Boi (crustáceo)

especie de crustáceo
Boi de mar
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Infraorde: Brachyura
Familia: Cancridae
Xénero: Cancer
Especie: C. pagurus
Nome binomial
'Cancer pagurus'
Linnaeus, 1758
Sinonimia [1]
  • Cancer fimbriatus Olivi, 1792
  • Platycarcinus pagurus H. Milne-Edwards, 1834
  • Platycarcinus pagurus Couch, 1838
  • Cancer luederwaldti Rathbun, 1930

O boi de mar ou simplemente boi (Cancer pagurus, Linné 1758 [2]) é un crustáceo comestible da orde dos decápodos, de grande interese comercial en Galicia. En galego recibe tamén os nomes de noca, isqueiro ou esqueiro[3].

É a especie do xénero Cancer que alcanza maiores tamaños, cun cacho de ata 20 cm de longo e 30 cm de ancho, e pesos de ata 4–6 kg, se ben son absolutamente infrecuentes estes tamaños.

Sinonimia editar

Ademais do nome común de boi, ou boi de mar, recibe tamén os nomes de:

  • Boi de altura
  • Boi de fondío
  • Cangro
  • Esqueiro: denominación baseada do uso que daban os mariñeiros ás súas pinzas para conservar seca a esca [4].
  • Noca, noco, nócara, nócaro, nocla, nocra.
  • Vaca, vaca do mar (a femia)

Os exemplares máis pequenos denomínanse caghón, raeiro ou reeiro.

Descrición editar

Como corresponde á denominación taxonómica da Orde, posúe dez patas, entre as que destaca o primeiro par, dotado dunhas pinzas grandes e moi fortes, coas puntas negras (quelípodos) e dentes romos nas marxes internas. Atribúese o nome común á semellanza destas pinzas cos cornos dun boi[5].

"Llaman los gallegos 'bois' a unos como cangrejos grandes, pero no redondos sino largos de casi un palmo con la crusta tersa y con dos brazos monstruosos; del latín 'boves'. Y porque dichos brazos, que en latín llaman 'chelas', en gallego 'cocas', representan la cornamenta de un buey, se llamaron 'bois' "
Fr. Martín Sarmiento: Colección 1746-1770

As outras son finas, con pelos (ou sedas) ríxidos, curtos e abundantes, sen espiñas, e rematadas en uñas agudas e simples.

O cacho é ovoide, máis ancho ca longo, de cor castaña avermellada, variando segundo o tempo trascorrido trala última muda; os exemplares novos tiran a púrpura. A superficie superior do cacho é lisa, cun fino granulado. Mostra no bordo anterior 9-10 festóns a modo de anchos dentes a cada lado, separados por fisuras pechadas. O ventre é de cor máis clara, case abrancazada.

O abdome queda recollido baixo o cefalotórax, e permite unha fácil identificación do sexo do exemplar: nos machos é estreito e ten 5 segmentos; nas femias é ancho, redondeado e con 7 segmentos.

Bioloxía e hábitat editar

Trátase dunha especie de fondo, que vive a profundidades que oscilan entre os 30 metros, no verán, e os 100, no inverno, sobre fondos areosos ou rochosos. Os exemplares máis novos, ata 5–6 cm, viven na zona intermareal. Depreda sobre outros invertebrados que colonizan o fondo mariño.

Habita en toda a costa atlántica europea, desde o norte de Marrocos ó norte de Noruega (ata uns 70 º N); existen rexistros, pero escasos e antigos, na costa norte do Mediterráneo.

A cópula ten lugar trala muda das femias, que almacenan o seme durante períodos de ata 12-14 meses. A posta de ovos realízase a partir de outono, quedando recollidos polo abdome e os seus apéndices baixo o corpo da femia durante 6-8 meses. As larvas eclosionan no verán e teñen hábitos peláxicos ata que ós 2-3 meses, tras varias mudas, establécense xa no fondo, cun tamaño duns poucos milímetros e xa coa forma característica. É de crecemento moi lento: alcanzan a madurez ó cabo de 5-6 anos de idade, cando chegan a tamaños de 12 cm de lonxitude.

Pesca editar

 
Bois xa cocidos. Á esquerda, unha femia; á dereita, un macho.

Captúrase mediante nasas, cebadas con peixe, ou con artes de arrastre, se ben tamén se poden coller na baixamar baixo as rochas. O talle mínimo son 10 cm (no eixo menor) e a veda está aberta entre novembro e xuño.

Nos últimos anos aumentaron considerablemente as importacións de exemplares procedentes doutros países europeos, como Francia, Reino Unido ou Irlanda. A orixe francesa era a máis frecuente nos primeiros anos desta importación, polo que hoxe, a denominación no mercado distingue comercialmente os bois da ría (de orixe galega) e bois de Francia (de orixe foránea). O galego distínguese porque ten máis pelo nas patas e máis dentes nas pinzas có foráneo.

As capturas desta especie en Galicia [6] oscilaron considerablemente nos últimos anos: na década 2000-2009 hai un mínimo de 2.795 kg en 2001 a un máximo de 22.210 kg en 2005. En 2009, capturáronse 15.733 kg, cun valor de 98.946 euros.

Respecto a cifras totais no mundo, só témo-los datos da FAO referidos a 1999, con pouco máis de 40.000 toneladas, destacando o Reuno Unido, con case 20.000, e Francia, con 8.500.

Comercialización e gastronomía editar

Pode comercializarse de diversas formas: vivo ou cocido (e, neste caso, fresco ou conxelado).

Adoitan prepararse na cociña simplemente cocidos, con sal, ou preparados en salpicón. Gastronomicamente valóranse máis as femias, por teren máis carne e ser esta máis firme.

Notas editar

  1. Mario J. de Kluijver & Sarita S. Ingalsuo. "Cancer pagurus". Macrobenthos of the North Sea. Universiteit van Amsterdam. Arquivado dende o orixinal o 08 de xuño de 2011. Consultado o August 4, 2010. 
  2. Sinonimia Cancer oblongus, Cancer fimbriatus ou Cancer luederwaldti.
  3. RAG
  4. "En las Rías bajas se hacía también este aparato [o esqueiro] con las tenacillas o brazos del crustáceo llamado BOI en Pontevedra (Eladio Rodríguez).
  5. "Denom. metafórica debida a la similitud de sus pinzas con las astas del buey" (Ríos Panisse).
  6. Datos correspondentes ás notas de venda emitidas polas lonxas ou centros autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros frescos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RAMONELL, Rosa: Guía dos mariscos de Galicia. Galaxia, Vigo 1985.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.): Diccionario de diccionarios. Fundación Pedro Barrié de la Maza, Instituto da Lingua Galega, 3ª ed. 2003.
  • ZUDAIRE, Maite e YOLDI, Gema (2005): Pescados y mariscos. Eroski Publicaciones, Elorrio (Biscaia).

Ligazóns externas editar