Historia da Unión Europea

A historia da Unión Europea fai referencia aos feitos políticos que afectaron a esta organización. A historia dos diversos estados que a compoñen trátase de maneira separada dentro do artigo de cada un deles.

Evolución territorial da Unión Europea.
Bandeira da Unión Europea.
Parlamento Europeo, sede de Estrasburgo.[1]

A Unión Europea (UE) é unha entidade política, social, económica e xurídica que cobre unha gran parte do continente europeo. Baséase en numerosos tratados e foi obxecto de varias ampliacións que a levaron dos 6 estados membros fundadores aos 27 en 2007. É máis que unha organización internacional, aínda que non ten carácter de estado federal.

As súas orixes remóntanse ao período posterior á segunda guerra mundial, en particular á fundación en 1951 da Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro en París, logo da Declaración Schuman, e aos Tratados de Roma, que constituíron a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea. Ambos os organismos son agora parte da Unión Europea, que se formou baixo ese nome en 1992.

A partir da década de 1960, Bruxelas consolidouse como a capital de facto da UE, o que levou á creación do denominado Barrio europeo desta cidade.

Antecedentes editar

Ata o século XIX editar

 
Límites do Imperio Romano
 
Sacro Imperio Romano Xermánico

Na Baixa Idade Media xa se pode atopar a primeira idea dunha cristiandade medieval organizada, como forma de nostalxia do Imperio Romano. A comunidade cultural da Europa medieval caracterizábase por unha lingua e relixión comúns. O Imperio e o Papado daban unidade estrutural, pero politicamente foron ineficaces.

Os europeos comezaron a ter conciencia de si mesmos no século XVI, coa aparición do Estado moderno, liberado da tutela do Imperio e do Papado. A política da época tratou de organizar, ao seu modo e de xeito interesado, o mapa europeo dos séculos XVI e XVII mediante o sistema de Estados europeos esbozado en 1648 coa paz de Westfalia. A idea de organización europea desenvólvese a partir do ensaio de Kant titulado Zum ewigen Frieden (Sobre a paz perpetua).

Século XIX editar

O século XIX foi un século de contradicións. A pesar de estar dominado polos nacionalismos, o escurantismo nacionalista non conseguiu sufocar a utopía da unión europea, que foi defendida por Saint-Simon, concibindo unha Europa unida como Estado federal.

As primeiras décadas do século XIX tiveron que soportar as consecuencias do Congreso de Viena de 1815 e o fracaso do Pacto da Santa Alianza, promovido polas forzas monárquicas e conservadoras ao fin das guerras napoleónicas. Neste século xorden as primeiras organizacións internacionais de cooperación voluntaria, baseadas no respecto á soberanía dos Estados, coa necesidade de resolver problemas comúns. Algúns exemplos son:

Desde 1900 ata 1945 editar

 
BeNeLux

O século XX comezou coa primeira guerra mundial (1914-1918) provocada en gran parte polos nacionalismos da época. Ao seu fin comeza o declive das grandes potencias europeas ante a aparición das superpotencias internacionais, Estados Unidos e Unión Soviética. O feito de que os Estados Unidos non formaran parte da Sociedade de Nacións, a cal porén contribuíu a crear, e o feito de que a URSS fora expulsada desta pola invasión de Finlandia, ocultou a decadencia política de Europa.

De novo as elites intelectuais e políticas mostraron a súa preocupación pola idea de Europa co fin de desterrar a tráxica experiencia do nacionalismo. Un dos proxectos de máis éxito xurdidos durante este período de tempo foi o Benelux (1943), que integraba os gobernos no exilio de Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo.

Despois de 1945 editar

Durante a segunda guerra mundial rexurdiron os proxectos de unificación para evitar que apareceran novos conflitos como o que se estaba vivindo naquel momento.

O mapa e a comunidade de ideas de Europa sufriron unha profunda conmoción tras a guerra mundial. Despois de 1945, Europa xa non era a mesma. Da pugna entre os nacionalismos, a supervivente Europa foi ideoloxicamente amputada da metade oriental, que quedou baixo o dominio soviético, e moralmente rota polos horrores da guerra. Ademais, as divisións políticas e a penuria económica facían temer a persistencia dos particularismos, agravándose os desequilibrios por fundados temores a un novo enfrontamento armado.

Por isto, a necesidade de resucitar a idea da Europa unida pasou ao primeiro plano entre a poboación, formándose multitude de asociacións pro-europeístas.

O plan Marshall editar

 
Cartel de propaganda do Plan Marshall

A economía europea da posguerra baseábase na autarquía e o troco; Europa só tiña as ruínas dunha longa guerra que devastou as cidades e os campos. A situación era tal que a dislocación económica, social e política facía temer que a metade occidental de Europa caera en mans do bloque comunista liderado pola Unión Soviética. Esta situación levou aos Estados Unidos a presentar o Plan de Reconstrución Europea, coñecido como Plan Marshall, en xuño de 1947.

O plan Marshall consistía, esencialmente, en que o goberno dos EEUU pagaría directamente aos exportadores norteamericanos que venderan os seus produtos aos gobernos e fabricantes europeos. Os importadores europeos pagaban na súa moeda nacional e este pago ía a unha conta á nome do Goberno dos Estados Unidos de América nos bancos centrais nacionais. O contravalor quedaba inmobilizado e non afectaba á compra en dólares. Pola súa parte o goberno estadounidense aceptaba poñer a disposición dos gobernos europeos esas cantidades inmobilizadas co fin de levar a cabo investimentos.

Dezaseis Estados europeos reuníronse en agosto de 1947, quedando fóra Alemaña do oeste, a España franquista e os países do leste influenciados pola Unión Soviética, para beneficiarse do devandito plan.

En 1948 naceu a Organización Europea de Cooperación Económica, na que ingresou Alemaña do oeste en 1949

Proxectos fracasados editar

Proxecto Kalergi

Impulsado por Richard Coudenhove-Kalergi pretendía asentar unha federación de carácter paneuropeo que previra os conflitos internos do continente, así como a creación de vías de resolución pacífica de controversias entre os países europeos. Fracasou debido á rivalidade entre Alemaña e Francia.

Proxecto Stresemann

Aspiraba a reintegrar a Alemaña na sociedade internacional. Gustav Stresemann, Ministro de Exteriores, conseguiu incorporar ao seu país na Sociedade de Nacións (SDN) en 1926.

Proxecto Briand

A idea do primeiro ministro francés, Aristide Briand, proposta nun discurso na Asemblea da SDN en 1929, centrábase en conseguir superar a rivalidade franco-alemá mediante a creación dun eixe entre ambos os países que permitira articular unha Unión Europea que previra un novo conflito. Propoñía como principal obxectivo a creación dunha federación de nacións europeas que buscase a cooperación política e social, así como o crecemento da economía.

Europa pola paz: os albores da cooperación (1945-1959) editar

 
Robert Schuman.

A Unión Europea naceu co anhelo de acabar cos frecuentes e cruentos conflitos entre veciños que culminaran na segunda guerra mundial. Para garantir que Alemaña non puidese ameazar a paz, a súa industria pesada foi desmantelada parcialmente despois da guerra. Despois dalgunhas declaracións, como a chamada que fixo en 1946 Winston Churchill para crear os Estados Unidos de Europa, en 1949, estableceuse o Consello de Europa como a primeira organización paneuropea.

O ano seguinte, o 9 de maio de 1950, no chamado Salon de l'Horloge, do Quay d'Orsay, o ministro de Exteriores francés Robert Schuman propuxo a formación dunha Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) [2] de Europa (coñecida como Declaración Schuman).[3] Sobre a base deste discurso, Francia, Italia, os países do Benelux (Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo), xunto con Alemaña Occidental asinaron o Tratado de París (1951), que creaba a citada Comunidade e daba o primeiro paso para unha unión económica e política dos países europeos co finalidade de lograr unha paz duradeira.

 
División do continente a raíz da guerra fría entre a OTAN e aliados e os países do Pacto de Varsovia.
 
Países de Europa que recibiron axudas do Plan Marshall. As columnas vermellas indican a cantidade relativa de diñeiro recibido.

O ano seguinte, a CECA fíxose cargo do papel de Autoridade Internacional para a Conca do Ruhr e levantou algunhas restricións sobre a produtividade industrial alemá, dando orixe ás primeiras institucións, como a Alta Autoridade (hoxe, a Comisión Europea) e a Asemblea Común (agora, o Parlamento Europeo). Os primeiros presidentes destas novas institucións foron Jean Monnet e Paul-Henri Spaak, respectivamente.

O período dos anos 1950 caracterízase polo comezo da guerra fría. As protestas contra o réxime comunista en Hungría son esmagadas polos tanques soviéticos en 1956. O ano seguinte, a Unión Soviética toma a dianteira na carreira espacial ao lanzar o Sputnik 1, primeiro satélite artificial.

O primeiro revés da construción europea preséntase en 1954, cando Francia se nega a ratificar o Tratado sobre o proxecto da Comunidade Europea de Defensa, (CED) que se asinara en 1952. O fracaso debeuse á vontade dos gaullistas de manteren a independencia militar do seu país, sumado ao rexeitamento do daquela poderoso partido comunista francés, que consideraba á CED como prexudicial para o Exército vermello. Co fin de dotar á Comunidade dunha sede central, Schuman e Adenauer promoven o chamado estatuto do Sarre, que foi rexeitado pola poboación local vía referendo.

Despois destes intentos infrutuosos, os líderes reuníronse na Conferencia de Mesina, e estableceron o Comité Spaak, que elaborou o Informe Spaak. Este informe foi aprobado na Conferencia de Venecia (29 e 30 de maio de 1956), onde se tomou a decisión de organizar unha Conferencia Intergobernamental sobre un mercado común e a enerxía atómica, centrada na unidade económica. Esta Conferencia deu lugar aos Tratados de Roma que se asinaron en 1957, e que estableceron a Comunidade Económica Europea (CEE) e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica (Euratom).[4]

As dúas novas comunidades creáronse independentes da CECA, aínda que compartían os mesmos tribunais e unha Asemblea común. Os comités executivos das novas comunidades denomináronse Comisións, a diferenza de Alta Autoridade. A CEE foi dirixida por Walter Hallstein e a Euratom por Louis Armand. A misión da Euratom era integrar os sectores da enerxía nuclear, mentres que a CEE desenvolvería unha unión aduaneira entre os estados membros.[5][6]

Os vibrantes 60, unha etapa de crecemento económico editar

Nos anos 1960 xorde a cultura nova, avivada por grupos musicais como os Beatles, que atraían a multitudes de adolescentes onde queira que fosen, contribuíndo a estimular unha revolución cultural e agrandando a brecha xeracional. Foi este un bo momento para a economía, favorecido, entre outras cousas, porque os países da CEE recuperándose rapidamente dos desastres da guerra, coa axuda do Plan Marshall e, como consecuencia de Tratado de Roma, deixaron de percibir (e de pagar) dereitos de aduana polas transaccións comerciais entre si.

Tamén, nesta época, acordan exercer un control conxunto da produción alimentaria e, deste xeito, garantir un abastecemento suficiente que, incluso, chega a desembocar pronto no excedente de produción agrícola. En 1962 estableceuse a Política agrícola común (PAC) ao crearse o mercado único para os produtos agrícolas e unha política de solidariedade mediante o Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola (FEOGA).

O Maio do 68 recórdase pola revolta estudantil en París, e moitos cambios na sociedade e nos hábitos de vida relaciónanse coa chamada "xeración do 68".

 
A EFTA en 2009 e antigos membros.[7]
     Países que permanecían en 2009      Países que a abandonaran

Para crearen un contrapeso á Comunidade Económica Europea, o Reino Unido e outros seis países formaron a Asociación Europea de Libre Comercio (EFTA) en 1960 pero, tras o éxito da CEE, o Reino Unido iniciou negociacións para o seu ingreso nela en 1961, pero Charles de Gaulle opúxose reiteradamente ao seu ingreso, razón pola cal o Reino Unido tivo que esperar a que De Gaulle se retirara do goberno de Francia para que a súa candidatura fose aceptada.

Ao longo da década presentáronse tensións con Francia, que trataba de limitar o poder supranacional (e rexeitaba a adhesión do Reino Unido). Porén, as metas económicas do Tratado da CEE cumpríronse gradualmente, e en 1965 alcanzouse un acordo para fusionar as tres comunidades (CEE, CECA e Euratom) nun único conxunto de institucións, e polo Tratado de fusión, que se asinou en Bruxelas e entrou en vigor o 1 de xullo de 1967, fusionáronse os seus respectivos executivos, dando orixe ás Comunidades Europeas en xullo de 1967.[8]

Os aranceis entre os países membros foron suprimidos en 1968, adoptándose un Arancel Común para os produtos procedentes de terceiros países. Desta maneira entrou en vigor a Unión Aduaneira.

A Comunidade medra. Primeira ampliación (1970 - 1979) editar

O primeiro plan da CEE para a creación dunha moeda única remóntase a 1970. Co fin de garantir a estabilidade monetaria, os Estados membros deciden limitar as marxes de flutuación entre as súas moedas. Este mecanismo aplicado aos tipos de cambio (MTC), que se remonta a 1972, é o primeiro paso cara á introdución do euro, trinta anos máis tarde.

 
Primeira ampliación da UE. En amarelo, Reino Unido, Irlanda e Dinamarca (con Groenlandia).

A unión empezaba a ter solicitudes de incorporación, pero até o 1 de xaneiro de 1973 non se fai a primeira ampliación, cando Dinamarca, Irlanda e o Reino Unido entran a formar parte da Comunidade Europea, co que o número de Estados membros aumenta a nove.[9]

A guerra árabe-israelí de outubro de 1973, breve pero brutal, deu lugar á chamada crise do petróleo e, consecuentemente, a problemas económicos en Europa.

Co derrocamento do réxime de Salazar en Portugal en 1974 e a morte do xeneral Franco en España en 1975 desaparecen as últimas ditaduras de dereitas de Europa.

Durante este período o tema económico estaba centrado en boa medida na PAC, polo que o Goberno británico exixiu unha retribución que pasou a coñecerse como o "cheque británico", xa que nese país a industria agrícola tiña menos peso que noutros, como, especialmente, Francia. A política rexional da CEE empeza a transferir grandes cantidades de diñeiro para crear infraestruturas e emprego nas zonas máis deprimidas.

O 29 de abril de 1976 os partidos de inspiración cristiá de Europa fundan o Partido Popular Europeo.[10] En 1979 elixiuse o Parlamento europeo, por primeira vez, con sufraxio universal, pero con normas diferentes que variaban de país a país. O Parlamento, sen poderes reais (podía rexeitar o proxecto de orzamento da Comisión, como en efecto sucedeu), é o órgano do que saen os proxectos de reforma e as propostas para a súa aplicación.

Participou no voto para o primeiro Parlamento Europeo o 63% da poboación, quedando constituído da seguinte maneira: Grupo Socialista, 133 escanos; Partido Popular Europeo, 107; Demócratas Europeos, 64; Grupo Comunista, 44; Grupo Liberal Demócrata, 40; Demócratas Europeos Progresistas, 22, e os restantes 18 postos non están adscritos a ningún grupo. En total, 410 escanos.

Este mesmo ano entrou en vigor o Sistema Monetario Europeo (SME), que supuxo o primeiro paso para a consecución dunha unión económica e monetaria. Tamén se creou o FEDER, equivalente ao FEOGA, para afrontar os problemas de crise industrial que afectaban a certas zonas.

A loita contra a contaminación intensifícase nos anos setenta. A CEE adopta medidas lexislativas para protexer o medio ambiente, e introduce por primeira vez o concepto de "quen contamina, paga".

Europa cambia de cara (1980 - 1989) editar

Segunda e terceira ampliacións editar

Nunha segunda ampliación incorpórase Grecia, en 1981, cuxa adhesión foi impulsada particularmente por Valéry Giscard d'Estaing, Presidente de Francia, que buscaba así frear as aspiracións de Turquía (inimiga de Grecia nesa época), e que aspiraba ao ingreso na Comunidade Europea.

 
3ª ampliación da UE, na que se incorporaron España e Portugal, en 1986. Grecia adherírase, na 2ª, en 1981.
 
Valéry Giscard d'Estaing, Presidente de Francia entre 1974 e 1981.
 
Jacques Delors, Presidente da Comisión Europea entre 1985 e 1995.

Entre o 14 e o 17 de xuño de 1984 celebráronse eleccións para a segunda renovación do Parlamento Europeo. A participación foi do 61%. O Grupo Socialista obtivo 130 escanos; o Partido Popular Europeo, 110; os Demócratas Europeos, 50; o Grupo Comunista, 40; o Grupo Liberal Demócrata, 31; a Alianza Democrática Europea, 29; o Grupo Arco Iris, 20; as Dereitas Europeas, formado por primeira vez e que estaba integrado polo ultradereitista Fronte Nacional (FN) francés de Le Pen,17; o alemán Os Republicanos e o belga Vlaams Belang, 16, e os outros 7 postos, sen adscribir, para un total de 434 escanos.

En xaneiro de 1985, Jacques Delors asume o cargo de Presidente da Comisión Europea, iniciando con iso a administración de maior duración que tivo o executivo da CEE, e que supuxo un novo impulso á integración.

O 1 de xaneiro de 1986 a Comunidade amplíase coa entrada de España e Portugal. En 1987 Turquía solicitou formalmente unirse á Comunidade e comezou o proceso máis longo de conversacións para a adhesión de calquera país, aínda hoxe sen concluír. E tras os últimos acontecementos sobre o xenocidio armenio, coa aprobación pola Asemblea Nacional francesa dunha proposta de lei que sancionará a quen negue a existencia histórica dos xenocidios, incluído o armenio [11] parece que se vai adiar ad kalendas Graecas a adhesión turca.[12]

No mandato de Delors destaca o Libro Branco sobre o Mercado Único', dirixido por Lord Cockfield. O resultado foi a aprobación, en febreiro de 1986 da Acta Única Europea, unha vez que fixera efectiva a incorporación de España e Portugal. Sendo a primeira revisión importante dos tratados desde o Tratado de fusión, a Acta refírese á reforma institucional, incluída a ampliación das competencias da Comunidade, en particular en materia de política exterior. A Acta Única constituíu a base dun amplo programa de seis anos destinado a eliminar as trabas á libre circulación de mercadorías a través das fronteiras da CE, e que deu orixe, por iso, ao "Mercado Único". Entrou en vigor o 1 de xullo de 1987.[13] Tras o chamado Informe Delors, en 1988 realizouse unha reforma dos orzamentos e dos fondos estruturais.

 
A caída do muro de Berlín sentou as bases para a integración de varios países do centro e o leste do continente na UE.[14]

Entre o 15 e o 18 de xuño de 1989 a poboación europea votou a terceira renovación do Parlamento Europeo, cunha participación do 58,50%, quedando este configurado así: Grupo Socialista, 180 escanos; Partido Popular Europeo, 121; Grupo Liberal Demócrata e Reformista, 49; Grupo da Esquerda Europea, 42; Grupo dos Demócratas Europeos, 34; Os Verdes, 30; Alianza Democrática Europea, 20; Dereitas Europea, 17; Grupo Arco Iris, 13 e 27 dos non adscritos, dun total de 518 escanos.

A caída do muro de Berlín editar

O sindicato polaco Solidarność e o seu dirixente, Lech Wałęsa, fixéronse famosos en Europa e en todo o mundo cando as folgas dos estaleiros de Gdańsk no verán de 1980. Despois dos numerosos e diversos trastornos que tiveron lugar no leste de Europa propiciados pola perestroika, o 9 de novembro de 1989 produciuse un cambio político de suma importancia, cando se derruba o muro de Berlín e, por primeira vez en 28 anos, ábrese a fronteira entre as dúas Alemañas (RDA e RFA), que axiña se reunificarían nun só Estado. Con Alemaña reunificada ampliouse a superficie e a poboación da UE, pero non así o número de Estados membros, pero este feito abriu a porta á ampliación cara ao antigo bloque do Leste.

Europa sen fronteiras (1990-1999) editar

Nace a Unión Europea editar

Coa caída do comunismo en Europa central e oriental os europeos séntense máis próximos. En 1993 culminaría a creación do mercado único coas "catro liberdades" de circulación: mercadorías, servizos, persoas e capitais.

 
Celebración do Día de Europa, oficial desde o Tratado de Maastricht, en Bruxelas.

A década dos 1990 é tamén "a dos Tratados": o de Maastricht, da Unión Europea, de 1993, e o de Ámsterdam de 1999. Os cidadáns preocúpanse pola protección do medio ambiente e pola actuación conxunta en asuntos de seguridade e defensa. En 1995 ingresan na UE tres países máis, Austria, Finlandia e Suecia.

Os acordos asinados en Shenguen, pequena localidade de Luxemburgo, permiten gradualmente ao cidadán viaxar sen ter que presentar o pasaporte nas fronteiras. Millóns de mozos estudan en países diferentes do seu con axuda da UE. A comunicación faise máis doada a medida que se estende o uso do teléfono móbil e de Internet.

En 1992, na Haia, fundouse o Partido Socialista Europeo.[15]

O 1 de novembro de 1993, durante a terceira Comisión Delors, co Tratado de Maastricht (Tratado da Unión Europea) fíxose efectiva a creación da Unión Europea.[16] En 1994 o Consello propuxo a Jacques Santer como presidente da Comisión, pero foi visto inicialmente como un candidato menor[17] Finalmente, o Parlamento aprobou por estreita marxe a Santer quen, usando os novos poderes en virtude do Tratado de Maastricht, exerceu un maior control sobre a elección dos Comisarios, asumindo o cargo o 23 de xaneiro de 1995.[18]

Entre o 9 e o 12 de xuño de 1994 houbo novas eleccións ao Parlamento Europeo (cuarta renovación), cunha participación do 56,80%. Os cidadáns dos novos Estados membros, Austria, Finlandia e Suecia puideron xa elixir deputados. O Partido Socialista Europeo gañou 198 escanos, o grupo Partido Popular Europeo - Demócratas Europeos, 157; o Partido Europeo Liberal Demócrata Reformista, 43; o grupo de Extrema Esquerda, 28; o Grupo dos Conservadores, 27; o Grupo Unión pola Europa das Nacións, 27; os Verdes Europeos - Alianza Libre Europea, 23; a Alianza Radical Europea 19; o grupo dos Partidos Euroescépticos, 19, e os outros non adscritos, 27.

A esfera de influencia da UE aumentou significativamente coa incorporación de Austria, Finlandia e Suecia (Europa dos 15). Noruega participou, con Islandia e Liechtenstein na Asociación Europea de Libre Comercio para entrar no Espazo Económico Europeo, creado en 1993. Suíza tiña pensado entrar, pero a súa adhesión foi rexeitada en referendo.

Entre o 10 e o 13 de xuño de 1999 os cidadáns europeos foron de novo chamados a votar para a quinta renovación do Parlamento Europeo, á que responderon tan só o 49,80% do censo. O grupo do Partido Popular Europeo - Demócratas Europeos obtivo 233 escanos, o Partido Socialista Europeo, 180; a Alianza dos Demócratas e Liberais por Europa, 50; o grupo europeo dos Verdes - Alianza Libre Europea, grupo formado pola Federación Europea dos Partidos Verdes e a Alianza Libre Europea, 48; o grupo da Esquerda Unitaria Europea - Esquerda Verde Nórdica, 42; o grupo Conservador Unión por Europa, 31; a Europa das Democracias e as Diferenzas, constituído para a ocasión polo danés Movemento de Xuño, os franceses Caza, Pesca, Natureza e Tradicións e Combatentes pola Soberanía, o neerlandés Cristiáns Unidos, o Partido da Independencia do Reino Unido, a Liga das Familias de Polonia e o italiano Partido dos Escépticos, 16, e os nos adscritos, 8, para un total de 626 escanos.

O espazo Schengen editar

En 1985 asinárase o Acordo de Schengen, que entrou en vigor en 1995. Este Tratado ou Acordo constitúe un dos pasos máis importantes na historia da construción da Unión Europea. O seu obxectivo é acabar cos controis fronteirizos dentro do chamado espazo Schengen [19] e harmonizar os controis fronteirizos exteriores. Ao Acordo de Schengen adheríronse a maioría dos Estados membros da Unión (agás Bulgaria, Chipre e Romanía), e algúns terceiros países como Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza ao ano seguinte.

 
Sede do Banco Central Europeo, en Frankfurt.

O Acordo entrou en vigor entre os seus sete membros iniciais en 1995, e ampliouse para incluír a case todos os demais candidatos antes de finais de 1996. Os países que aplican na súa totalidade o acordo de Schengen constitúen un territorio denominado espazo Schengen. Este acordo permite suprimir os controis nas fronteiras interiores entre os Estados signatarios e crear unha única fronteira exterior, onde se efectúan os controis de entrada no espazo de Schengen baseándose en procedementos idénticos. Comprende aos Estados membros da Unión, excepto a algúns deles, e a determinados terceiros países (Noruega, Islandia, Suíza e Liechtenstein). Os países da Unión que non son membros é ou porque non desexaban suprimir os controis nas súas fronteiras cos outros países de dito espazo (Reino Unido e Irlanda), ou ben porque aínda non reunían as condicións requiridas para iso (Bulgaria, Romanía e Chipre).[20][21]

Impulso definitivo ao euro editar

Esta década tamén viu un desenvolvemento do euro. O 1 de xaneiro de 1994 houbo unha segunda fase da UME que comezou coa creación do Instituto Monetario Europeo e, en 1999, creouse o Banco Central Europeo, fixándose a súa sede en Frankfurt.

Dificultades na política exterior común editar

A principal eiva de UE é a debilidade político-militar da organización, que quedou plasmada na súa incapacidade para evitar as guerras iugoslavas, aínda que o desenvolvemento da Política Exterior e de Seguridade Común (PESC) recibiu un impulso debido aos conflitos nos Balcáns. A UE non reaccionou durante o comezo dos conflitos, e as forzas de paz das Nacións Unidas non puideron evitar o masacre de Srebrenica (xullo de 1995) en Bosnia e Hercegovina, o asasinato masivo máis grande en Europa desde a segunda guerra mundial. A OTAN, finalmente, tivo que intervir na guerra, obrigando aos combatentes a sentar na mesa de negociacións.

O 24 de marzo de 1999 a situación en Kosovo provocou unha intervención da OTAN nesta provincia e en Serbia (Guerra de Kosovo). Aínda que houbo unha maior participación da UE no conflito de Kosovo que no de Bosnia, o fracaso da UE para previr os conflitos na ex Iugoslavia fixo aumentar o desexo dunha maior eficacia da Unión en política exterior. A mala experiencia en política exterior da UE foi destacada no Tratado de Ámsterdan, que entrou en vigor o 1 de maio de 1999, e na Declaración de 1997 dos dirixentes da Unión Europea sobre o papel que tiña que desempeñar esta organización en colaboración coa OTAN.[22]

Crise económica e política (1999) editar

O labor da Unión foi ensombrecida pola crise orzamentaria en marzo de 1999. O Parlamento negouse a aprobar os orzamentos presentados pola Comisión por motivos de mala xestión financeira, fraude e nepotismo. O Parlamento estableceu un comité para examinar a situación, cuxos resultados foron publicados o 15 de marzo de 1999 e foron moi críticos coa Comisión. Os socialistas, o único partido importante que sustentaba ao executivo, retiraron o seu apoio a Santer e, co Parlamento disposto para cesalos, toda a Comisión Santer dimitiu a mesma noite en que se publicou o informe.[23][24]

 
Javier Solana, responsable ata 2009 da PESC.

A crise produciu danos na Comisión, co Consello e o Parlamento desafiando a súa posición nos seguintes anos.

Nas eleccións seguintes, os socialistas perderon a maioría fronte ao Partido Popular e a nova Comisión Prodi apresurouse a establecer un novo organismo de loita contra a fraude, a OLAF.[25][26] Cos novos poderes do Tratado de Ámsterdan, Prodi foi descrito por algúns como o 'Primeiro Ministro de Europa'.[27] O 4 de xuño, Javier Solana foi nomeado Secretario Xeral do Consello e Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade (PESC). Solana, así mesmo, foi tamén considerado por algúns como o primeiro 'Ministro de Relacións Exteriores' de Europa.[28]

Desde 2000: Prosegue a expansión (2000 - 2007) editar

 
Billetes de 50 e 100 euros.

Nace o euro editar

O 11 de setembro de 2001, avións que foran previamente secuestrados estrélanse contra as torres xemelgas do World Trade Center en Nova York e o Pentágono, en Washington, matando a cerca de 3.000 persoas. A UE mantense firme xunto cos Estados Unidos na súa loita contra o terrorismo internacional. Por outra parte, os países da UE comezan a colaborar máis estreitamente entre si contra a delincuencia organizada.

Desde o ano 2002 os europeos teñen unha moeda única. O 1 de xaneiro entran en circulación os billetes e moedas en euros. A súa impresión, cuñaxe e distribución exixiron unha operación loxística de grande amplitude. Puxéronse en circulación máis de 80.000 millóns de moedas. Os billetes son idénticos en todos os países. As moedas teñen unha cara común na que se indica seu valor e outra cun emblema nacional. Todas circulan libremente: pagar o billete do bus na Coruña cun euro finlandés (ou de calquera outro país) converteuse nun feito cotián.

Quinta ampliación editar

O 31 de marzo de 2003, no marco da súa política exterior e de seguridade común, a UE leva a cabo misións de mantenza da paz nos Balcáns: en primeiro lugar na Antiga República Iugoslava de Macedonia e despois en Bosnia e Hercegovina. Nos dous casos, as forzas da UE substitúen ás tropas da OTAN. A nivel interior, a UE acepta crear de aquí a 2010 un espazo de liberdade, seguridade e xustiza para todos os seus cidadáns.

 
Quinta ampliación.

O Tratado de Niza, que entrou en vigor o 1 de febreiro de 2003, impulsou os preparativos finais antes da ampliación de 2004 a 10 novos Estados membros: Estonia, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Malta e Chipre.[29] Con posterioridade deuse a Croacia, Turquía e a Macedonia do Norte o status de "candidato oficial", que xa posuían Romanía e Bulgaria. Todos eles (a excepción de Eslovenia, Malta e Chipre) deberían cumprir os Criterios de Copenhague. O 1 de maio de 2004 dous pequenos países mediterráneos, Chipre e Malta, incorpóranse á Unión Europea, acompañando a oito países da Europa central e oriental (Chequia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania e Polonia), cuxa adhesión pon fin á división de Europa decidida sesenta anos antes polas grandes potencias en Ialta. Cando estes dez novos países ingresan na UE, as divisións políticas entre a Europa do leste e á do oeste danse por concluídas definitivamente. Moitos europeos cren que xa son horas de que Europa teña unha Constitución, pero non foi nada fácil chegar a un acordo sobre que tipo de constitución sería o adecuado, e o debate sobre o futuro de Europa segue pendente.

 
Celebración do "Día de Europa" en Varsovia. En 2004 a UE fixo unha grande ampliación cara á Europa ex comunista.

Entre o 10 e o 13 de xuño de 2004, os 25 Estados membros participaron na maior elección transnacional na historia (co segundo electorado democrático máis grande do mundo). O resultado das sextas eleccións parlamentarias foi unha segunda vitoria para o Partido Popular Europeo - Demócratas Europeos. Tamén a participación de votantes caeu novamente por debaixo do 50%.[30]

Á busca dunha Constitución para Europa. Tratado de Lisboa editar

A "cuestión europea" segue aberta. Tratado Constitucional editar

O 22 de xullo de 2004, José Manuel Durão Barroso foi aprobado polo novo Parlamento como o próximo presidente da Comisión. Porén, o seu novo equipo de 25 Comisarios enfrontouse a un grave problema. O Parlamento opúxose a algúns dos candidatos propostos por Barroso, polo que este se viu obrigado a retirar a súa selección. A Comisión Prodi tivo que ampliar o seu mandato para que, o 22 de novembro, unha nova lista de Comisarios fose finalmente aprobada.[31]

 
Salón onde se firmou o Tratado Constitucional.

O chamado Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, máis coñecido como Constitución Europea ou Tratado Constitucional, cuxo proxecto fora aprobado o 18 de xuño de 2003 en Tesalónica (Grecia), foi asinado en Roma polos xefes de goberno dos países da Unión Europea o 29 de outubro de 2004.

A UE estaba fundamentada nos Tratados Constitutivos (Tratado de París, mentres existiu a CECA, e o Tratado de Roma), así como nos Tratados e Actas que os modificaron (Tratado de Bruxelas, Acta Única Europea, Tratado de Maastricht, Tratado de Ámsterdan, Tratado de Niza e os sucesivos Tratados de Adhesión), que fixaron as súas normas de funcionamento e actuación. Este novo documento estaba chamado a substituír a ditos tratados e sería similar á constitución dun país. O proxecto fora redactado, entre 2002 e 2003, pola Convención para o Futuro de Europa, presidida por Valéry Giscard d'Estaing.

O 12 de xaneiro de 2005 o Parlamento Europeo aprobou unha resolución, por 500 votos a favor, 137 en contra e 40 abstencións, na que recomendaba aos Estados membros a ratificación da Constitución. Nalgúns países o Tratado foi sometido a referendo, que tivo resultados diversos e mentres que en España (primeiro país no que se celebrou o referendo) os electores aprobárono (77%) cunha baixa participación (44%), en Francia e nos Países Baixos, cunha alta participación (69 e 63%, respectivamente) foi rexeitado, o que provocou unha crise europea, e os líderes europeos iniciaron un período de reflexión.[32]

Obxectivos do Tratado, segundo a UE editar

  • Harmonizar e estabilizar a lexislación comunitaria xa existente nun mesmo documento xuridicamente vinculante.
  • Definir a Unión Europea como unha unión de estados e cidadáns cuns dereitos fundamentais.
  • Repartición de competencias mellorada:
    • Reforzamento do Parlamento (aínda que seguiría sendo eminentemente consultivo) e a Comisión Europea.
    • A presidencia do Consello sería permanente, en períodos de 2 anos e medio que se podería prolongar unha soa vez.
    • Creación do cargo de Ministro de Relacións Exteriores da Unión Europea.
    • Avances na liberdade, seguridade e xustiza comúns.
    • Referendo europeo.
  • Simplificar: os vetos supuxeran o principal obstáculo para a integración. O Tratado mantiña a unanimidade en fiscalidade, política exterior e asuntos sociais, pero non sería necesaria en xustiza e interior, medio ambiente, mercado interior e transportes. Porén, deixaba aberta a posibilidade de eliminar a unanimidade nun ou outro punto, se así o decidira o voto a favor de todo o Consello da UE.
  • Cambio do sistema de voto establecido no Tratado de Niza, concedendo máis poder aos países con máis poboación.

Conflitos editar

 
     Membros que ratificaron a Constitución      Membros que votaron "Non" en referéndum      Membros que non o ratificaran aínda      Países candidatos á UE
 
A Troika europea despois dunha reunión en Berlín, no 2006, para tratar o problema iraniano. Á dereita Javier Solana, míster PEC.

Segundo o acordado en Tesalónica, o novo Tratado Constitucional debería ser asinado despois do 1 de maio de 2004 —data de adhesión dos dez novos membros— e antes das eleccións europeas de xuño de 2004 e, para iso, debía estar ultimado o texto definitivo antes de finais de 2003. Porén, o Cumio de Bruxelas de decembro dese ano terminou sen éxito. O presidente en exercicio da UE, Silvio Berlusconi, deu por fracasadas as negociacións sobre a Constitución europea ao constatar a falta de acordo sobre o sistema de voto.

O punto central das diferenzas foi o enfrontamento entre o chamado "Eixe franco-alemán", por un lado, e España e Polonia, por outro. A disputa versou en torno ao sistema de votación pero, na práctica, a confrontación era unha continuación das diferenzas xeradas no seo da UE tras a invasión de Iraq de 2003[Cómpre referencia], que apoiaron os gobernos de España e Polonia en franco desafío á postura contraria á invasión por parte de Francia e Alemaña. Esta situación viuse superada principalmente tras o cambio de goberno en España, xa que a nova administración se mostrou favorábel (ordenando ao día seguinte da súa toma de posesión a retirada das forzas desprazadas a Iraq), co que se logrou o acordo en xuño de 2004.

Despois dos resultados negativos dos referendos de Francia e os Países Baixos, a ratificación do Tratado detívose en gran medida, xa que só uns poucos estados trataron de aprobalo, pero isto non fixo cambiar as cousas, e foi cando os dirixentes da UE anunciaron que entraban nun "período de reflexión" sobre o rexeitamento.

 
Foto de Familia na Cerimonia da Sinatura, no Mosteiro dos Xerónimos, do Tratado de Lisboa.

En 2007 puxéronse por fin formalmente de acordo os líderes europeos, asinándose a Declaración de Berlín o 25 de marzo (que era o 50º aniversario dos Tratados de Roma). A declaración tiña por obxecto dar un novo impulso á busca dun novo acordo institucional para 2009.[33]

Máis adiante o Consello Europeo afirmou que a Constitución caera, pero que a maioría dos seus cambios se manterían nun novo tratado no que se modificarían os Tratados Constitutivos (en lugar do que ía substituír a todos os tratados anteriores). O 13 de decembro de 2007, este tratado foi asinado, e bautizado como Tratado de Lisboa. A diferenza da Constitución, só enfrontou un referendo nun estado, Irlanda.

Sexta ampliación editar

 
Sexta ampliación.

O 1 de xaneiro de 2007 produciuse a sexta ampliación da UE, coa adhesión de Romanía e Bulgaria.[34] O mesmo día, Eslovenia adoptou o euro, despois de que outros candidatos á entrada na eurozona, como Lituania, foron rexeitados debido á súa alta inflación.[35]

A pesar da constante percepción de crise que se vivía neses anos dentro da UE, o seu Produto Interior Bruto é o maior do mundo, segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI). En 2005 a economía da Unión Europea superou en mil millóns de euros á estadounidense. Por outra parte, a influencia político-militar da UE comeza a tomar forza, como quedara confirmado co seu papel na crise que enfronta a Irán, debido ao seu programa nuclear, desde 2005, cos cinco membros permanentes Consello de Seguridade das Nacións Unidas. A iso sumouse a presenza militar da UE en Afganistán e o seu considerábel despregamento de forzas na ex Iugoslavia, onde a súa intervención foi determinante no mantemento da paz, así como no proceso de desintegración de dita República. A UE tamén interveu nos conflitos electorais de Xeorxia, Ucraína e Belarús.

Principais acontecementos nos últimos anos (2008-2011) editar

2008 editar

Xaneiro

O día 1, Eslovenia asume a Presidencia do Consello da Unión Europea (primeiro país da "Europa ex comunista" que o fai). Coa adopción do euro en Chipre e Malta, a eurozona amplíase a 15 países e unha poboación de 320 millóns de persoas. O día 28 a UE aproba unha operación militar no leste do Chad e no nordeste da República Centroafricana, no marco da política europea de seguridade e defensa (PESD) e de conformidade coa Resolución 1778 (2007) do Consello de Seguridade das Nacións Unidas.

Febreiro

O día 4 o Comité Político e de Seguridade do Consello nomea a Pieter Feith Representante Especial da Unión Europea para Kosovo. O día 5, Javier Solana, Alto Representante da Unión Europea para a Política Exterior e de Seguridade Común (PESC), é galardoado co "Premio da Paz" que concede o Parlamento Unido de Nenos do Mundo polo seu labor na defensa da paz e o entendemento mutuo. O día 12 o Consello da Unión Europea adopta unha nova versión do Tratado de Asociación para a adhesión de Croacia.

Marzo

O día 6, a chamada "troika" ministerial UE-EEUU reúnese en Bruxelas baixo a presidencia de Dimitrij Rupel, Ministro de Asuntos Exteriores de Eslovenia, coa asistencia de Condoleezza Rice, Secretaria de Estado dos Estados Unidos, Javier Solana, Alto Representante da UE para a PESC, e a Comisaria Benita Ferrero-Waldner. O día 12 o Parlamento Europeo conmemora o 50º aniversario da primeira sesión da Asemblea Parlamentaria Europea (19 de marzo de 1958). O día 30 entra en vigor o novo "Acordo de Ceos Abertos" entre a UE e os EEUU: as compañías aéreas europeas e estadounidenses poden voar xa sen restricións de calquera lugar da UE a calquera lugar dos EEUU, e viceversa.

Abril

O día 15 a UE e Montenegro asinan un acordo bilateral de adhesión á OMC.

Maio

O día 27 celébrase a 46ª Reunión do Consello de Asociación CE-Turquía, en Bruxelas. E a primeira Reunión Ministerial Cabo Verde-Troika UE, na mesma cidade.

Xuño

O día 12, no referendo irlandés, o 53,4% dos votantes manifestan a súa oposición ao Tratado de Lisboa. O día 17 a Comisión Europea propón unha estratexia en 10 puntos para reducir a inmigración ilegal. Complementariamente, propón así mesmo conceder aos solicitantes de asilo un mesmo grao de protección en toda a UE. Os días 18 e 19 o Consello Europeo debate o futuro do Tratado de Lisboa e decide seguir o proceso de ratificación. Os dirixentes da UE instan á cooperación internacional para facer fronte ao encarecemento do petróleo e os alimentos.

Xullo

O día 1 Francia asume a Presidencia do Consello da UE. Entre as súas prioridades figuran a enerxía e o cambio climático, a elaboración dun pacto sobre política migratoria, a seguridade e a loita contra o terrorismo. Os días 7 e 8 os líderes mundiais danse cita no cumio do G-8, celebrado en Tokyo (Xapón). Co activo apoio da UE establécese un novo obxectivo de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. O día 13 no cumio en París ponse en marcha a nova Unión para o Mediterráneo; unha serie de proxectos conxuntos fortalecerán as relacións entre a UE e os seus veciños do sueste.

 
BMP-2 do 58º exército ruso no conflito Xeorxia-Rusia.
Agosto

O día 8 estala un conflito militar entre Xeorxia e Rusia. A Presidencia da UE axuda a negociar un alto o fogo.

Setembro

O día 1 os dirixentes da UE reúnense nun cumio para falar do conflito de Xeorxia e condenar a "reacción desproporcionada" de Rusia. O día 7 unha crise financeira de grandes proporcións sacude a economía mundial. A gravidade da situación queda patente cando o Goberno dos Estados Unidos intervén en axuda das sociedades hipotecarias Fannie Mae e Freddie Mac. Tamén varios bancos europeos vense en dificultades.

Outubro

A crise financeira é o tema predominante no Consello Europeo celebrado o día 15. Os líderes da UE reclaman unha reforma do sistema financeiro, maior supervisión internacional, un sistema global de "alerta temperá" en caso de crises e normas regulamentarias de aplicación mundial que garantan a transparencia e a responsabilidade.

 
A Fragata Canarias (F-86), da Armada Española, que participou na Operación Atalanta.
Novembro

O día 10 o Consello aproba unha acción militar conxunta da UE para garantir a seguridade marítima en augas somalís. A Operación Atalanta responde á escalada dos actos de pirataría na zona. O día 14 celébranse conversacións do Cumio UE-Rusia, que se centran no problema de Xeorxia, a seguridade paneuropea e a crise financeira internacional. O día 16 os membros do G-20 reúnense para debater a crise financeira mundial. Os participantes acordan reformas para consolidar os mercados financeiros, perfeccionar a xestión do risco e axudar ás economías emerxentes e promover o acceso ó financiamento durante a recesión económica.

Decembro

O día 12, no Cumio de Bruxelas, alcánzase un acordo para actuar contra o cambio climático, impulsar a economía e responder á crise financeira. Así mesmo, acórdase un plan para que Irlanda ratifique o Tratado de Lisboa. Suíza incorpórase á "zona Schengen" da UE.

2009 editar

Xaneiro

O día 1, o euro é a nova moeda oficial de Eslovaquia. A República Checa ocupa a Presidencia rotatoria da Unión Europea. Dúas das prioridades da presidencia son a economía e a enerxía.

Febreiro

O día 8 Suíza vota a favor da extensión do Acordo de Schengen entre a UE e a Confederación Helvética. O día 22 reúnense en Berlín os participantes europeos no grupo G-20 [36] e están de acordo na necesidade de ter unha posición compartida para pasar a crise financeira e restablecer a confianza no mercado común. O día 25 o "Grupo de expertos Larosière" presenta o informe que lle encargara a Comisión Europea, onde recomenda unha maior supervisión financeira para evitar que poida repetirse unha crise coma esta.

Marzo

Reunión informal, o día 1, dos Xefes de Estado e de Goberno da UE para estudar a aplicación do "Plan de Recuperación Económica". Os días 19 e 20, no Consello Europeo, os líderes da UE acordan, entre outras cousas, destinar 5.000 millóns de euros a modernizar as redes de enerxía e Internet e incrementar as axudas aos países en dificultades.

Abril

O Cumio do G-20 en Londres, o día 2, acorda inxectar 832.000 millóns de euros ao Fondo Monetario Internacional e outras institucións e endurecer as normas que regulan os mercados financeiros. Cumio UE-EEUU en Praga, o día 5. Os dirixentes da UE e o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, debaten a crise financeira e cuestións de seguridade. O día 30 os Ministros de Sanidade da UE reúnense en Luxemburgo para estudar a actuación ante a chegada a Europa do "novo" virus da gripe A (H1N1).

Maio

O día 7 a UE celebra en Praga un cumio especial do emprego para tratar de mitigar o impacto da crise económica.

Xuño

Entre os días 4 e 7 celébranse eleccións europeas en todos os países da UE e son elixidos 736 eurodiputados. A participación foi do 43,2%. O Cumio da UE en Bruxelas dos días 18 e 19 prepara o camiño cara a un segundo referendo sobre o Tratado de Lisboa en Irlanda.

Xullo
 
Jerzy Buzek en 2002.

O día 1 Suecia asume por segunda vez a Presidencia rotatoria do Consello da Unión Europea, establecendo dúas prioridades: a recuperación económica e o cambio climático. O día 14 o eurodiputado polaco Jerzy Buzek é elixido Presidente do Parlamento Europeo. O día 23, Islandia solicita a adhesión á UE.

Agosto

O día 20 un equipo de observadores da Unión Europea supervisa as eleccións presidenciais en Afganistán.

Setembro

O día 16 o Parlamento Europeo aproba a designación de José Manuel Durão Barroso para un segundo mandato de cinco anos como Presidente da Comisión Europea. Os días 24 e 25, no Cumio do G-20 en Pittsburgh, Pensilvania (Estados Unidos), os líderes das maiores economías mundiais debaten sobre o cambio climático e a recuperación económica sustentábel.

Outubro

O día 3 Irlanda vota "si" ao Tratado de Lisboa no segundo referendo. O día 30 o Consello Europeo debate a axuda financeira aos países en desenvolvemento para loitar contra o cambio climático e prepara a Conferencia Internacional de decembro sobre ese tema.

 
Herman Van Rompuy en 2011.
 
Catherine Asthon, Baronesa Ashton de Upholland.
Novembro

Día 9, 20º Aniversario da caída do Muro de Berlín. O día 18, Cumio UE-Rusia en Estocolmo, no que se debate un acordo sobre un sistema de alerta rápida que permita reaccionar a perturbacións potenciais das subministracións de enerxía, a resposta á crise financeira e económica e o cambio climático. O día 20, o Consello Europeo nomea ao belga Herman Van Rompuy primeiro Presidente Permanente do Consello da UE, e a Catherine Ashton, a Comisaria de Comercio británica, Alta Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.

Decembro

O día 1 entra en vigor o Tratado de Lisboa. No Consello Europeo en Bruxelas dos días 10 e 11, apróbase o "Programa de Estocolmo", destinado a impulsar o desenvolvemento da liberdade, a xustiza e a seguridade de 2010 a 2014. O día 19 asínase o Acordo Climático de Copenhague. Pese a considerarse un paso cara a un futuro acordo de aplicación mundial, non é vinculante. A UE propuxo reducir as súas emisións de CO2 se tamén o facían os demais países. O día 22 Serbia solicita a súa adhesión á UE.

2010 editar

Xaneiro

O día 1 España asume a Presidencia rotatoria do Consello da Unión Europea por cuarta vez. É o primeiro país en exercela baixo o Tratado de Lisboa e o novo sistema de "trío de presidencias",[37] o que significa un labor conxunto cos dous países a quen corresponde a presidencia seguidamente, Bélxica e Hungría. O día 26 a UE ofrece 400 millóns de euros para axuda e reconstrución en Haití, devastado por un terremoto.

Febreiro

O día 9 o Parlamento Europeo aproba a segunda Comisión Barroso con 488 votos a favor, 137 en contra e 72 abstencións. O día 11, nunha reunión informal en Bruxelas, os Xefes de Estado o de Goberno acordan apoiar os esforzos do Goberno grego para alcanzar os obxectivos do Programa de Estabilidade en 2010. O Presidente Barroso presenta as súas prioridades para a estratexia "Europa 2020" e insiste en que a UE debe perfilar a súa propia maneira de saír da crise e construír un novo modelo económico.

Marzo

No Consello Europeo celebrado en Bruxelas o día 26, os líderes da UE aproban os obxectivos do "Programa Europa 2020". Ademais, os 16 países membros da eurozona dan o seu apoio a un plan para axudar a Grecia a saír do déficit.

Abril

O día 10, o Presidente polaco, Lech Kaczynski, a súa esposa e outras personalidades civís e militares morren nun accidente aéreo cando se dirixían a Smolensko (Rusia) para conmemorar o 70º aniversario do masacre de Katyn.

Maio

O día 7 os Xefes de Estado e de Goberno da zona euro comprométense a acentuar o saneamento fiscal, reforzar a coordinación económica e adoptar medidas de control orzamentario na defensa da moeda única.

Xuño

O día 17 no Consello Europeo de Bruxelas, os dirixentes da UE adoptan unha estratexia decenal de crecemento intelixente, sustentábel e integrador, "Europa 2020", e deciden iniciar as negociacións de adhesión de Islandia.

Xullo

O día 1 Bélxica asume a Presidencia semestral do Consello da Unión Europea. As prioridades, entre as que figuran a economía e o medio ambiente, establecéronse con anterioridade de común acordo con España e Hungría que, xunto con Bélxica exercerán estes 18 meses de presidencia rotatoria. O día 23 91 entidades bancarias europeas sométense a probas de estrés para avaliar a súa resistencia ante os choques económicos. Aproban todas menos sete.

Setembro

O día 29 a UE manifesta o seu apoio á poboación romaní (xitana) de Europa e o seu rexeitamento a calquera tipo de restrición á libre circulación de cidadáns da UE.

Outubro

O día 29 o Consello Europeo debate o fortalecemento da eurozona e a maneira de lograr unhas economías máis resistentes ás crises.

Novembro

O día 12 os líderes do G-20 comprométense, no Cumio de Seúl, a adoptar un Plan de Acción Conxunto para fomentar un crecemento máis equilibrado na economía mundial. O día 28 a UE acorda apoiar a economía irlandesa para contribuír a salvagardar a estabilidade do euro.

Decembro

O día 11 a Conferencia de Cancún sobre o clima conclúe coa sinatura dun acordo global para unha acción polo clima despois de 2012. O día 20 utilízase por primeira vez o procedemento de cooperación reforzada (inicialmente a lexislación da UE aplicábase só nalgúns países membros) ao autorizar o Consello Europeo o dereito das parellas internacionais que viven na UE de elixir o país cuxa lexislación teña que aplicarse en caso de separación ou divorcio.

2011 editar

Xaneiro

O día 1 Estonia adopta o euro e pasa a ser o décimo sétimo país da eurozona. Hungría asume a Presidencia semestral rotatoria do Consello da UE. O seu programa céntrase en catro temas prioritarios: crecemento e emprego integradores, políticas reforzadas de alimentación, enerxía e auga, unha Unión accesíbel para o cidadán e ampliación e política de veciñanza. Entran en funcións tres novas autoridades de supervisión financeira: a Autoridade Bancaria Europea, a Autoridade Europea de Seguros e Pensións de Xubilación e a Autoridade Europea de Valores e Mercados. O día 18 iníciase o primeiro "Semestre Europeo", ciclo semestral de coordinación da política económica entre os países da UE pensado para previr crises económicas como a de 2008-2010.

Febreiro

O día 4 o Consello Europeo ofrece todo o seu apoio á transición pacífica á democracia nos países veciños do sur do Mediterráneo (Exipto, Tunisia e Libia). O día 17 o Parlamento Europeo aproba unha Resolución que concede o apoio político e financeiro da UE á transición democrática en Exipto e reitera a solidariedade coa "Revolución de Xazmín" tunesina, á vez que deplora a violencia que se cobrou varias vidas.

Marzo
 
Cumio do G20 en Cannes (Francia), en 2011.

O día 11 a Unión Europea activa o seu mecanismo de protección civil para coordinar o labor de asistencia e solidariedade tras o devastador terremoto e o conseguinte tsunami no Xapón. O día 17 unha declaración conxunta de Herman Van Rompuy, Presidente do Consello Europeo, e Catherine Ashton, Alta Representante da UE, celebra a Resolución 1973 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas encamiñada a acabar co sufrimento dos civís libios afectados polo conflito co Goberno de Gaddafi. O día 25 no Consello Europeo de Primavera, celebrado en Bruxelas, elabórase un paquete completo de medidas para fortalecer a economía europea. Para consolidar a coordinación da política económica na Unión Económica e Monetaria créase o "Pacto polo Euro Plus".

Abril

O día 7 o Parlamento Europeo adopta unha Resolución sobre a represión das protestas en Bahréin, Siria e o Iemen, na que condena o uso da violencia contra os manifestantes e insta ás autoridades a escoitar as peticións de liberdade.

Maio

O día 25 alcánzase un acordo sobre o novo "Selo de Patrimonio Europeo", unha distinción que se concederá aos lugares que contribuíran á construción e á consolidación da Unión Europea. Os países da UE poderán propoñer lugares cada dous anos e a distinción só poderá recaer nun lugar por país. O día 26 Ratko Mladić, acusado de xenocidio e crimes de guerra, é detido polas autoridades serbias, eliminándose así un obstáculo para a adhesión deste país á UE.

Xuño

O día 23 a Comisión e o Parlamento poñen en marcha un rexistro de transparencia común para grupos de interese da UE, resultado da fusión dos seus rexistros respectivos. O novo rexistro marca un fito na mellora da transparencia. O día 24 o Consello Europeo acorda que as negociacións de adhesión con Croacia deberían concluírse a finais de xuño de 2011, co fin de que este país poida converterse no vixésimo oitavo membro da UE en 2013. O día 30 o Parlamento grego aproba un severo paquete de medidas de austeridade e reformas estruturais para reducir a débeda nacional e incrementar a competitividade da economía. A UE reitera o seu apoio e solidariedade. O día 30 a Comisión Europea propón un plan de gasto plurianual da UE (2014-2020) para estimular o crecemento.

Cronoloxía institucional editar

Firmado
En vigor
Documento
1948
1948
Primeiro Tratado de Bruxelas
1951
1952
Tratado de París
1954
1955
Segundo Tratado de Bruxelas
1957
1958
Tratado de Roma
1965
1967
Tratado de Merger
1975
N/A
Declaración sobre a Unión Europea
1986
1987
Acta Única Europea
1992
1993
Tratado de Maastricht
1997
1999
Tratado de Ámsterdan
2001
2003
Tratado de Niza
2007
2009
Tratado de Lisboa
               
                       
Tres piares da Unión Europea:  
Comunidades Europeas:  
Comunidade Europea da Enerxía Atómica (Euratom)
Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) Expirado en 2002 Unión Europea (UE)
    Comunidade Económica Europea (CEE) Comunidade Europea (CE)
    TREVI Asuntos de Xustiza e de Interior (AXI)  
  Cooperación Xudicial e Policial en materia Penal (CXPP)
  Cooperación Política Europea (CPE) Política Exterior e de Seguridade Común (PESC)
Órganos non consolidados Unión Europea Occidental (UEO)    
Expirado en 2010  
                     


Notas editar

  1. Tamén ten outra sede en Bruxelas.
  2. Que son os dous elementos necesarios para fabricar armas de guerra.
  3. "Robert Schuman. 1950". El Mundo (en español). Consultado o 6/1/2012. 
  4. europa.eu. "A peaceful Europe - the beginnings of cooperation". Consultado o 6/1/2012. 
  5. ena.lu. "A European Atomic Energy Community". Arquivado dende o orixinal o 12/08/2011. Consultado o 6/1/2012. 
  6. ena.lu. "A European Customs Union". Arquivado dende o orixinal o 02/07/2011. Consultado o 6/1/2012. 
  7. Islandia na actualidade forma parte da UE.
  8. Merging the executives Arquivado 12 de agosto de 2011 en Wayback Machine. ena.lu
  9. ena.lu. "The first enlargement". Arquivado dende o orixinal o 09/08/2011. Consultado o 6/1/2012. 
  10. Os partidos fundadores son: a Democracia Cristiá italiana, os neerlandeses Partido Popular Católico, Unión Histórica Cristiá e Partido Revolucionario, o Partido Cristián Social de Luxemburgo, os alemáns Unión Demócrata Cristiá e Unión Social Cristiá, de Baviera, os franceses Centro Democrático e Unión de Centristas do Progreso, os belgas Partido Popular Cristián e Partido Social Cristián, e o irlandés Familia irlandesa.
  11. El genocidio armenio envenena la relación entre Ankara y París Diario El País (España), 23/12/2011 (en castelán).
  12. A principios de outubro de 2012, o presidente Sarkozy, de visita en Armenia, instou a Ankara a que revisara a súa historia e que recoñecera o xenocidio armenio nun período breve, antes de que finalizara o seu mandato, en maio de 2012. En decembro, Erdogan ameaza a Francia con graves consecuencias e declara que esta situación supón un impacto "irreparábel" nas relacións franco-turcas. Tan só dous días despois, o 22 de decembro de 2012, Turquía suspende as relacións políticas e militares con Francia en resposta á aprobación polo Parlamento francés dunha lei que castiga con pena de cárcere e unha multa de 45.000 euros a negación da matanza de armenios polo Imperio otomán, en 1915, por considerala un xenocidio. Ante isto, o embaixador turco en Francia, Tahsin Burcuoglu, ao que Ankara chamou a consultas, advertiu ás autoridades galas de que "Turquía ten un límite", e que vai a haber consecuencias. Diario El Mundo (España).
  13. ena.lu. "Single European Act". Arquivado dende o orixinal o 30/09/2007. Consultado o 6/1/2012. 
  14. Parlamento Europeo (ed.). "Berlín, la ciudad de la reunificación" (en español). Consultado o 7/1/2012. 
  15. A este partido adheríronse o Partido Socialista de Albania, o Partido Socialdemócrata de Alemaña, o Partido Socialdemócrata de Austria, o Partido Socialista Belga, o Partido Socialista Búlgaro, o Partido Socialdemócrata Checo, o Movemento pola Socialdemocracia chipriota, os Socialdemócratas daneses, o eslovaco Dirección-Socialdemocracia, o Partido Socialdemócrata esloveno, o Partido Socialista Obreiro Español, o Partido Socialdemócrata de Estonia, o Partido Socialdemócrata Finés, o Partido Socialista francés, o Movemento Socialista Panhelénico (PASOK), o Partido Socialista húngaro, o Partido Laborista irlandés, os Demócratas de Esquerdas italianos, o Partido Obreiro Socialdemócrata Letón, o Partido Socialdemócrata lituano, o Partido Obreiro Socialista Luxemburgués, a Unión Social Demócrata de Macedonia, o Partido Laborista maltés, Partido Laborista noruegués, o Partido do Traballo neerlandés, a polaca Alianza da Esquerda Democrática, o Partido Socialista portugués, o Partido Laborista inglés, o Partido Socialdemócrata Romanés e o Partido Socialdemócrata Sueco.
  16. Characteristics of the Treaty on European Union Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine. ena.lu
  17. Quizás debido á súa condición de luxemburgués, pero finalmente sucedeu ao francés Jacques Delors na Presidencia da Comisión Europea en 1995, e foi predecesor de Manuel Marín, que chegou ao cargo en 1999. Foi galardoado co Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais no ano 1998.
  18. "The crisis of the Santer Commission". European NAvigator. Arquivado dende o orixinal o 07/06/2011. Consultado o 7/1/2012. 
  19. Palabras de Europa, palabras de unión Arquivado 06 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. Fundación BBVA. (en castelán) Consultada o 7/1/2012.
  20. "El espacio y la cooperación Schengen" (en español). Consultado o 7/1/2012. Síntesis de la legislación de la Unión Europea  (en castelán). Consultada o 7/1/2012.
  21. Por outra parte, Dinamarca cuestionou á súa paricipación na cooperación en 2011, cando as autoridades volveron a poñer alfándegas nas fronteiras, decisión que, porén, foi anulada o mesmo ano: Dinamarca aprueba instaurar controles aduaneros pese al recelo de la UE Arquivado 17 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. El Mundo (España), 01/07/2011 (en castelán). Consultada o 7/1/2012.
  22. The Treaty of Amsterdam Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine. ena.lu
  23. Ringer, Nils F. (2003). "The Santer Commission Resignation Crisis" (PDF). University of Pittsburgh. Consultado o 7/1/2012. 
  24. Hoskyns, Catherine; Michael Newman (2000). Democratizing the European Union: Issues for the twenty-first Century (Perspectives on Democratization. Manchester University Press. pp. 106–7. ISBN 978-0719056666. 
  25. Oficina Europea de Loita contra a Fraude, entidade que protexe os intereses financeiros da UE. A súa misión principal é a loita contra a fraude, así como a corrupción política e calquera outra actividade que afecte ao orzamento da UE, dunha maneira responsábel, transparente e eficiente.
  26. "EU Budget Fraud". politics.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 19/06/2006. Consultado o 7/1/2012. 
  27. Prodi to Have Wide, New Powers as Head of the European Commission iht.com 16/04/1999
  28. Javier Solana/Spain: Europe's First Foreign Minister? businessweek.com
  29. Só a parte grecochipriota.
  30. Vote EU 2004 news.bbc.co.uk
  31. The new commission - some initial thoughts Arquivado 23 de setembro de 2006 en Wayback Machine. bmbrussels.b
  32. La actualidad alemana (ed.). "Historia y Presente" (en español). Arquivado dende o orixinal o 18 de decembro de 2011. Consultado o 9 de mayo de 2009. 
  33. EU Leaders Adopt 50th Anniversary Berlin Declaration Deutsche Welle 25/03/07
  34. En 2011 incorporaríase Mayotte (Francia) como rexión ultraperiférica da Unión, a raíz do referendo celebrado en 2009.
  35. "Slovenia clear to adopt the euro". British Broadcasting Corporation. Consultado o 7/1/2012. 
  36. Desde 2009 o G-20 desprazou ao G-8 e ao G-14 como foro de discusión da economía mundial. Página|12 (Arxentina), 26/9/2009. (en castelán) Consultada o 7/1/2012.
  37. Presidente Permanente da UE, Presidente rotatorio do Consello e Presidente da Comisión.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar