Lumbrigante

crustáceo mariño
Lumbrigante
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante [1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Familia: Nephropidae
Xénero: Homarus
Especie: H. gammarus
Nome binomial
Homarus gammarus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
  • Cancer gammarus Linnaeus, 1758
  • Astacus marinus Fabricius, 1775
  • Astacus gammarus Pennant, 1777
  • Homarus marinus Weber, 1795
  • Astacus europaeus Couch, 1837
  • Homarus vulgaris H. Milne-Edwards, 1837

O lumbrigante[2] (Homarus gammarus, Linné 1758), tamén chamado cereixo,[3] é un crustáceo mariño decápodo macruro (de abdome ben desenvolvido), moi prezado pola calidade da súa carne. Caracterízase polo seu primeiro par de patas rematado en grandes pinzas.

Descrición editar

Casca de cor negra azulada, con manchas máis pálidas; de cor amarelada na cara inferior. O bordo lateral dos segmentos do abdome é abrancazado ou vermello. Na casca coexisten dous pigmentos, un azul escuro, dominante, soluble; e outro vermello, insoluble. A cor vermella viva coa que coñecémo-lo lumbrigante no prato, cociñado, aparece só trala cocción, por desaparición dos outros pigmentos da casca, solubles na auga.

 
Cadro de Cornelis de Heem (1631-1695).

A casca do cefalotórax é de forma subcilíndrica, comprimida dorsoventalmente, coa superficie lisa, a diferenza do da lagosta, na que é espiñenta.

Primeiro par de antenas (anténulas) curtas e divididas en dous flaxelos. Segundo par de antenas longo, da mesma lonxitude có corpo, que nacen dunha base pequena e cunha espiña ben visible.

Posúe cinco pares de patas, coma tódolos crustáceos decápodos. O primeiro par é robusto e carácterístico, moito máis grandes cás outras, e remata nunha forte pinza formada por dúas pezas (quelas) desiguais e provistas de varios dentes romos na marxe interna. Estes avultamentos adoitan ser de cor castaña ou avermellada. Normalmente, unha das pinzas -as máis veces, a esquerda- é claramente maior cá outra, sendo a menor máis rápida e cos dentes máis agudos e aserrados. O lumbrigante utiliza a pinza maior para suxeita-las preas e a menor para esgazala en pequenos anacos.

O segundo e terceiro par de patas tamén rematan en pinzas, moito menores cás anteriores. O cuarto e quinto par de patas rematan nunha uña única.

O abdome está formado por seis segmentos ou aneis, que se sobrepoñen ó dobrarse baixo o cefalotórax. Cada segmento posúe dun par de pequenas patas (pleópodos) de función copuladora e ovíxena. Nos machos, os dous primeiros pelópodos están modificados para trasladar os espermatozoides á femia no momento da cópula.

O abdome remata nun último segmento, que forma o telson, plano e rematando nun peite de sedas amarelas ou castañas, tamén presentes nos urópodos que conforman a aleta caudal.

O tamaño medio do lumbrigante oscila entre os 35 e os 50 cm, chegando a talles superiores.

Hábitat editar

O lumbrigante, coma outros crustáceos superiores, é unisexual. O apareamento ten lugar a finais do verán. A femia garda os ovos pegados ó abdome durante 10-12 meses, ata que se produce a eclosión. As larvas pasan por unha primeira fase natatoria ata que alcanzan un talle duns 3 cm, momento no que pasan a unha vida bentónica, para chegar á madurez ó cabo duns 4 anos, cuns 20 cm de lonxitude. Durante o desenvolvemento sofre numerosas mudas da casca, varias ó ano ó principio, que se van reducindo a unha cada dous anos, cando adultas.

Aliméntase de noite, a base de moluscos, vermes e peixes mortos.

Vive en augas pouco profundas, entre fondos rochosos de 2 a 40 m de profundidade. Atópase no Atlántico oriental, desde a altura do norte de Noruega ata os Azores e Marrocos. Tamén está presente no Mediterráneo, ata o Mar Negro.

Pesca editar

Captúrase con nasas especiais, engadadas con peixes ou crustáceos mortos. Ocasionalmente tamén ven enleado nos trasmallos e raeiras.

O talle mínimo autorizado en Galicia é de 25 cm, medidos desde o extremo anterior da espiña infraorbitaria ata o extremo da aleta caudal ou telson.

Adoita comercializarse en fresco, vivo, pero tamén pode atoparse conxelado. Boa parte dos exemplares que se poñen á venda nos nosos mercados ou que se serven nos restaurantes galegos proceden do Reino Unido.

Consómese cocido e con diversas salsas, e tamén simplemente á prancha. Desde hai anos estase estendendo o "arroz con lumbrigante", prato que parece ser orixinal das illas Baleares.

Denominacións antigas editar

  • Cancer gamarus (Linne, 1758)
  • Astacus marinus (Fabricius, 1798)
  • Homarus vulgaris (H. Milne Edwards, 1837)

Sinonimia editar

Nos distintos portos galegos recibe tamén os seguintes nomes:

  • bugre.
  • cereixo (por similitude con certas cereixas de cor vinoso, escuro).
  • labagante, lobagante, lombrigante, lubigante, lubrigante.
  • lagosta francesa (segundo Cornide e o padre Crespo. O adxectivo francés utilízase moito para designar variedades de inferior calidade).

Antón Santamarina supón que a denominación castelá bogavante é unha deformación popular de lobagante.

  • castelán: bogavante.
  • catalán: llamàntol.
  • vasco: abakandoa.
  • Santander: lubricante, ollocántaro, abacanto.
  • Asturias: llocántaro.
  • Baleares: grimalt, llomanto.
  • inglés: lobster, common lobster, European lobster.
  • francés: homard breton (o europeo); homard américain (o canadense).
  • portugués: lavagante.
  • italiano: astice.
  • alemán: Hummer.

Especies semellantes editar

 
Lagosta americana.

No mercado pode atoparse outra especie semellante, o lumbrigante americano (Homarus americanus), máis comunmente denominado canadense, máis grande e de cor máis avermellada. Os gastrónomos aseguran que a súa carne é menos fina e saborosa cá da especie europea.

Estes lumbrigantes canadenses poden alcanzar talles enormes: segundo o Libro Guinness dos Récords, o exemplar máis grande foi capturado en Nova Escocia (Canadá), cun peso de 20,14 kg.

Ás veces podemos atopar textos que describen esta especie baixo a denominación castelá de lagosta (ou lagosta americana). A razón da confusión pode deberse a unha tradución pouco rigorosa do inglés americano, lingua na que o lumbrigante se denomina lobster, palabra que os dicionarios traducen directamente por lagosta.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. M. Butler, A. Cockcroft, A. MacDiarmid & R. Wahle (2011). "Homarus gammarus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2010 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o January 1, 2012. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lumbrigante.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cereixo.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar