asociados cunha menor mortalidade infantil e a diminución da fecundidade, así como mellores resultados para os seus fillos".

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Informes d'impacte de gènere" (PDF) (en catalán). Barcelona: Institut Català de les Dones. xuño de 2005. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de outubro de 2013. Consultado o 11 de agosto de 2013. 
  2. UNAM. "Equidad de género". México: Secretaría de Desarrollo Integral de la UNAM. Arquivado dende o orixinal o 11 de xullo de 2015. Consultado o 20 de novembro de 2015. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para machismo.
  4. "Progress and Obstacles to Girls' Education in Africa". 
  5. "Global Campaign For Education United States Chapter". Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2018. Consultado o 18 de xaneiro de 2018. 
  6. "BACKGROUND PAPER1 ON ATTACKS AGAINST GIRLS SEEKING TO ACCESS EDUCATION" (PDF). 
  7. "Gender equality | UNFPA - United Nations Population Fund". www.unfpa.org. Arquivado dende o orixinal o 20 de maio de 2019. Consultado o 16 de agosto de 2016. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar