Cacho

Termo zoolóxico

O cacho,[1] voz derivada do latín vulgar cacculu, e esta do latín caccabu, "ola", é unha cuberta dura e ríxida, constituída por unha única peza de forma máis ou menos arredondada, ovalada ou cuadrangular, do exoesqueleto ou casca dos crustáceos decápodos braquiúros (centolas, bois, nécoras etc.) que recobre o seu cefalotórax pola parte dorsal, servíndolle de coiraza protectora.[2]

Vista ventral do cacho dunha centola.
Debuxo dun lagostino, coa súa casca ou exoesqueleto (en rosa), destacando o cacho (en vermello).

Atendendo á semellanza dos cefalotórax dos crustáceos decápodos braquiúros co dos macruros,[3] antiga subdivisión dos decápodos, en oposición a braquiúros, hoxe sen validez taxonómica, pódese estender a voz cancho, na linguaxe de divulgación científica, para designar a cuberta do cefalotórax dos macruros (lagostas, lumbrigantes, cigalas, lagostinos e camaróns).

Hai outro grupo dos decápodos, o dos anomuros (Anomura),[4] esta si con validez taxonómica, xa que constitúen unha infraorde dos decápodos, caracterizados por teren abdomes de diferentes tipos,[5][6][7] cuxos representantes máis coñecidos son os cangrexos ermitáns, aos que non se lle pode aplicar o termo cacho, xa que, ao teren o abdome moi brando, agóchanse en cunchas de gasterópodos, das que só sobresaen os ollos e as patas. (A outros membros da infraorde, menos coñecidos, como os cangrexos porcelana ou os galateidos, si)

Cando o cacho se proxecta cara a adiante, máis alá dos ollos, esta proxección do exoesqueleto denomínase rostro (en latín científico, rostrum).

Notas editar

  1. "cacho no dicionario da [[RAG]], 3ª acepción". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 01 de xaneiro de 2013. 
  2. En realidade, o termo é unha ampliación do campo semántico da primeira acepción das que figuran no dicionario da RAG.
  3. Macruro, do grego μακρός makrós, "longo", "grande" e ουρά ourá, "cola".
  4. Do grego άνomos ánomos "sen lei" e ουρά ourá, "cola", é dicir "con colas de diferentes tipos".
  5. Gary Poore (2004): "Anomura – hermit crabs, porcelain crabs and squat lobsters". Marine Decapod Crustacea of Southern Australia: a Guide to Identification. CSIRO Publishing. pp. 215–287. ISBN 978-0-643-09925-8. [1]
  6. "Anomura". www.itis.gov. Consultado o 2021-02-09. 
  7. Anomura en NCBI. (en inglés).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar