Conferencia de Ialta

A Conferencia de Ialta, ás veces chamada Conferencia de Crimea ou co nome en clave de Conferencia dos Argonautas, foi o encontro en tempo de guerra entre o 4 e o 11 de febreiro de 1945 mantido polos xefes de goberno dos Estados Unidos de América, o Reino Unido, e a Unión Soviética: Franklin D. Roosevelt, Winston Churchill, e Iosif Stalin, respectivamente.

Winston Churchill, Franklin D. Roosevelt e Iosif Stalin en Ialta no 45.

Aspectos xerais editar

O 4 de febreiro de 1945 Roosevelt, Churchill e Stalin reuníronse en Ialta, na Península de Crimea. Foi a segunda das longas conferencias en tempo de guerra, precedida pola Conferencia de Teherán en 1943, e sucedida pola Conferencia de Postman (trala morte de Roosevelt) en 1945.

O líder soviético refusou viaxar máis lonxe do encrave no Mar Negro de Ialta, na costa de Crimea para a seguinte reunión e, unha vez máis, Churchill e Roosevelt fixeron grandes viaxes para atender á reunión. Cada un dos tres líderes levou a súa propia axenda á conferencia de Ialta. Roosevelt tentaba acadar o apoio soviético na guerra do Pacífico arredor da invasión do Imperio do Xapón; Churchill presionaba por unhas eleccións libres e institucións democráticas en Europa do Leste (e máis concretamente en Polonia), mentres que Stalin tentaba establecer unha esfera de influencia soviética en Europa Oriental a través dos Soviets, o que era esencial para a seguridade da URSS.[Cómpre referencia] Ademais, os tres tentaban establecer unha axenda sobre como sería gobernada Alemaña trala guerra. En 1943 unha tese de William Bullitt profetizou o “fluxo da ameba vermella cara a dentro de Europa”, e bastante ironicamente, Stalin tiña a vantaxe militar.[Cómpre referencia] A Unión Soviética tiña fisicamente baixo o seu control a maior parte de Europa do Leste. Mentres que os aliados tiñan as mans totalmente ocupadas coa invasión de Francia, o Exército Vermello traspasara as fronteiras orientais do Terceiro Reich pagando un alto custo. No momento da Conferencia de Ialta, o xeneral ruso Gueorgui Zhukov estaba tan só a corenta millas de Berlín. Ademais, Roosevelt agardaba contar co compromiso de Stalin de que a URSS participaría nas Nacións Unidas. Con respecto ó primeiro tema na axenda soviética —Europa do Leste— o asunto concernente a Polonia xurdiu inmediatamente. Stalin foi rápido en expor a súa idea coas seguintes palabras:

Para o pobo ruso, a cuestión de Polonia non é tan só unha cuestión de honor senón tamén unha cuestión de seguridade. A través da historia, Polonia ten sido o corredor a través do cal o inimigo ten entrado en Rusia. Polonia é asunto de vida ou morte para Rusia.[Cómpre referencia]

Consecuentemente, Stalin deixou claro que algunhas das súas demandas acerca de Polonia non eran negociábeis: os rusos tomarían parte do territorio oriental de Polonia e esta sería compensada coa extensión das súas fronteiras polo oeste, forzando ó exilio a millóns de alemáns. Stalin prometeu eleccións libres en Polonia, a pesar do goberno comunista satélite instalado recentemente. No entanto, axiña se fixo patente que Stalin non tiña intencións de manter a súa promesa de eleccións libres. As eleccións, celebradas en xaneiro de 1947 e que tiveron como resultado a transformación oficial de Polonia nun estado socialista en 1949, foron amplamente consideradasModelo:Quem como manipuladas a favor dos partidos comunistas.[Cómpre referencia]

Roosevelt estaba decidido a acadar o apoio da URSS na guerra do Pacífico. Unha condición previa para que a URSS lle declarase a guerra ó Xapón foi o acordo entre a URSS e os EEUU que recoñecía a independencia de Mongolia respecto da China. Este acordo levouse a cabo sen negociacións diplomáticas coa China. Pouco despois da fin da Conferencia de Ialta, a URSS declarou formalmente a guerra contra o Xapón e tropas soviéticas ocuparon partes do norte do arquipélago nipón. Máis adiante, isto causou unha disputa territorial entre o Xapón e Rusia, dende que Rusia non asinou o Tratado de Paz de San Francisco co Xapón e non se asinou ningún tratado de paz entre eles dende entón.

 
Unha habitación do palacio onde se reuniron os tres líderes.

Roosevelt aceptou o prezo de Stalin, coa esperanza de que a URSS sería tratada con máis facilidade a través das Nacións Unidas cando participase nelas. Algúns estadounidenses[quen?] consideraron máis tarde que o de Ialta foi unha "vendida", porque lles deu coraxe ós soviéticos para expandiren a súa influencia no Xapón e Asia e tamén porque Stalin violou finalmente os termos ó formar o bloque soviético. Ademais, os soviéticos acordaron unirse ás NNUU cunha fórmula que lles daba dereito a veto ós membros permanentes do Consello de Seguridade, asegurándose que así cada país podería bloquear as iniciativas que non lle interesaban. Algúns críticos suxeriron que a falta de saúde de Roosevelt (Ialta foi a súa derradeira gran conferencia denantes de morrer por unha hemorraxia cerebral) foi a culpa da súa aparente falta de xuízo. Naquel intre, a URSS tiña tropas en gran parte de Europa do Leste cunha dotación militar tres veces maior que as forzas de Eisenhower.

Os tres líderes ratificaron os acordos previos para a división de Alemaña: habería tres zonas de ocupación, cada unha das cales para cada un dos estados dominantes (Francia tería máis adiante unha porción cando os Estados Unidos e o Reino Unido dividiron as súas respectivas zonas e lle deron parte a Francia). O mesmo Berlín, malia estar en zona soviética, tamén sería dividido en tres sectores, e converteríase no maior símbolo da guerra fría pola división da cidade co Muro de Berlín, construído polo goberno comunista alemán.

Os líderes decidiran ademais que tódolos gobernos orixinais serían restaurados ós países invadidos e que tódolos civís serían repatriados. Estableceríanse democracias e tódolos territorios celebrarían eleccións libres, e a orde sería restaurada en Europa, tal e como di a seguinte declaración.

O establecemento da orde en Europa e a reconstrución da vida nacional económica cómpre que sexan acadados por procesos que permitirán ós pobos liberados destruíren os derradeiros vestixios de nazismo e fascismo e crearen institucións democráticas de acordo coa súa elección.

O encontro editar

 
O encontro dos tres líderes tivo lugar no Gran Palacio Livadia.

A Conferencia tivo lugar en Ialta, unha vila de descanso na península de Crimea, na RSS de Ucraína. A delegación americana foi hospedada no antigo palacio dos tsares, mentres que Roosevelt estivo no Palacio Livadia onde tiveron lugar os encontros. A delegación británica foi instalada no castelo do Príncipe Vorontsov de Alupka. Os membros importantes das delegacións foron Edward Stettinius, Averell Harriman, Anthony Eden, Alexander Cadogan e Vyacheslav Molotov. Segundo Anthony Beevor, tódalas habitacións foron telefonicamente intervidas polo NKVD.[Cómpre referencia] Stalin chegou por tren o 4 de febreiro. A reunión comezou cunha cea oficial aquela tarde.

Puntos importantes editar

Os puntos claves da reunión foron os seguintes:

  • Houbo un acordo de que a prioridade debería ser a rendición incondicional da Alemaña nazi. Trala guerra, Alemaña debería ser dividida en catro zonas de ocupación, así como unha ocupación cuadripartita de Berlín.
  • Stalin mostrouse de acordo en deixar a Francia a cuarta zona de ocupación en Alemaña e Austria, establecida á parte das zonas británica e americana. Francia tamén tería un posto garantido no Consello de Control Aliado.
  • Alemaña debería ser demilitarizada e desnazificada.
  • As reparacións de Alemaña deberían ter lugar parcialmente en forma de traballos forzados.
  • Creación dun consello de reparación aliado con sede en Moscova.
  • O status de Polonia foi discutido, pero foi complicado polo feito de que Polonia estaba naquel momento baixo o control do Exército Vermello. Foi acordado reorganizar o Goberno Provisional Polaco que fora establecido polo Exército Vermello a través da inclusión doutros grupos como o Goberno Provisional Polaco de Unidade Nacional e de ter eleccións democráticas. Isto efectivamente excluíu ó lexítimo goberno polaco no exilio que fora evacuado en 1939.
  • A fronteira do leste de Polonia seguiría a Liña Curzon, e Polonia recibiría compensacións substanciais territoriais ó oeste por parte de Alemaña.
  • Os cidadáns da Unión Soviética e de Iugoslavia deberían ser devoltos ós seus respectivos países, sen importar o seu consentimento.
  • Roosevelt obtivo o compromiso de Stalin de participar nas Nacións Unidas unha vez foi acordado que cada un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade tería poder de veto.
  • Stalin acordou entrar na loita contra o Imperio do Xapón despois de 90 días trala derrota de Alemaña. A Unión Soviética recibiría a parte sur de Sakhalin e as Illas Kuriles trala derrota do Xapón.
  • Millóns de soviéticos ciscados por Europa foron forzados a volver á URSS.
  • Un Comité de Desmembramento de Alemaña foi creado. O seu propósito foi decidir se Alemaña tería que ser dividida en varias nacións, e se así fose, que fronteiras e relacións terían que ter os novos estados alemáns.

Legado editar

Ialta foi a derradeira gran conferencia anterior á fin da guerra e a última viaxe que fixo Roosevelt ó estranxeiro. Para os observadores apareceu deseguida enfermo e canso.[Cómpre referencia] Razoadamente, o seu tanto máis importante foi asegurarse a participación da Unión Soviética nas Nacións Unidas, que conseguiu co prezo de garantir o poder de veto a cada membro permanente do seu Consello de Seguridade. Outro dos seus obxectivos era levar á Unión Soviética á loita contra o Xapón, xa que a efectividade da bomba atómica estaba aínda sen probar. Como recompensa, permitíuselle á Unión Soviética ocupar Sakhalin e as Illas Kuriles, que estiveran sempre baixo soberanía xaponesa, e outros privilexios na China colonial permaneceron intactos.

O Exército Vermello expulsara á maioría das forzas nazis do leste de Europa, polo que Stalin acadou os seus obxectivos: unha significativa esfera de influencia como zona intermediaria. Neste proceso, a liberdade de pequenos estados foi sacrificada por motivos de estabilidade, o que significou que os países bálticos de Letonia, Lituania e Estonia continuarían sendo membros da URSS.

As alegacións verbo de Ialta xogarían un papel moi importante na política dos Estados Unidos na Guerra Fría. Os conservadores americanos mantiñan que as decisións tomadas en Ialta foron unha traizón ás nacións do leste europeo xa que propiciaron a súa dominación polo comunismo. Durante a época do mccartismo, Ialta foi a peza central de acusacións contra os demócratas de que eran "brandos co comunismo".

A opinión alternativa mantén que pouco podían facer Roosevelt e Chuchill para evitaren o dominio de Stalin sobre as nacións do leste sen chegaren á guerra coa Unión Soviética, xa que o Exército Vermello controlaba completamente eses territorios do leste. Coa guerra no Pacífico continuando, e a bomba atómica sen rematar (restaban dous meses), Roosevelt probablemente quixo mellorar a súa posición negociadora unha vez que a bomba fose introducida. Stalin amosouse de acordo en Ialta co principio dunha Europa liberada, que establecía que os pobos liberados terían dereito ó autogoberno democrático. Stalin tamén estivo de acordo en que Polonia fose democrática, cunhas eleccións libres tan pronto coma fose posible. A opinión alternativa[quen?] mantén que o problema non foron os acordos de Ialta, senón a violación de Stalin dos mesmos.

Os historiadores din que Stalin xa amosara a súa inmoralidade,[Cómpre referencia] como demostrara na purga do exército ruso nos anos trinta e, máis recentemente, a súa falta de vontade a axudar á insurrección en Varsovia no 1944, e que polo tanto non se podería ter confiado nel. Porén, en outubro de 1944, Stalin e Churchill acordaran no Acordo das Porcentaxes como dividir as súas respectivas esferas de influencia. Stalin mantería a maioría deste acordo, incluíndo a denegación de apoio ás guerrillas comunistas na Grecia, que Stalin acordara como parte da esfera de influencia británica. Tamén influíu o feito de que, ó remate do día, Stalin podería ter optado por non permitir a entrada dos aliados en Berlín. Era parte do territorio soviético, e podería ter dito que non de querelo. Polo tanto, naquel intre, non había nada que permitise imaxinar que a situación acabaría como acabou.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Best, Geoffrey. Churchill: A Study in Greatness. Londres: Hambledon and Londres, 2001.
  • Clemens, Diane S. "Yalta Conference." World Book. 2006 ed. vol. 21. 2006, 549.
  • Meacham, John. Franklin and Winston: An Intimate Portrait of an Epic Friendship. Nova York: Random House Inc., 2003.
  • O’Neil, William L. World War II: a Student Companion. Nova York: Oxford UP, 1999.
  • Perisco, Joseph E. Roosevelt’s Secret War. Nova York: Random House, 2001.
  • “Portraits of Presidents: Franklin D. Roosevelt.” School Arts Magazine febreiro 1999: 37. Student Research Center. EBSCO Host. Philadelphia. 2 Apr. 2006. Keyword: FDR.
  • Snyder, Louis L. World War II. Nova York: Grolier Company, 1981.
  • Sulzberger, C L. American Heritage New History of World War II. Ed. Stephen E. Ambrose. Nova York: Viking Penguin, 1998.
  • Waring, J. G. A student's experience of Yalta
  • “Yalta Conference.” Funk and Wagnalls New Encyclopedia. World Almanac Education Group, 2003. SIRS DISCOVER. Philadelphia. 2 de abril de 2006. Keyword: Yalta Conference.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar