Contraforte (xeografía)

En xeografía e xeoloxía denomínase contraforte a unha ramificación de montañas de escaso desenvolvemento, unidas a ambos os lados dunha cordilleira.[1]

Contrafortes ao norte do monte Everest (Himalaia), vistos desde a vertente tibetana.

Definición editar

En xeoloxía os contrafortes poden ser:[2]

  • Unha aresta secundaria dunha montaña que se apoia case perpendicularmente sobre a aresta principal.
  • Unha ramificación lateral dunha cadea de montañas ou dunha cordilleira; os contrafortes case sempre se encontran nunha posición perpendicular, ou polo menos oblicua, á dirección da cordilleira principal. Trátase dun ramal que se separa dunha cadea maior.
  • Unha ramificación secundaria dunha cadea de montañas.
  • Unha cadea montañosa que arranca da principal.

Concepto editar

Un contraforte é un grupo de pequenas montañas que derivan dun sistema orográfico maior (cordilleira ou serra), e que xeralmente son máis baixas que este sistema, e tamén e chama así á parte dunha montaña formada por unha aresta secundaria que se apoia contra unha aresta principal.[3]

As cordilleiras da Terra teñen unha estrutura arbórea máis ou menos definida, na que varias ramificacións teñen en común un eixe principal. As ramificacións son as serras que representan os contrafortes, e o eixe é a cordilleira principal.

Por analoxía co contraforte en arquitectura, tamén se chama así o bordo resultante da erosión dunha montaña.

Exemplos editar

Exemplos moi evidentes de contrafortes na xeografía son:

  • En Europa, os Prealpes ao bordo dos Alpes, serie de cadeas e grupos montañosos que flanquean por ambos os lados o principal arco alpino, formando os contrafortes dos Alpes, por oposición aos macizos centrais. Distínguense dos Alpes tanto pola prevalencia da súa estrutura calcaria como, por regra xeral, pola menor altura e rugosidade, polo conseguinte desenvolvemento modesto dos glaciares e pola prevalencia das formas da montaña media.[4] ou en Cataluña, a serra da Albera, que é a continuación da cadea de montañas dos Pireneos, e un dos últimos contrafortes desta cordilleira, e o principal contraforte oriental deles, aínda que a súa baixa altitude e a erosión fan que teñan características moi diferentes ás do eixo central dos Pireneos.[5]
  • En Suramérica son típicos os contrafortes do flanco occidental dos Andes peruanos. Os contrafortes andinos representan para a costa peru a interrupción de vales e desertos debido á presenza de cadeas de cerros ou cordilleiras que van en sentido perpendicular ao litoral e á cordillera occidental dos Andes.
  • Tamén son importantes, en Asia, os do Himalaia, que forman parte dun complexo orográfico maior: o sistema dos Himalaias, un conxunto composto polas cordilleiras do Himalaia, o Karakorum, o Hindu Kush e diversas outras subcordilleiras que se estenden a partir do nó do Pamir e as súas subcordilleiras adxacentes.

En xeomorfoloxía editar

En xeomorfoloxía, rama da xeoloxía, tamén se denominan contrafortes aos promontorios que se proxectan, en disposición máis ou menos perpendicular, dunha escarpa ou dunha cordilleira.

Notas editar

  1. contraforte, 3ª acep., no Dicionario da RAG,
  2. Contrafuerte Arquivado 05 de decembro de 2021 en Wayback Machine. no Glosario de proteccioncivil.es
  3. VV.AA.(1990): Gran Enciclopedia Larousse. Tomo 6. Barcelona: Editorial Planeta, S. A. ISBN 84-320-7336-8.
  4. Prealpi na Enciclopedia Treccani (en italiano).
  5. Serra de l’Albera na Enciclopèdia Catalana (en catalán).